caida-del-muro-de-berlin

Non sei que me asusta máis, se os días de sol que me deixan sen sangue ou os días grises nos que nin o carteiro timbra, que o Rei pasa todo o día no hospital e me volvo unha naufraga sen gafas por casa. Torpe como a primeira vítima do asasino en serie. Sempre é máis bohemio lamber as feridas en soidade, alma en pena, non opoñer resistencia cando te acoitelan as circunstancias. Vomítalle a túa culpa á mala sorte. Emborráchate de mediocridade allea, non lle repliques aos necios. Por que fixen unha estúpida e inútil da miña humildade? Ti non o sabes, non podes nin imaxinalo, pero este é o momento exacto no que me volvo completamente invisible, como o fume desaparecendo antes de acabar o cigarro; apenas sobrevivirá uns días na túa chaqueta, ata que o Xuízo Final chegue en forma de suavizante. Ou a décima de segundo no que todo o que son, todas esas pequenas cousas que se me dan ben, todas as miñas capacidades conflúen para adiantalos no Alpe d’ Huez, conquistar o Everest, rematar outra San Martiño máis.

Derrubar o muro que son

Soa

jamescolor

Onte naceu Andrea. Hoxe volve chover. No meu instagram a xente anda de vacacións no Norte, no Mediterráneo ou na miña Lisboa. Digo miña, porque sempre será miña. Seguramente se cruzaron coa miña pantasma dos 21 anos facendo de guía ás visitas ou dándoo todo nalgún garito. Feliz e auténtica. Teño saudade de min mesma. Tan inxenua, tan valente. Sempre me erguía. Non escoitaba a ninguén, brillaba sen ser consciente.

Nubes grises asoman, queren entrar pola fiestra, secuestraron o sol indefinidamente. Naceu Andrea, pero o inverno resístese a deixar o asento baleiro. O inverno sempre me lembra a Lisboa. Alí perdínlle o medo ao frío. Devezo pola primavera á vez que a temo. Empezou a miña conta atrás e a ansiedade xa me fai visitas nocturnas. Déixoa estar. Naceu a Andrea, tan esperada, tan soñada por toda a familia. Ela é a certeza de que o futuro será mellor.

Como Lisboa.

Ás veces volvo a ese día, a ese momento. Quizais xa o teño contado demasiadas veces. Pero cada quen fuma o que quere, eu fumo recordos. Pasaron dez anos, xa teño a idade que tiña miña nai cando nos tivo. Traballo con nenos e o futuro faime sorrir. Vexo aos fillos de outros, pregúntome como serán os nosos. Algún día.

Hai cousas que só podo compartir comigo mesma, de que xeito procuraba o amor en calquera coma un cadelo da protectora buscando dono. Era quen de regalar a miña alma por unha caricia. Vendíalla ao diaño mil e unha noites. Agora que sei todo o que sei… Fun egoísta, non me importa admitilo. Non máis do que foron comigo. Aquela mañá, hai dez anos, o inverno en Lisboa e eu regalándome un blog. O instante no que gardei para sempre o amor propio na maleta.

(27 de xaneiro de 2015)

 

empirestate

Pasaron case dous meses e esta saudade non se vai do meu peito. Veu comigo de Nova York. Non foi un soño, foi tan real que aínda me treme o corazón. Agora entendo a Lorca e outros tantos. A cidade non te fai máis grande nin máis pequena, as rúas sen nome íspente. Non teño banda sonora daqueles días, había que escoitar polos ollos. Ollos que non deixaban de encherse de cores e formas. Arte, rañaceos e a xente máis amable do planeta. Querer quedar, querer volver, pero con el porque sen el só sinto unha sombra que me asexa en soños. Cruzando a ponte de Brooklyn a antiga vertixe non me deixa avanzar. O sol quentaba coma no Sahara, tiramos fotos pero a frialdade coa me vexo na pantalla da cámara é propia dun cirurxián plástico. O perfeccionismo mata, a miña guerra civil agótame tanto que ás veces vólvome completamente invisible ata desaparecer. No White Horse tomamos un café coa pantasma de Jack Keruac mentres Dylan Thomas ve un partido de béisbol. Como nunha película. Estaba convencida que ao regresar esa sensación desaparecería, a maxia non duraría tanto. Equivoqueime. Pérdome na biblioteca entre temas, poño xeo na planta do pé despois de correr, vexo concertos que non pensaba nesta cidade pequena… Aquí segue. Zeta pregúntame dende os seus tres anos a onde vou despois da nosa clase. Aí está. A mirada de quen está por primeira aos pés do Empire State. Suspiro e sorrío antes de responderlle. Esa mirada coa que eu xa nunca consigo verme, limpa e inocente.

Se souberas o baixiña que son en realidade…

Cando en 1984 se celebraba a primeira edición dos Premios Xerais eu non tiña máis de seis meses de vida. Hoxe camiño cara os trinta. Lembro que os primeiros libros que merquei durante a miña adolescencia eran de Xerais. Un Nadal pedín Rapazas de Agustín Fernández Paz e non fixen outra cousa que lelo durante a cea con auténtica fame. É o único que lembro daquela Noiteboa. Eu era desas frikis que seguía a gala dos Premios Xerais por twitter, en stream ou como lle cadrase. Outra vez a fame, máis desta vez acompañada dunha sede tan real que remataba por provocarme saudade. Mais, como é posible ter saudade de algo que nunca tiveches? Quizais porque só o Tempo sabe que algún día o conseguirás.

Era luns o día que Fran Alonso (o home que me reconciliou con Vigo) me chamou para preguntarme se quería formar parte do xurado desta edición. Botei un par de días camiñando con ás nos pés, é o que sucede cando algo que non te atreves a soñar ocorre. Despois viñeron as caixas cheas de orixinais, as lecturas no tren, na cama ou mesmo na biblioteca. O xantar en Soutomaior, o debate, a relectura e a decisión final. Con Cadeas o meu foi amor a primeira vista que se foi confirmando a medida que pasaba as follas. Vivín a gala devorando cada detalle, nerviosa, emocionada, aínda coa sensación de irrealidade, e sobre todo, compartindo algo tan importante para min coa miña xente. Ao final tiven o valor de achegarme a Agustín para contarlle o meu idilio con  Rapazas. Volvín ser a rapaza tímida e inxenua que se gastaba a paga semanal en libros.

Non me cansarei de repetilo: foi máxico formar parte da engrenaxe, ter o privilexio de camiñar polo corazón do dragón, que o detallazo de que Manuel Bragado saiba que son aultrenarai (que é quen realmente sinto que son) non se me vai borrar xamais da memoria.

As cousas rematan como empezan e o martes, despois de dous meses, os orixinais marcharon como viñeron, por mensaxeiro. Así pechábase o círculo, así volvía a saudade. Esta vez sabemos de onde vén.

A saudade aparece cando menos o esperas. tomando algo e botándolle un ollo ao xornal. Non, non volvería ao pasado, nin a revivir nin a ser espectadora. Pero Lisboa… Algo me chama, unha parte de min sempre estará alí. Renega do meu corpo, da súa orixe, só quere vivir alí. É a súa casa, o seu fogar. As súas memorias son as dunha personaxe de novela ou serie de televisión; ninguén me crería. Pero a cidade mándame mensaxes, anda á miña procura porque aquela moza inxenua de vinte anos é filla desta que agora escribe. É filla do futuro e deste amor de carne e ósol en abrumador presente de indicativo. Escritora e personaxe mesturadas durante nove meses no que os imposibles eran tan reais que provocaban vertixe e mareos incontrolables. 

Soñamos la misma ciudad- le había escrito Lucrecia- pero yo la llamo San Sebastián y tú Berlín”…  Ahora la llamaba Lisboa. Tal vez fue en Lisboa donde conoció esa temeraria y hermética felicidad… Recuerdo algo que me dijo una vez: que Lisboa era la patria de su alma, la única patria posible de quienes nacen extranjeros.. Toda Lisboa, me dijo, hasta las estaciones, es un dédalo de escalinatas que nunca acaban de llegar a los lugares más altos, siempre queda sobre quien asciende una cúpula o una torre o una hilera de cass amarillas que son inaccesibles”.

