
Creo que teño o mesmo tipo de metamorfose. Creo que ninguén se deu conta.

Creo que teño o mesmo tipo de metamorfose. Creo que ninguén se deu conta.

A confianza non é cega nin miope, é tan imposible de atrapar coma o xeo cando se derrete. A miña confianza. Mírome no espello e acepto as premisas que tanto neguei. Tiñan razón, todo foi culpa miña. É verán, a calor adorme os pensamentos e os razoamentos, mais a min fíreme de morte. Cústame ler, cústame correr, cústame escribir. Dóeme o invisible. Paralizada e cansa como se fose unha vella acosada pola soidade. Non pode rescatarme ninguén, quizais un golpe de sorte. Mentres, nas vodas, nos festivais, sigo a cruzarme con monstros xigantes. Písante se te descoidas. Son torpes e inútiles, atractivos e estilosos por fóra. Precocupados unicamente por esa felicidade que debe ser constante nos seus xestos, nos seus rostros. Non importa o que pensan ou sinten, só aparentar que todo vai ben.
Indixestión, ganas de vomitar e afastarme.

Cando en 1984 se celebraba a primeira edición dos Premios Xerais eu non tiña máis de seis meses de vida. Hoxe camiño cara os trinta. Lembro que os primeiros libros que merquei durante a miña adolescencia eran de Xerais. Un Nadal pedín Rapazas de Agustín Fernández Paz e non fixen outra cousa que lelo durante a cea con auténtica fame. É o único que lembro daquela Noiteboa. Eu era desas frikis que seguía a gala dos Premios Xerais por twitter, en stream ou como lle cadrase. Outra vez a fame, máis desta vez acompañada dunha sede tan real que remataba por provocarme saudade. Mais, como é posible ter saudade de algo que nunca tiveches? Quizais porque só o Tempo sabe que algún día o conseguirás.
Era luns o día que Fran Alonso (o home que me reconciliou con Vigo) me chamou para preguntarme se quería formar parte do xurado desta edición. Botei un par de días camiñando con ás nos pés, é o que sucede cando algo que non te atreves a soñar ocorre. Despois viñeron as caixas cheas de orixinais, as lecturas no tren, na cama ou mesmo na biblioteca. O xantar en Soutomaior, o debate, a relectura e a decisión final. Con Cadeas o meu foi amor a primeira vista que se foi confirmando a medida que pasaba as follas. Vivín a gala devorando cada detalle, nerviosa, emocionada, aínda coa sensación de irrealidade, e sobre todo, compartindo algo tan importante para min coa miña xente. Ao final tiven o valor de achegarme a Agustín para contarlle o meu idilio con Rapazas. Volvín ser a rapaza tímida e inxenua que se gastaba a paga semanal en libros.
Non me cansarei de repetilo: foi máxico formar parte da engrenaxe, ter o privilexio de camiñar polo corazón do dragón, que o detallazo de que Manuel Bragado saiba que son aultrenarai (que é quen realmente sinto que son) non se me vai borrar xamais da memoria.
As cousas rematan como empezan e o martes, despois de dous meses, os orixinais marcharon como viñeron, por mensaxeiro. Así pechábase o círculo, así volvía a saudade. Esta vez sabemos de onde vén.

Meus pais fanse maiores e a min cústame aceptalo. Non é a idade, non son as enfermidades pasadas… Os defectos que antes non me molestaban agora alporízanme. Ou quizais sexa que a quen tamén lle empezan a pesar o anos sexa a min. Cambiei, son máis egoísta, intransixente. O monstro… Está aí fitándome dende o outro lado do espello, rezando para que non fuxa del, para dicirme que
“O noso temor máis profundo non é que sexamos inadecuados. O noso temor máis profundo é que somos excesivamente poderosos. É a nosa luz e non a nosa escuridade a que nos atemoriza. Preguntámonos: quen son eu para ser brillante, magnífico, talentoso e fabuloso?
En realidade, quen es para non selo? Infravalorádote non axudas ao mundo. Non hai nada de instructivo en encollerse para que outras persoas non se sintan inseguras preto de ti. Esta grandeza de espírito non se atopa só nuns poucos de nós; está en todos. E ao permitir que brille a nosa propia luz, de forma tácita estamos dándolle aos demais permiso para facer o mesmo.
Ao liberarnos do noso propio medo, automaticamente a nosa presencia libera a outros.”
(Do discurso inaugural de Nelson Mandela, 1994)
Libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame!

