Repítese a historia. Penúltimo parcial, quen sabe se volverei darlles clase… Ule a primavera. Eles son a miña primavera. E volve esa saudade que moitas veces vén dun futuro que aínda non consigo albiscar. Unha orquídea que bota raíces no meu peito esquerdo. Raíces que me abrazan aínda que eu non me mova.

Chégame un correo electrónico xusto cando xa teño preparados os exames para entregalos e o timbre está a pique de soar. Sorrío pola premeditación. Tamén era venres o día que morreu o tío Tonete pola Covid. E eu conmocionada falándolles de Carvalho Calero…; só fun quen de chorar cando me veu buscar o Rei. A carta que lle escribín mentres lles puña unha película antes Nadal. A carta que repousará coas súas cinzas ou o que decidan seu fillos.

Sento enriba da mesa do profesor coas pernas colgando. Esta calma, este curso rematando e eu sorrindo detrás da máscara. Vólveme abrazar a saudade como se quixese consolarme. É hora de deixar voar…

Nolatipicafoto

Esa felicidade extrema que me atravesa o peito. Tremo tanto que me teño agarrar á man de meu pai. Aguanto as bágoas coa esquerda e coa dereita recitámonos os poemas non escritos sobre cando eu era un bebé de ano e medio e me desvelaba de madrugada. Sempre o buscaba coa miña man dereita dende o berce. Agora si, isto é real, está pasando. Por fin.

A incertidumbre desaparece como se nunca tivese estado. O coche lévanos do pazo á igrexa. Gustaríame ser Grace Kelly, pero só podo ser eu en traxe de noiva. Non me quero ver nas fotos, quería ser a derradeira en vestirme porque sei que só verei defectos nas fotos. Impresionáme ver a tantos amigos e amigas agardando a verme antes de entrar. Os gaiteiros tocan e seméllame estar dentro dunha película. Case podo verme a min mesma sentada no patio de butacas sorríndome emocionada. Por unha vez deixaremos que o mundo xire só para nós. E saboreo cada instante cun golpe seco no peito. Miña nai colócame o velo por última vez. Volvo tremer. A nube, o maremoto, o amor. Que bailen todos ao noso ritmo. O noso día, o noso discurso, a nosa verbena. Choramos os dous de alegría e agradecemento, rodeados de xente e sós á vez.

Eternos (todos).

Entre o si e o non

Lembro parar nunha cafetería pequena, de dous pisos. Un xoves de maio, un cortado e unha auga do tempo. Na televisión falan de GH. Despois da miña sesión, cando volvíamos ao coche, a rapaza de 16 anos que era eu entra na Couceiro seguida polo pai máis sabio á hora de deixar espazo. Lembro como o tacto na man. Nunca me dera pola poesía. Xa vira aquel nome en letras douradas no vello dicionario que tiña Papá por casa. Merqueino convencida de que fora escrito para min. Lino e relino mil veces. Escribín segredos, pensamentos a carón daqueles versos que tanta compañía me fixeron naqueles meses. A lapis como unha aprendiz. Onte morreu X. L. Franco Grande. A adolescente que fun chorouno agradecida.

Dende o SI.

O vestido agarda por min no taller. Hai quen só busca a miseria allea para agochar a súa. Mediocres espidos o día da nosa voda. Xa non me sangra a lingua, agora paseo polo corredor como un gato con insomnio. Botamos amistosos ou, mentres descifro a Carmen e a Delibes, o Rei adícase a conquistar Grecia. Chamadas a todas horas. Soño cos samurais e con Riazor un xoves de finais de marzo. Pasou exactamente un ano. Se erguía os brazos sentía que podía saír voando. Agora, a vida a cámara lenta.

Ninguén sabe que vai pasar mentres nos espiamos polas fiestras.

Elisa, quédate.

Ser só un recordo. Un dos que se borrará antes do que imaxinan. Deilles o mellor de min? Explorando o far west como unha proscrita. Mandándolles sinais de fume dende os meus brazos cruzados. O clic nervioso dun bolígrafo na man. Camiñar e pasear entre eles coma un aguia que controla os seus dominios. Era o mellor momento do día. Ou quizais si se filtrou a esencia da que lles ía deixando pistas inconscientes.

Non caer na tentación de beber do seu cariño, non chucharlles o sangue. Estabamos sós, eles comigo e eu con eles. Enfrontados polas circunstancias, a profesión e o seu papel. Xogos de máscaras, un vals radioactivo, aluando case por primeira vez. Pero quen quere perfección cando pode ter a súa propia narrativa. Firme, a miña coartada era a do Padriño. Pero aínda que lla repetise unha e mil veces para convencelos (convencerme), ao final todo era persoal. A profecía di que esquecerei moitos dos seus nomes exactamente igual que meu pai que só se lembra das caras, outra herdanza máis. Pero sempre se me parará o corazón cando pense no completa que me cheguei a sentir sendo a súa profesora. 

