
A avoa Elisa tamén era paternalista comigo. Seguramente morreu sen ser consciente. Eu ría, choraba, abrazaba sen medirme, sen pensar en termos fortaleza e debilidade, e eles aproveitaban para sentírense mellor consigo mesmos. Como apagaban os seus lumes queimándome a min. Ela era a auténtica Elisa, eu só podía ser Eli… Quizais por iso nunca quixen poñer lentes de contacto, mellor ser Clark Kent e deixar que se delatasen sós. Pero sempre era eu quen acababa escoitando, entendo, a que acababa acompañándoos a todos cando non podían dar dous pasos no Camiño de Santiago. Podo distinguir esa anomalía cos ollos pechados, ese iceberg que non ule cando se me aparece no medio do océano. Mentres (case) todos caen na trampa de confundir sensibilidade con drama, mentres veñen intentan rescatarme da miña humanidade para non ter mirarse no espello das súas vidas, mentres eu son Pedro Salinas cos lentes de Quevedo, aparece a serenidade elegante de quen non necesita morder nin facer sangue cando te equivocas ou cando es vulnerable, como se soubese que, por fin, estás cambiando o teu fado.
Ao final, a avoa Elisa quixera enterrarse co vestido que levara á miña voda. Quizais na eternidade xa sempre fun Elisa para ela.