Ninguén sabe o que vai pasar. Ninguén sabe o que pode pasar. Agora tócalle a esta incerteza, vella amiga. Xa pasei por aquí, xa caín, xa me erguín tantas veces e en tantas circunstancias… O medo, a pena, o fracaso, a dúbida aparécenseme na porta da sala de profes e eu lévoos a tomar café ao Latino. Contolles que soñei toda a noite cun ovni que me perseguía polo colexio, que eu saía disparada correndo por corredores, escaleiras, polo patio. “Ben, volviches correr“. Danme unha pequena clase de Física da tristeza no pano mentres acabo os churros que nos puxeron. “Pero se isto ti xa o sabes!”. Hai algo que medrou en min, invisible, imparable, sen que me dese conta. Unha forza que une o meu presente, pasado e futuro dunha forma que non chego a ser quen de explicar. Está aquí, síntoa vibrando arredor de min. Constante porque todo o sinte. Dá igual cara onde mire, todo ten sentido. A nena, a moza, a muller mestúranse e estíranse no espello, confúndoas, non sei onde empeza unha e onde acaba outra, pero o seu sorriso sempre é xenuíno.
É esta a intuición que se agocha tras os meus lentes?
Hai un ano eu era nai. Así de sinxelo. Hai un ano a química do meu cerebro era outra. Ás veces mírome no espello e non podo evitar querer volver a ela. Mírame dende outra vida, dende outro tempo. Outra realidade. Como tería sido? Daría anos da miña vida. Daríao todo. Todo o bo que teño agora cambiaríao sen dubidar; un golpe de fouce e volver atrás. Non ser profesora, non volver correr por Oira, non pinchar música no patio porque me molesta a música alta…
A dor invisible que é ser a tumba dos teus fillos dúas veces. E o medo facendo das súas, mordéndome ata o óso e eu incapaz de disimulalo. Estou tan tan cansa… Como enterras un vínculo que só ti sentías? Que fas cando non hai tumbas que limpar nin ás que levar flores? Nin fotos nin recordos? A vida que eu xa sentía a través do meu corpo… Os nomes que non me atrevo a pronunciar en voz alta, os nomes que, milagrosamente, non teño en clase. E aguantar, contención, ata que rompes soa en casa. Tirada no chan un luns despois de comer o bacallau que sobrou en casa da miña sogra. Soa, porque así non lle fago dano a el. Nunca deixará de atormentarme saber que tería sido bo pai… Quizais é iso o que máis me proe; como ese algo invisible se nos rompre cada vez que collemos no colo a Xela ou a Sabela. Porque o invisible tamén te esnaquizará por dentro cando descubras que o conto do Principiño se converteu en pesadelo.
Esta intuición é a miña condena. Un día morrerei e enterrarédesme sen poder chegar a imaxinar como vos entendín. Esta maldita lucidez que me cega, un lóstrego atravesándome de cabeza a pés. Como se realmente puidese coñecer pasados que nunca foron meus; antes de min. Velos como quen contempla un greco. Ver sen saber (pero dende cando?). Agora, eu, de pé, tomando café electrocutada sen que ninguén chame ao 061. De quen o herdei? Da Elisa de Arxentina, a irmá que lle escribía cartas ao avó da Peroxa? Aquela (Elisa) pola que tamén me puxeron o seu nome? Ou é dende que me diagnosticaron a miopía? Nin cinco anos tiña, nin unha foto miña sen lentes…
Só (me) queda a compaixón, doce rendición que só eu coñezo.
Só quedo eu axeonllada mentres todos me chaman “Aultre n’auray”.
Todas as cancións de amor falan de ti. Como a primeira vez que escoitei Wonderwall e sentín unha frecha no meu peito de doce anos. Era o amor, pero eu non o sabía. Tampouco de onde viña. Porque eras ti quen tiña que enterrarme. Levar o meu cadaleito coma nós levamos o da avoa Raquel do tanatorio á igrexa; douscentos metros de enteireza e honestidade caladas. De min só habían quedar ducias de lentes de pasta, libros, algún vinilo e recordos, os teus recordos, nada máis. A miña vida só nos teus ollos. Teriamos xogado ao fútbol na praia? Este baleiro que xamais poderei encher. Unha vida sen parto, un enterro sen cadaleito, bágoas inocentes. A vida que non vivirás. Teriamos bailado nalgunha verbena? Teríache acompañado ben, foses feliz ou non? E non quero. Sobreponte, esquece, segue adiante. Pasará. Claro que pasará, deixarás de doer como ese pesadelo do que esperto sen lembrar que me angustiaba, pero non será como eles sentencian. Non serás nada, non serás esquecemento. Estarás en sorrisos aínda non inventados, serás esa Perseida que algún día veremos brillar unha noite de agosto cando, quizais, Andrés deixe de ser Andrés e só poida ser Papá ou Papi para sempre. Pero, especialmente, estarás no meu último latexo, alí onde o tempo desaparece e só queda o amor puro, o que había de nós antes de nacer. Porque todas as cancións xa só falan de ti. (7 de outubro de 2024)
