pala

“A beleza dun día de verán no que acabas pensando na morte. Por que? Morre atropelada unha das gatas ás que lle dás de comer. Enterrala. A ausencia de vida ata nos animais ten a forza dunha boa labazada. Miña nai emociónase con disimulo, a miña tía non quere mirar. Un corpo peludo e agarimoso agora inerte. A morte pesa, tamén é física. Unha pá, un sacho, un burato profundo na terra. Unha pequena lousa e unha hortensia. Un ritual máis, outro adestramento. A través dos seus ollos felinos poderías ter coñecido a miña adolescencia. Verme dende fóra. Esa é a miña obsesión. Ás veces teño a impresión que todo o mundo consigue verse a si mesmo, dende o outro lado do espello. E teñen unha perspectiva de si mesmos da que eu carezo. Quizais só estea a engarnarme, pechar os ollos e non crer en nada é máis doado que lanzarse de cabeza dende o acantilado da confianza. Todos me din que son intelixente, mais non consigo calcular a lonxitude desa praia quilométrica diante dos meus ollos. Dígolle ao Rei que non sabe o guapo que é no ascensor da súa casa. Sei que non me cre, é un guapo que non sabe que é guapo. A beleza cando non é superficial vólvese menos acesible. Non todo o mundo pode percibila, non todo o mundo ten a sensibilidade suficiente. A beleza atemporal, que non se asocia coa xuventude nin coa elegancia. O silenzo, o costume, unha estrada secundaria chea de buratos…”

(Agosto 2014)

Este verán volvín ter que coller a pá, outro burato, outro felino morre nas miñas mans. Ás veces afógame tanta sensibilidade dunha maneira que me illa do mundo, de todo, de todos. Outro tanatorio, outro adeus. E velo vir. Non é intuición, non é negatividade, é instinto. Meus pais de viaxe e nós saíndo ao campo, xogadoras titulares. Asústame darme conta de canto medrei. E se xa non queda nada da nena inxenua e confiada? Lei de vida, lei de vida, lei de vida. Cando volven, abrázome á miña nai como se eu medise dous metros, silenciosamente desesperada, crendo que podo parar o tempo nese momento. Nunca tanto os botei de menos.

Ás veces volvo a ese día, a ese momento. Quizais xa o teño contado demasiadas veces. Pero cada quen fuma o que quere, eu fumo recordos. Pasaron dez anos, xa teño a idade que tiña miña nai cando nos tivo. Traballo con nenos e o futuro faime sorrir. Vexo aos fillos de outros, pregúntome como serán os nosos. Algún día.

Hai cousas que só podo compartir comigo mesma, de que xeito procuraba o amor en calquera coma un cadelo da protectora buscando dono. Era quen de regalar a miña alma por unha caricia. Vendíalla ao diaño mil e unha noites. Agora que sei todo o que sei… Fun egoísta, non me importa admitilo. Non máis do que foron comigo. Aquela mañá, hai dez anos, o inverno en Lisboa e eu regalándome un blog. O instante no que gardei para sempre o amor propio na maleta.

(27 de xaneiro de 2015)

 

Onde estabas ti no 2002?

Eu facía os dezaoito e só soñaba con facer a carreira en Compostela, soa, e medrar, medrar. Ao final rematei en Vigo, pero o conto non é ese. O venres pasei case tres horas vendo a vida de Mason, dende os seis anos ata os seus dezaoito anos. A película que todo pai e toda nai soñou facerlle ao seu fillo/a. A película que todos queremos ter da nosa infancia, da nosa adolescencia. Como medramos por dentro, como descubrimos a vida rodeados da rutina máis absoluta. Como cambian os nosos pais, como se equivocan, como loitan polos seus soños, como se refan e seguen adiante. Como nos queren por riba de todo, por riba deles mesmos. Son a raíz durante anos e anos, todo o que ti es pasa a través deles ata que un día fan maxia. Desaparecen para que poidas voar cos teus brazos. Para que chegues moito máis lonxe do que eles fixeron.

