Sofá, persianas baixadas. (“Hai tantas cousas que debería estar facendo…”). PARAR. Durmir sen soñar para soñar sen durmir. Café, radio, cruzar o río. PARAR. Ruído, ruído, moléstame, pero eu só v e x o nel. PARAR. Biblioteca. Poñen auriculares para concentrarse, pero non saben moverse sen desbandarse. PARAR. Esa canción que comeza a soar na miña cabeza cada vez que me cruzo con algún bebé.

PARAR.

Orfeo baixou ao inframundo por Eurídice. Eu son Orfeo e Eurídice ao mesmo tempo. Agora e hai quince (dez, cinco) anos… Sen loitos, sen un burato negro no peito, sen anexectomía, libre de dramas baixo a negociar con Hades. Mírame agora: desesperada, namorada de min co única aspiración de volver atrás e salvarme. Todo o mundo pensa que é o temario, os comentarios, a programación, as poucas prazas; o resultado. Pero eu só quero redención. Que a miña alma me implore, me suplique que regrese a aquel inferno para rescatar á Eli de trinta anos como a Tenzing e Edmund lles pedía escalar o Himalaia é o máis inesperado que me podía pasar.

Non mires atrás, non te deixes arrastrar. Aconséllame unha última vez Hades. E cando estou a piques de xirarme, de perder á Eurídice que fun, algo me esperta. É a dor de curar a ferida máis antiga.

Ninguén sabe o que vai pasar. Ninguén sabe o que pode pasar. Agora tócalle a esta incerteza, vella amiga. Xa pasei por aquí, xa caín, xa me erguín tantas veces e en tantas circunstancias… O medo, a pena, o fracaso e a dúbida aparécenseme na porta da sala de profes e eu lévoos a tomar café ao Latino. Cóntolles que soñei toda a noite cun ovni que me perseguía polo colexio, que eu saía disparada correndo por corredores, escaleiras, polo patio. “Ben, volviches correr. Danme unha pequena clase de Física da tristeza mentres acabo os churros que nos puxeron. “Pero se isto ti xa o sabes!”. Hai algo que medrou en min, invisible, imparable, sen que me dese conta. Unha forza que une o meu presente, pasado e futuro dunha forma que non chego a ser quen de explicar. Está aquí, síntoa vibrando arredor de min. Constante porque todo o sinte. Dá igual cara onde mire, todo ten sentido. A nena, a moza, a muller mestúranse e estíranse no espello. Confúndoas e non sei onde empeza unha e onde acaba outra, pero o sorriso que me devolven sempre é o dunha astronauta que volveu da Lúa.

Acaso é esta a intuición que se agocha tras os meus lentes?

Hai un ano eu era nai. Así de sinxelo. Hai un ano a química do meu cerebro era outra. Ás veces mírome no espello e non podo evitar querer volver a ela. Mírame dende outra vida, dende outro tempo. Outra realidade. Como tería sido? Daría anos da miña vida. Daríao todo. Todo o bo que teño agora cambiaríao sen dubidar; un golpe de fouce e volver atrás. Non ser profesora, non volver correr por Oira, non pinchar música no patio porque me molesta a música alta…

A dor invisible que é ser a tumba dos teus fillos dúas veces. E o medo facendo das súas, mordéndome ata o óso e eu incapaz de disimulalo. Estou tan tan cansa… Como enterras un vínculo que só ti sentías? Que fas cando non hai tumbas que limpar nin ás que levar flores? Nin fotos nin recordos? A vida que eu xa sentía a través do meu corpo… Os nomes que non me atrevo a pronunciar en voz alta, os nomes que, milagrosamente, non teño en clase. E aguantar, contención, ata que rompes soa en casa. Tirada no chan un luns despois de comer o bacallau que sobrou en casa da miña sogra. Soa, porque así non lle fago dano a el. Nunca deixará de atormentarme saber que tería sido bo pai… Quizais é iso o que máis me proe; como ese algo invisible se nos rompre cada vez que collemos no colo a Xela ou a Sabela. Porque o invisible tamén te esnaquizará por dentro cando descubras que o conto do Principiño se converteu en pesadelo.

Esta intuición é a miña condena. Un día morrerei e enterrarédesme sen poder chegar a imaxinar como vos entendín. Esta maldita lucidez que me cega, un lóstrego atravesándome de cabeza a pés. Como se realmente puidese coñecer pasados que nunca foron meus; antes de min. Velos como quen contempla un greco. Ver sen saber (pero dende cando?). Agora, eu, de pé, tomando café electrocutada sen que ninguén chame ao 061. De quen o herdei? Da Elisa de Arxentina, a irmá que lle escribía cartas ao avó da Peroxa? Aquela (Elisa) pola que tamén me puxeron o seu nome? Ou é dende que me diagnosticaron a miopía? Nin cinco anos tiña, nin unha foto miña sen lentes…

Só (me) queda a compaixón, doce rendición que só eu coñezo.

Só quedo eu axeonllada mentres todos me chaman “Aultre n’auray”.

Todas as cancións de amor falan de ti. Como a primeira vez que escoitei Wonderwall e sentín unha frecha no meu peito de doce anos. Era o amor, pero eu non o sabía. Tampouco de onde viña. Porque eras ti quen tiña que enterrarme. Levar o meu cadaleito coma nós levamos o da avoa Raquel do tanatorio á igrexa; douscentos metros de enteireza e honestidade caladas. De min só habían quedar ducias de lentes de pasta, libros, algún vinilo e recordos, os teus recordos, nada máis. A miña vida só nos teus ollos. Teriamos xogado ao fútbol na praia? Este baleiro que xamais poderei encher. Unha vida sen parto, un enterro sen cadaleito, bágoas inocentes. A vida que non vivirás. Teriamos bailado nalgunha verbena? Teríache acompañado ben, foses feliz ou non?
E non quero.
Sobreponte, esquece, segue adiante. Pasará. Claro que pasará, deixarás de doer como ese pesadelo do que esperto sen lembrar que me angustiaba, pero non será como eles sentencian. Non serás nada, non serás esquecemento. Estarás en sorrisos aínda non inventados, serás esa Perseida que algún día veremos brillar unha noite de agosto cando, quizais, Andrés deixe de ser Andrés e só poida ser Papá ou Papi para sempre. Pero, especialmente, estarás no meu último latexo, alí onde o tempo desaparece e só queda o amor puro, o que había de nós antes de nacer.
Porque todas as cancións xa só falan de ti.
(7 de outubro de 2024)

O primeiro é atopar quen faga as preguntas adecuadas. As túas, as de ninguén máis. E parar.

Non te preocupes, non podes entendelo, non pasaches por esta estación pantasma. Aquí o tempo e o espazo confúndense. Volvo estar sentada diante da pantalla de cine vendo a Simba e a Murphy; coñezo ben o gusto dese viño sen probalo. Trinta anos proéndome na memoria.

Parar e encontrar iso que ninguén acostuma (querer) responder. Defínete sen falar do que estudaches, da túa profesión, dos teus fillos, do teu apelido, da túa parella, dos teus logros, das túas afeccións, do ben que encaixas ou non. Só é palla. Outros moitos cren ter o décimo da lotaría premiado porque a cámara non os enfoca a eles, porque son outros os que se derruban. Porque disimulan o aterrorizados que viven, que ninguén descubra o profundamente superficiais que son.

A nena chora no cine porque coñece a realidade, porque intuíu o inevitable. Acomódase no meu ombro. Sabe que a entendo e con iso é suficiente. O demais, palla e disfraces.