pala

“A beleza dun día de verán no que acabas pensando na morte. Por que? Morre atropelada unha das gatas ás que lle dás de comer. Enterrala. A ausencia de vida ata nos animais ten a forza dunha boa labazada. Miña nai emociónase con disimulo, a miña tía non quere mirar. Un corpo peludo e agarimoso agora inerte. A morte pesa, tamén é física. Unha pá, un sacho, un burato profundo na terra. Unha pequena lousa e unha hortensia. Un ritual máis, outro adestramento. A través dos seus ollos felinos poderías ter coñecido a miña adolescencia. Verme dende fóra. Esa é a miña obsesión. Ás veces teño a impresión que todo o mundo consigue verse a si mesmo, dende o outro lado do espello. E teñen unha perspectiva de si mesmos da que eu carezo. Quizais só estea a engarnarme, pechar os ollos e non crer en nada é máis doado que lanzarse de cabeza dende o acantilado da confianza. Todos me din que son intelixente, mais non consigo calcular a lonxitude desa praia quilométrica diante dos meus ollos. Dígolle ao Rei que non sabe o guapo que é no ascensor da súa casa. Sei que non me cre, é un guapo que non sabe que é guapo. A beleza cando non é superficial vólvese menos acesible. Non todo o mundo pode percibila, non todo o mundo ten a sensibilidade suficiente. A beleza atemporal, que non se asocia coa xuventude nin coa elegancia. O silenzo, o costume, unha estrada secundaria chea de buratos…”

(Agosto 2014)

Este verán volvín ter que coller a pá, outro burato, outro felino morre nas miñas mans. Ás veces afógame tanta sensibilidade dunha maneira que me illa do mundo, de todo, de todos. Outro tanatorio, outro adeus. E velo vir. Non é intuición, non é negatividade, é instinto. Meus pais de viaxe e nós saíndo ao campo, xogadoras titulares. Asústame darme conta de canto medrei. E se xa non queda nada da nena inxenua e confiada? Lei de vida, lei de vida, lei de vida. Cando volven, abrázome á miña nai como se eu medise dous metros, silenciosamente desesperada, crendo que podo parar o tempo nese momento. Nunca tanto os botei de menos.

A confianza non é cega nin miope, é tan imposible de atrapar coma o xeo cando se derrete. A miña confianza. Mírome no espello e acepto as premisas que tanto neguei. Tiñan razón, todo foi culpa miña. É verán, a calor adorme os pensamentos e os razoamentos, mais a min fíreme de morte. Cústame ler, cústame correr, cústame escribir. Dóeme o invisible. Paralizada e cansa como se fose unha vella acosada pola soidade. Non pode rescatarme ninguén, quizais un golpe de sorte. Mentres, nas vodas, nos festivais, sigo a cruzarme con monstros xigantes. Písante se te descoidas. Son torpes e inútiles, atractivos e estilosos por fóra. Precocupados unicamente por esa felicidade que debe ser constante nos seus xestos, nos seus rostros. Non importa o que pensan ou sinten, só aparentar que todo vai ben.

Indixestión, ganas de vomitar e afastarme.

Cando en 1984 se celebraba a primeira edición dos Premios Xerais eu non tiña máis de seis meses de vida. Hoxe camiño cara os trinta. Lembro que os primeiros libros que merquei durante a miña adolescencia eran de Xerais. Un Nadal pedín Rapazas de Agustín Fernández Paz e non fixen outra cousa que lelo durante a cea con auténtica fame. É o único que lembro daquela Noiteboa. Eu era desas frikis que seguía a gala dos Premios Xerais por twitter, en stream ou como lle cadrase. Outra vez a fame, máis desta vez acompañada dunha sede tan real que remataba por provocarme saudade. Mais, como é posible ter saudade de algo que nunca tiveches? Quizais porque só o Tempo sabe que algún día o conseguirás.

Era luns o día que Fran Alonso (o home que me reconciliou con Vigo) me chamou para preguntarme se quería formar parte do xurado desta edición. Botei un par de días camiñando con ás nos pés, é o que sucede cando algo que non te atreves a soñar ocorre. Despois viñeron as caixas cheas de orixinais, as lecturas no tren, na cama ou mesmo na biblioteca. O xantar en Soutomaior, o debate, a relectura e a decisión final. Con Cadeas o meu foi amor a primeira vista que se foi confirmando a medida que pasaba as follas. Vivín a gala devorando cada detalle, nerviosa, emocionada, aínda coa sensación de irrealidade, e sobre todo, compartindo algo tan importante para min coa miña xente. Ao final tiven o valor de achegarme a Agustín para contarlle o meu idilio con  Rapazas. Volvín ser a rapaza tímida e inxenua que se gastaba a paga semanal en libros.

Non me cansarei de repetilo: foi máxico formar parte da engrenaxe, ter o privilexio de camiñar polo corazón do dragón, que o detallazo de que Manuel Bragado saiba que son aultrenarai (que é quen realmente sinto que son) non se me vai borrar xamais da memoria.

As cousas rematan como empezan e o martes, despois de dous meses, os orixinais marcharon como viñeron, por mensaxeiro. Así pechábase o círculo, así volvía a saudade. Esta vez sabemos de onde vén.