Cada vez que veño a Madrid acabo tendo saudade do futuro que está por vir. E a cidade sempre me rumorea o mesmo mantra:
Paciencia e o mundo aos teus pés.

Vovía de Rianxo andando, 2 quilómetros de estrada convencional (que dirían os da autoescola). Quería chover sen acabar de arrancar. Como eu. Por que confiar en min mesma é sempre o máis dicícil? Todos o fan, todos cren, todos confían. Véxome reflectida na pantalla do ordenador mentres escribo, é un espello máxico. Alí está a muller, aí está. Por que o espello do baño non me devolve a mesma imaxe? Poño a capucha, uso o paraugas de bastón, non me apetece abrilo. Soñei o futuro pola noite e aínda continúo o meigallo desa lúa chea. Futuro que non podo describir, só sensacións e certezas que se abrazan ao meu peito, lume na vella cociña de ferro.

Todo acto ten consecuencias. Poden perdoar e ti sacar da túa memoria o (estúpido) grave erro cometido. Inxenua… Pero mentalízate, acéptao, non esquecerán. Quizais haxa feridas que nunca cicatricen ben.
E da mesma maneira que Tenzing aprendeu a vivir coa vergoña de ser o segundo en chegar ao Everest, eu teño que aprender a vivir co dano feito.

Unha mañá espertas, míraste no espello e ves unha moza de 29 anos. De onde saiu? Como chegou ata aquí? Porque o único que lembras (e lembrarás o segundo antes de deixar este mundo) é aquela impaciencia por medrar. Caen os anos, agora tan rápido que semella que o que tes diante é o volante dun fórmula 1 e non un reloxo de area.
Hoxe cando espertei había neve. As paredes da miña habitación desapareceran. Sol e vento pelexaban por abrazarme e turrar das miñas orellas. Onte fixo sete anos que me regalei o blog. E da mesma estraña forma, volvo sentir que cheguei á cima dunha montaña.

Ás veces pregúntome se todo nesta vida depende da capacidade que teñas de aguantar, de ser consciente da túa resistencia ou dos golpes de sorte. A vida é como correr: aguantar e ir cara adiante, haxa chuvia, vento ou correndo baixo un sol abrasador. Pregúntome en que momento as pezas volven a encaixar e a desesperación e o medo a estar flotando á deriva se evaporan. De ser unha paisaxe, a miña vida sería unha sabana africana na que só hai dúas estacións, a húmida e a seca. Rematou a seca, os soños deixan de morrer de sede. Chegou coa chuvia a serenidade. Medra a herba como medra a miña fortaleza. Hai alimento.
Este Nadal entre copas, comidas familiares e reencontros, entre certezas, nos seus brazos, Corazón e Cabeza firmaban unha tregua definitiva. Vólvense aliados de sangue e outra profecía se escapa da miña boca. Este vai ser o meu ano. Quizais só era a forza do desexo volvéndose real, quen o sabe?
O día que o teñas todo non te darás conta. Vivirás tan cegada co teu perfeccionamento que só verás a botella medio baleira, sempre pendiente dos erros cometidos e das dificultades.
Pero non hai nin botella, nin río. Hai un océano rodeándote, salitre nos beizos. Abre os ollos, esperta, que o reloxo non entende de miopías no corazón.
Un día calquera espertas e, por fin, daste conta de quen es.