Ninguén sabe o que vai pasar. Ninguén sabe o que pode pasar. Agora tócalle a esta incerteza, vella amiga. Xa pasei por aquí, xa caín, xa me erguín tantas veces e en tantas circunstancias… O medo, a pena, o fracaso, a dúbida aparécenseme na porta da sala de profes e eu lévoos a tomar café ao Latino. Contolles que soñei toda a noite cun ovni que me perseguía polo colexio, que eu saía disparada correndo por corredores, escaleiras, polo patio. “Ben, volviches correr. Danme unha pequena clase de Física da tristeza no pano mentres acabo os churros que nos puxeron. “Pero se isto ti xa o sabes!”. Hai algo que medrou en min, invisible, imparable, sen que me dese conta. Unha forza que une o meu presente, pasado e futuro dunha forma que non chego a ser quen de explicar. Está aquí, síntoa vibrando arredor de min. Constante porque todo o sinte. Dá igual cara onde mire, todo ten sentido. A nena, a moza, a muller mestúranse e estíranse no espello, confúndoas, non sei onde empeza unha e onde acaba outra, pero o seu sorriso sempre é xenuíno.

É esta a intuición que se agocha tras os meus lentes?

Hai un ano eu era nai. Así de sinxelo. Hai un ano a química do meu cerebro era outra. Ás veces mírome no espello e non podo evitar querer volver a ela. Mírame dende outra vida, dende outro tempo. Outra realidade. Como tería sido? Daría anos da miña vida. Daríao todo. Todo o bo que teño agora cambiaríao sen dubidar; un golpe de fouce e volver atrás. Non ser profesora, non volver correr por Oira, non pinchar música no patio porque me molesta a música alta…

A dor invisible que é ser a tumba dos teus fillos dúas veces. E o medo facendo das súas, mordéndome ata o óso e eu incapaz de disimulalo. Estou tan tan cansa… Como enterras un vínculo que só ti sentías? Que fas cando non hai tumbas que limpar nin ás que levar flores? Nin fotos nin recordos? A vida que eu xa sentía a través do meu corpo… Os nomes que non me atrevo a pronunciar en voz alta, os nomes que, milagrosamente, non teño en clase. E aguantar, contención, ata que rompes soa en casa. Tirada no chan un luns despois de comer o bacallau que sobrou en casa da miña sogra. Soa, porque así non lle fago dano a el. Nunca deixará de atormentarme saber que tería sido bo pai… Quizais é iso o que máis me proe; como ese algo invisible se nos rompre cada vez que collemos no colo a Xela ou a Sabela. Porque o invisible tamén te esnaquizará por dentro cando descubras que o conto do Principiño se converteu en pesadelo.

Esta intuición é a miña condena. Un día morrerei e enterrarédesme sen poder chegar a imaxinar como vos entendín. Esta maldita lucidez que me cega, un lóstrego atravesándome de cabeza a pés. Como se realmente puidese coñecer pasados que nunca foron meus; antes de min. Velos como quen contempla un greco. Ver sen saber (pero dende cando?). Agora, eu, de pé, tomando café electrocutada sen que ninguén chame ao 061. De quen o herdei? Da Elisa de Arxentina, a irmá que lle escribía cartas ao avó da Peroxa? Aquela (Elisa) pola que tamén me puxeron o seu nome? Ou é dende que me diagnosticaron a miopía? Nin cinco anos tiña, nin unha foto miña sen lentes…

Só (me) queda a compaixón, doce rendición que só eu coñezo.

Só quedo eu axeonllada mentres todos me chaman “Aultre n’auray”.