Levo trinta anos sen volver a Cangas. Pero en realidade debería comezar por un “Querido avó”. Sei que sempre conto a mesma historia cando chega o 15 de agosto, perdoa, non podo evitalo. Esquecín tantas cousas, pero outras lémbroas cunha claridade que me corta a pel: ti regando a horta e nós detrás como gatiñas, ti facéndonos arcos e frechas con vimbios, ti disfrazado de vaqueiro o derradeiro Nadal que estivemos todos xuntos, ti conducindo o Peugeot 205, ti chamándome “funil” facéndome sorrir; ti chegando á estación de tren os últimos anos que estiveches en Alemaña cos mini babybels que tanto me gustaban antes de que os venderan aquí. Pero tamén lembro o golpe seco de Mami deixándose caer contra a parede, esvarando ata sentar o chan, como se quixese partirse en dous. É que hoxe hai trinta anos que morriches. Ese foi o momento exacto no que se rompeu o meu corazón sen remedio. Non había teléfono naquel apartamento que alugamos a primeira quincena de agosto, era o derradeiro día, xa volviamos. O dono do apartamento recibira a chamada de Ourense e viñera para dicirnos que morreras. De Cangas só lembro iso e que había folga do lixo. Aquel puto tumor cerebral… Eu facendo que non oía no voso balcón cando todos intuïamos próximo o final. A avoa abrazada á túa caixa no cemiterio. Mami rota cada vez que puñamos o VHS da nosa Primeira Comuñón. Mami chorando cando pensaba que ninguén a vía. Pero eu si me daba conta cando estaba triste, sempre; quedaba calada no corredor, paralizada. Eu só quería estar preto, pero como confortas a quen perdeu a seu pai despois de estar emigrado décadas? Non había consolo para ela e a min tocoume aprender que moitas veces non podes facer nada, absolutamente nada. É o 94, estréase o Rei León e despois de facer unha cola interminable por fin podo vela. Foi das primeiras películas que vimos soas no cine. Chorei tanto naquela sala escura… Tantísimo… Alí non molestaba, alí non tiña que disimular. Era libre. Teño catorce ou quince anos, en clase pídennos unha redacción sobre o super poder que queriamos ter. Eu só puxen que desexaba saber cando ían morrer os meus seres queridos mentres o resto pedía poderes de merda. O profe, desconcertado, botándome a bronca; outro que non entendía nada… Nós con vinte poucos brindando con champaña unha Noiteboa e Mari preguntándolle a avoa cal fora o seu gran amor. Ela só había unha resposta: ti, sempre ti.
Sabías que cando me toca dar clase en 3º da ESO sempre lles poño o “Adiós ríos, adiós fontes” pensando en ti e na avoa deixando Fontes rumbo a Alemaña? Que te busco en todos os 9, 49, 27, 63 etc. porque a miña sorte só pode vir (e virá) de ti?
Aquela nena de nove anos medrou convencida que a solución era esa: facerse adulta. Que cando medras faste forte e podes con todo. Que os podes protexer de todo mal. Outro erro máis. Dinme que ás veces vivo no pasado, que teño demasiada memoria e sei que teñen razón, que me fago dano. Seino como sei que son ese can que espera inutilmente polo dono falecido, día a día. Pero estou tan farta e cansa de intentar ser quen non son… De renegar da miña esencia polo que outros consideran mellor para afrontar a vida ou o que lles funcionou. Porque eu só quería ser coma ti e trinta anos despois sigo sen saber ser forte coma ti. Intentei ser Elisa, como a avoa, pero non podo… Elisa só houbo unha. Só podo ser o teu “funil”.
Quizais só é medo. Ou quizais é que vexo vir as cousas. Como tantas outras veces. Como cando de nova non fuches guapa, cando non che entraban porque si, e aprendes a distinguir cando realmente lle gustas a alguén. Como nunha entrevista de traballo. Haberá quen se infle coma un globo; outro espellismo. Pero eu nunca quixen facelo. Non hai peor mentira que a de quen non sabe ser honesto consigo mesmo. E teño medo, por que non recoñecelo? Aquí onde só chego eu. Aquí onde só eu me comprendo e abrazo. Prometo que esta serenidade non volverei emprestala. Quizais outra decepción máis e quizais unha das que me converta no malo da película. Así é como comeza todo. Con medo e profecías que se fan realidade lentamente. Pero que fácil é afastarse, volver desaparecer. Tan fácil coma un chiste malo. O duro, o que provoca reuma no corazón, é ser máis fiable có premio Nobel de Medina todos os putos días, en calquera momento. Pero ata os dromedarios se cansan do deserto.
Levámosche flores e o paso do tempo maréame. Volve ser 11 de setembro. Alí, diante da túa lápida aínda sen o teu nome e sen o 23 de xuño penso que todo é un soño. Aínda non casamos o Rei e eu e estades todos. Tampouco comecei o curso, o curso que repetiría unha e mil veces se puidese. Un instante, un pestanexo, unha respiración. Pero as rosas que che levou o tío Afonso seguen frescas e contrastan coa miña memoria. O tempo acelérase e a labazada na cara doe máis ca nunca; o 11-S que máis sangrei. Non distinguir o ilusorio do real… Non podo ser máis barroca. Empezan a caer os temas coa calma e pausa dos quilómetros que xa peregrinei este verán. Na biblioteca case sempre sento no mesmo lugar rumbo ao nordeste. Cando o sol rompe a néboa entra directo como unha lanza que me atravesa o peito. E sae Garcilaso dos apuntes para pelexar con Chomsky. Boxean como bestas mentres a xente comeza a facer apostas. E aparece Nemoroso desesperado por min. Explícolle que non son a Elisa pola que chora. Pero ninguén me escoita e as mozas que preparan o MIR colócanme á forza sobre unha das mesas de estudo. Queren reanimarme. Pero operarme de que?Se eu estou ben. Anestésianme e noto como me evaporo. Nemoroso non minte, alguén chora por ti. Parvos, é a miña familia chorando pola avoa, pola nai, pola tía.
Esperto cando volve soar o espertador. O gato sae do meu abrazo e non distingo se é luns ou martes. Á altura do corazón teño cosido medio endecasílabo e unha prescripción médica na mesiña de noite: