danza

Case o esquecera.

Cegada pola decepción, pola rabia máis física que nunca cruzou as miñas veas. Tantos meses pechada pensando nunha soa cousa, como non ía esquecelo? “Sé positiva, hai que erguerse”. Pero é mentira, a mentira máis repetida en boca de todos. Gastáronlle o sentido. Frases que só se din por educación, non empatía. Non sempre irá todo ben, non sempre conseguirei o que soño por moito que me esforce. Quédate, faime compañía, déixame estar soa, vela o meu soño intranquilo. Só quería prenderlle lume ao río como quen incendia unha gasolinera. Eu era o río.

Só depende de min.

Ata que buscas unha canción, un vídeo, unha noite, a seguinte noite e vólvelo sentir. O mar que estaba durmido en min, azul sen importar o ánimo do día. Busqueina ata o día do exame. As follas pola fiestra da aula, o solpor na estación, o sol contra o cristal do vagón, un bar perdido na noite estremeña, unha cancha de baloncesto nun instituto. Sempre está, é miña, sempre vén para quitarme as gafas.

A beleza.

Ela tiña medo a morrer. Podo recoñecer esa mirada en calquera persoa, en caquera lugar. Só te miran dese xeito ao sentirem a lixeireza do inevitable. Pero que fas cando é túa nai quen te mira tan asustada que se che conxela o sangue? Son as catro da mañá. Papá berra dende o corredor, Mamá caeu. Está tirada na entrada xemendo confusa, arrastrándose. Intento erguela, pero non se deixa. Papá non se pode inclinar, recén operado de cataratas como está. Por iso xa fora eu con ela ata o PAC, pola contractura dorsal que sempre lle dá. Por iso me quedara a durmir na miña vella cama. Por intuición, instinto. Cando descubro sangue na parte posterior da súa cabeza, saltan todas as miña alarmas. Hai sangue no chan da cociña e ela segue a queixarse da cabeza. Está a rondarnos, respirándolle na caluga. Disimulando a miña angustia chamo ao Rei. Son as catro e media da mañá e el entra a traballar en tres horas.

QUE fago?

Chama ao 061

Mandan unha ambulancia e dinme que a coloque decúbito lateral esquerdo, que a tape cunha manta e lle tape a ferida cunha toalla. Vístome á velocidade do raio, só se me vén a cabeza o pesadelo que tiven á noite anterior. Véñenseme imaxes do futuro, eu chamando á miña irmá para que veña de Algeciras, mentres me repito que non, aínda non. Se me pasa algo, quérovos a todos. Atragántaseme o aire nos pulmóns, o tempo ralentízase mentres me agacho para acariñarlle a cara cunha calma que non sei de onde vén. Non, non che vai pasar nada. Estou eu aquí e non deixo que nada che pase. De súpeto vexo luz nos seus ollos. Confianza e alivio. Ás oito e media volvemos para casa en taxi. Fixéronlle mil probas e todo queda nun susto e catro grapas na súa cabeza. Hai tráfico, é a hora dos colexios e os institutos.

Non, non me veño abaixo nese momento. Aguanto, porque iso é o que fago sempre. Aguantar e aguantar. Pero pasan os días e o medo golpéame no peito á menor oportunidade. Son inxusta con quen non debo selo e maltrátome. En soños volvo a ser esa nena de nove anos. As mesmas gafas na cara, unha espada na man contra o monstro. Aínda NON!

Son os derradeiros días e xa me incordia a saudade. Acabouse o conducir entre a néboa, acabouse o conto de ser a substituta. Aprendín eu máis deles, leccións invisibles das que nunca serán conscientes. Podo velos cambiando e medrando a cámara rápida. Algúns disfrazándose de experimentados vividores, outros son avezados camaleóns que observan e todo o ven. Míranse no espello, sácanse selfies, pero aínda non chegaron ao centro do labirinto. Aínda non é o momento de que se descubran.

Camiño polo corredores baleiros cantaruxando feliz, contendo as ganas de marcarme un musical.

Ás veces volvo a ese día, a ese momento. Quizais xa o teño contado demasiadas veces. Pero cada quen fuma o que quere, eu fumo recordos. Pasaron dez anos, xa teño a idade que tiña miña nai cando nos tivo. Traballo con nenos e o futuro faime sorrir. Vexo aos fillos de outros, pregúntome como serán os nosos. Algún día.

Hai cousas que só podo compartir comigo mesma, de que xeito procuraba o amor en calquera coma un cadelo da protectora buscando dono. Era quen de regalar a miña alma por unha caricia. Vendíalla ao diaño mil e unha noites. Agora que sei todo o que sei… Fun egoísta, non me importa admitilo. Non máis do que foron comigo. Aquela mañá, hai dez anos, o inverno en Lisboa e eu regalándome un blog. O instante no que gardei para sempre o amor propio na maleta.

(27 de xaneiro de 2015)

 

30

 Quizais sempre fun grande. Non alta, non vella. Grande. Son un iceberg, enganeivos a todos. Teño vivido máis do que imaxinas, máis do que aparento. Ser sensible non é ser transparente, esa foi a miña tapadeira. Algúns só ven o que asoma pola superficie, outros mergulláronse nas augas árticas. Non houbo hipotermia, valentes que coñecen as marabillas os labirintos de xeo onde as baleas regalan cancións de berce ás súas crías. Podería morrer mañá e cando viñeses á miña tumba unha frase te recibiría:

Fun o que me deixaches ser na túa vida.