Será por iso que nalgún lugar da miña memoria tamén flota esa película na que sempre levei gafas.

empirestate

Pasaron case dous meses e esta saudade non se vai do meu peito. Veu comigo de Nova York. Non foi un soño, foi tan real que aínda me treme o corazón. Agora entendo a Lorca e outros tantos. A cidade non te fai máis grande nin máis pequena, as rúas sen nome íspente. Non teño banda sonora daqueles días, había que escoitar polos ollos. Ollos que non deixaban de encherse de cores e formas. Arte, rañaceos e a xente máis amable do planeta. Querer quedar, querer volver, pero con el porque sen el só sinto unha sombra que me asexa en soños. Cruzando a ponte de Brooklyn a antiga vertixe non me deixa avanzar. O sol quentaba coma no Sahara, tiramos fotos pero a frialdade coa me vexo na pantalla da cámara é propia dun cirurxián plástico. O perfeccionismo mata, a miña guerra civil agótame tanto que ás veces vólvome completamente invisible ata desaparecer. No White Horse tomamos un café coa pantasma de Jack Keruac mentres Dylan Thomas ve un partido de béisbol. Como nunha película. Estaba convencida que ao regresar esa sensación desaparecería, a maxia non duraría tanto. Equivoqueime. Pérdome na biblioteca entre temas, poño xeo na planta do pé despois de correr, vexo concertos que non pensaba nesta cidade pequena… Aquí segue. Zeta pregúntame dende os seus tres anos a onde vou despois da nosa clase. Aí está. A mirada de quen está por primeira aos pés do Empire State. Suspiro e sorrío antes de responderlle. Esa mirada coa que eu xa nunca consigo verme, limpa e inocente.

Se souberas o baixiña que son en realidade…

A relaxación chega cando tensas todo o teu corpo e soltas toda esa presión acumulada. Pasar dun extremo ao outro. Quedarse só coa inmensa paz que queda despois.
Domingo. Collo o coche aparcado diante do Gadis na rúa San Rosendo. Son as nove e media. Despois de ver ao Rei paso por casa da avoa. Poño a radio, en Radio 3 están a botar o concerto de Travis en directo. Son Telma sen Louise. A miña autoestima ten tanta malnutrición que se emociona con calquera cousa. Tocan Driftwood, un clásico (da miña adolescencia tardía) sobre deixar de ser un pedazo de madeira río abaixo. Canto e conduzo. Tanto tempo perdido… Como volverei ser un carballo centenario? Meto quinta, piso o acelerador e berro. Dous bufidos, dous ouveos xordos, de animal. Non solto o volante. Calquera que me vexa pensará que perdín a cabeza. Súdama. Estou tan tan tan cansa de volverme invisible. Os Travis tocan My Eyes e podo imaxinar esa hordas de güiris británicos borrachos ao pé do escenario do FIB. Unha inmensa tranquilidade agroma do meu peito coma unha pequena fonte de auga. Chega a todos os recunchos da miña memoria. Alivio. Sorrío e río comigo mesma. Chego á Peroxa coas “ventanilllas” baixadas e a música soando moi forte. Son a protagonista, como non me había gustar?

Normalmente non saben que se van convertir en personaxes. Roubareilles parte das súas vidas con elegancia felina. Observar, nada máis. As casualidades están aí, entrando e saíndo da miña vida. Cruzámonos. Cando non é unha man ou o brazo enteiro é unha ausencia. Percibilo todo, sentilo todo, compartir o café da sobremesa cos seus segredos máis profundos. Tanta empatía que calquera día acabo desangrada.

Só necesito tempo, ten paciencia.

A xente non lle presta atención ás bandas sonoras, pero esas melodías expresan todo o sentimento dos silencios. Durmo mal polas noites, unha vella escuridade invádeme con cada solpor. Volvo estar enmeigada. Non se dan conta… Teño o don de facerme invisible, non me ven. Evapórome. Mírome no espello e hai algo que falla. Algo falta. Quizais a manca sempre fun eu.

Soa a música, dou voltas na cama. Escuridade. Son Manuel Antonio no paquebote esmaltado.