
Ás veces só tes que afastarte un pouco para ver a fraga enteira…
Vólvenme botar trinta e poucos. É a terceira vez este ano (a de prácticas, a veterana do cole, a compañeira da opo). Que ven elas e eu non? Que é iso que está aí, berrándome en silencio dende os días que virán? O tempo vive namorado de min mentres eu só sei negar coa cabeza como un Drácula tímido. Ou quizais é todo máis sinxelo: quen son, quen fun e quen serei mestúranse nunha espiral infinita. Xa pasei por aquí, un déjà vu, como esa curva que podes coller en cuarta ata cos ollos pechados. O pracer xuvenil de volver coller o tren soa, lixeira, máis vella, tan libre como daquela. Nervios na presentación. Ser a miña paz. Esa certeza que sinto agromar na miña cabeza como unha rima en eco. Sensible e transparente, pero tan real como unha lanza cravada no peito. Escribir, descifrar encabalgamentos dilatados e apócopes extremas como escritura xeroglífica, tres horas aguantando a respiración. Isto era o “fácil”, o que non depende do estudado nin da sorte. Comer, un café á sombra. Debería estar cansa, debería sentirme derrotada. Volven chamarnos, entrégome estoica ao inevitable, “en media hora libre”, mentres cantaruxo sin llaves, a las puertas del instante estoy. Todos tremendo, mans, pernas, brazos, suspiros desesperados, todos agardando polo número desexado. Antes doíame tanto este suspenso… Antes era eu o suspenso. Agora, tan serena que non parezo eu. Quizais volvín ser boa aprendiz. Ou si, esta tamén son eu, esta cara da moeda tamén é a miña esencia. Debería darme vergoña recoñecer que é a primeira vez que fago por min o que levo décadas facendo polos meus. Escoito o 26. O impredicible, outra vez, pasándome, e cantas van este ano? A cámara fai un zoom brusco sobre a miña cara de absoluto estupor. A calma e o sorriso disimulado, deixarme o ombro, que o domingo non darei movido, nos folios. Remato e cando saio ao corredor quedo parada medio segundo para saborear esa sensación de non saber o que vai pasar. Aprobarei? Suspenderei?
Refréscome no baño mentres a cámara fai travelling ás miñas costas, sen que eu me dea conta, ata esa pintada no fondo do baño do que acabo de saír: Eurídice estudió aquí.