E chorarás de alegría ou de pena. Lembra, querido amigo ou inimigo, a elección (sempre) foi túa.

Viñeron os trinta coa calma de quen sabe que viviu a súa vida cos pés espidos. Equivoqueime moitas veces, caer é a única forma de atopar o equilibrio. Xa non soño con viaxar no tempo e rescatar á miña versión adolescente, tampouco me doen os amigos que perdín ou as ausencias dos que morreron. Quédame algo máis imperecedoiro que os recordos e a certeza de que esas ausencias non son invisibles. O único que boto de menos é o sol do inverno en Lisboa.

E o amor? O AMOR veu de quen só podía vir. Ninguén máis podía darme o que eu soñaba, só el. Miro atrás e son consciente de que fun Indiana Jones á procura do Santo Graal. A humildade, o carpinteiro, o sangue de Cristo só podía ser custodiada no caliz menos barroco, no máis auténtico.

Podo intuír o futuro, sinto as raíces do tempo no meu corazón. Sei o que vai pasar, a ti, a min, a todos. Podo velo no reflexo das miñas gafas.

Fóronse a adolescencia tardía, a vellez anticipada. Sei que aínda teño débedas comigo mesma, hai algo que ela sempre me reclamou, admito que me levou moitos anos e discusións comprendela. Mentres escribo observo a foto do meu pasaporte recén expedido, caduca dentro de dez anos. Como serei aos corenta? Recoñecereime? E unha promesa que o invade todo, sen facer ruído. Como a min me gusta.

É hora de brillar.

 

Meus pais fanse maiores e a min cústame aceptalo. Non é a idade, non son as enfermidades pasadas… Os defectos que antes non me molestaban agora alporízanme. Ou quizais sexa que a quen tamén lle empezan a pesar o anos sexa a min. Cambiei, son máis egoísta, intransixente. O monstro Está aí fitándome dende o outro lado do espello, rezando para que non fuxa del, para dicirme que

“O noso temor máis profundo non é que sexamos inadecuados. O noso temor máis profundo é que somos excesivamente poderosos. É a nosa luz e non a nosa escuridade a que nos atemoriza. Preguntámonos: quen son eu para ser brillante, magnífico, talentoso e fabuloso?

En realidade, quen es para non selo? Infravalorádote non axudas ao mundo. Non hai nada de instructivo en encollerse para que outras persoas non se sintan inseguras preto de ti. Esta grandeza de espírito non se atopa só nuns poucos de nós; está en todos. E ao permitir que brille a nosa propia luz, de forma tácita estamos dándolle aos demais permiso para facer o mesmo.

Ao liberarnos do noso propio medo, automaticamente a nosa presencia libera a outros.”

(Do discurso inaugural de Nelson Mandela, 1994)

Libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame!

Camiñas soa por un corredor sen final. Estás soñando, estás lembrando. O corazón late con forza. Camiñas cara adiante, pero en realidade estás nos principio dos recordos. As pezas do quebracabezas encaixan. Todas. Estás diante do Guernica, pero non é o Guernica, é a túa vida. O calendario é ese profesor de arte que che explica o seu simbolismo. Agora entendes, agora comprendes. Empezas a correr, slow motion. Vigo, Lisboa. Cruzaches o Amazonas nunha viaxe de ida e volta. Buscabas o amor como un can sen olfato, case a cegas, morta de fame, equivocándote unha e outra vez, unha e outra vez. A traición, a mentira, alá foron a inocencia, a inxenuidade; morrendo de sede. Non sexas boa persoa, sé xusta. Desconfía. Eras unha quenlla, ules o medo. Devorabas, instinto de supervivencia. Poderías ter sido veterinaria, ou enfermeira, ou escritora, ou xornalista. Quen es agora? Corres, non estaba na túa natureza ter resistencia, nunca a tiveches. Corres, aguantas. O tempo volveuse a favor túa. Antes non podías volverte invisble, chamabas a atención, agora só te ven cando queres. Telo todo e iso asusta. Por que eu? Todo ten un prezo e ti aínda non pagaches. Esta certeza ninguén pode calmala, ninguén. E sabes que o cobrador do frac virá algún día. Espéralo en soños como quen agarda con demasiado tempo de antelación nun aeroporto. Asusta tanto como tirarse de cabeza, cos ollos tapados dende o acantilado máis alto. Tempestades, guerras, nena ou muller, eles pérdense na alta montaña. Pero, chaman por ti, sempre chaman por ti. Pensan que perderon o (seu) Norte, ou non lembran onde está. Un compás é o único material de rescate.

Por que me é máis fácil orientar que orientarme? Quen me protexerá desa sombra que ás veces aparece no espello? Só el, só el…

 

Idealizar a unha persoa é moi perigoso, pero dentro da política é un suicidio… Minten, sempre minten. Esa aura de perfección que irradian foi friamente calculada. Nada é casual. Son vampiros, están feitos para prometer e confundirte Non caias no seu xogo ou rematarás sendo un deles.