Todas as cancións de amor falan de ti. Como a primeira vez que escoitei Wonderwall e sentín unha frecha no meu peito de doce anos. Era o amor, pero eu non o sabía. Tampouco de onde viña. Porque eras ti quen tiña que enterrarme. Levar o meu cadaleito coma nós levamos o da avoa Raquel do tanatorio á igrexa; douscentos metros de enteireza e honestidade caladas. De min só habían quedar ducias de lentes de pasta, libros, algún vinilo e recordos, os teus recordos, nada máis. A miña vida só nos teus ollos. Teriamos xogado ao fútbol na praia? Este baleiro que xamais poderei encher. Unha vida sen parto, un enterro sen cadaleito, bágoas inocentes. A vida que non vivirás. Teriamos bailado nalgunha verbena? Teríache acompañado ben, foses feliz ou non?
E non quero.
Sobreponte, esquece, segue adiante. Pasará. Claro que pasará, deixarás de doer como ese pesadelo do que esperto sen lembrar que me angustiaba, pero non será como eles sentencian. Non serás nada, non serás esquecemento. Estarás en sorrisos aínda non inventados, serás esa Perseida que algún día veremos brillar unha noite de agosto cando, quizais, Andrés deixe de ser Andrés e só poida ser Papá ou Papi para sempre. Pero, especialmente, estarás no meu último latexo, alí onde o tempo desaparece e só queda o amor puro, o que había de nós antes de nacer.
Porque todas as cancións xa só falan de ti.
(7 de outubro de 2024)

Fácil

Quizais só é medo. Ou quizais é que vexo vir as cousas. Como tantas outras veces. Como cando de nova non fuches guapa, cando non che entraban porque si, e aprendes a distinguir cando realmente lle gustas a alguén. Como nunha entrevista de traballo. Haberá quen se infle coma un globo; outro espellismo. Pero eu nunca quixen facelo. Non hai peor mentira que a de quen non sabe ser honesto consigo mesmo. E teño medo, por que non recoñecelo? Aquí onde só chego eu. Aquí onde só eu me comprendo e abrazo. Prometo que esta serenidade non volverei emprestala. Quizais outra decepción máis e quizais unha das que me converta no malo da película. Así é como comeza todo. Con medo e profecías que se fan realidade lentamente. Pero que fácil é afastarse, volver desaparecer. Tan fácil coma un chiste malo. O duro, o que provoca reuma no corazón, é ser máis fiable có premio Nobel de Medina todos os putos días, en calquera momento. Pero ata os dromedarios se cansan do deserto.

Entrégrome ao tempo, el non falla nunca .

Repítese a historia. Penúltimo parcial, quen sabe se volverei darlles clase… Ule a primavera. Eles son a miña primavera. E volve esa saudade que moitas veces vén dun futuro que aínda non consigo albiscar. Unha orquídea que bota raíces no meu peito esquerdo. Raíces que me abrazan aínda que eu non me mova.

Chégame un correo electrónico xusto cando xa teño preparados os exames para entregalos e o timbre está a pique de soar. Sorrío pola premeditación. Tamén era venres o día que morreu o tío Tonete pola Covid. E eu conmocionada falándolles de Carvalho Calero…; só fun quen de chorar cando me veu buscar o Rei. A carta que lle escribín mentres lles puña unha película antes Nadal. A carta que repousará coas súas cinzas ou o que decidan seu fillos.

Sento enriba da mesa do profesor coas pernas colgando. Esta calma, este curso rematando e eu sorrindo detrás da máscara. Vólveme abrazar a saudade como se quixese consolarme. É hora de deixar voar…

Elisa, quédate.

Ser só un recordo. Un dos que se borrará antes do que imaxinan. Deilles o mellor de min? Explorando o far west como unha proscrita. Mandándolles sinais de fume dende os meus brazos cruzados. O clic nervioso dun bolígrafo na man. Camiñar e pasear entre eles coma un aguia que controla os seus dominios. Era o mellor momento do día. Ou quizais si se filtrou a esencia da que lles ía deixando pistas inconscientes.

Non caer na tentación de beber do seu cariño, non chucharlles o sangue. Estabamos sós, eles comigo e eu con eles. Enfrontados polas circunstancias, a profesión e o seu papel. Xogos de máscaras, un vals radioactivo, aluando case por primeira vez. Pero quen quere perfección cando pode ter a súa propia narrativa. Firme, a miña coartada era a do Padriño. Pero aínda que lla repetise unha e mil veces para convencelos (convencerme), ao final todo era persoal. A profecía di que esquecerei moitos dos seus nomes exactamente igual que meu pai que só se lembra das caras, outra herdanza máis. Pero sempre se me parará o corazón cando pense no completa que me cheguei a sentir sendo a súa profesora.