[…]

   “Pero ya no estaba seguro de haber visto a Lucrecia ni de que fuera el amor quien lo obligaba a buscarla. Sumido en ese estado hipnótico de quien camina solo por una ciudad desconocida ni siquiera sabía si la estaba buscando: sólo que noche y día era inmune al sosiego, que en cada uno de los callejones que trepaban por las colinas de Lisboa o se hundían tan abruptamente como desfiladeros había una llamada inflexible y secreta que él no podía desobedecer, que tal vez debió y pudo marcharse cuando Billy Swann se lo ordenó, pero ya era demasiado tarde, como si hubiera perdido el último tren para salir de una ciudad sitiada”.

O Rei de Escocia

Fixemos aquaplaning. Desapareceu a autoestrada baixo un tsunami de chuvia e vinme chamando á miña nai dende unha ambulancia escocesa. Tivemos un accidente, pero non foi nada, os dous estamos ben, non vos asustedes. Aínda lembro a canción que soaba cando a furgoneta comezou a entrar polas Highlands. Montañas con corpo de muller labrado por glaciares. Aquel debía que ser o verde co que Miguel Anxo facía a súas mesturas para a Capela Sistina. E como chegaría ata alí? En soños, sempre en soños, procurando as cores máis vivas. Había xente facendo sendeirismo por carreiros. A auga corría libre, sen dar explicacións, sen outra obrigación que cabalgar cara adiante. Sentín envexa. Deixara de diluviar, agora o sol e o vento bailaban un tango. De vez en cando paraban para acariñarme a meixela. Custoume reprimir as ganas de tombarme no chan, boca arriba, e deixarme abrazar por eles. Fixemos un par de fotos naquel miradoiro, abrazados, sorrindo, despeiteados. Como é costume non me convencía o resultado: eu co chuvasqueiro demasiado grande e a ausencia de elegancia que sempre me persigue. Pero Andrés vestía o kilt de gala, a coroa na cabeza e Excalibur no cinto. Equivocáronse os cronistas, Excalibur agochábase en Lisboa. Atopeina por casualidade nun dos seus miradoiros antes de regresar a casa. Prometérame non volver a Lisboa, que se un día alguén me levaba de novo lla había regalar. En Greyfriars soñei que me enterraban de vella, que me pasaba a eternidade sorrindo polos turistas, os pícnics, os adolescentes bicándose ás agachadas. Vinme en quince anos, escribindo todas as noites, mercándolles xoguetes de Star Wars na tenda do Planeta Prohibido, chamándoos todas as noites.

Mami, volve pronto.

Si corazón, nuns días remato a novela e estou aí, anda ponme con Papi.

Míranos, agora estamos no Castelo de Edimburgo. Andaban a tirarnos outra foto baixo a chuvia. Felices. Este chuvasqueiro si é da miña talla e Andrés segue coa súa coroa na cabeza. Si, penso para min, o momento máis feliz da miña vida.

Medrarei, fareime grande e forte para coidalos e protexelos.

Non lembro as rúas, nin as praias, nin o que fixemos aqueles quince días en Cangas. Agosto do 93. Pero si lembro que había folga do lixo e cruzar a ría para mercar uns edredóns no Corte Inglés. Era o derradeiro día na praia, xa estaba todo listo para regresar a Ourense o antes posible. Non tiñamos teléfono no apartamento que meus pais alugaran durante aquelas dúas semanas, por iso cando vin ao dono do piso con cara de circunstancias, na porta, o corazón comezou a berrar. Non, outra vez non, por favor, aínda non. Era imposible ter tan mala sorte. Non consigo lembrar exactamente o que dixo nin como o dixo. Miña irmá e eu mirámonos. Estábamos mortas de medo. O dono do piso comunicoulle a Mamá que o avó morrera e ela caeu contra a parede, chorando, ata quedar sentada no chan. Rota. Ese golpe seco contra a parede foi peor ca unha paliza. María e eu rompimos a chorar conscientes do que pasaba. Ter nove anos e saber que isto se acabará, que estamos sós, que acabaremos sós, que nada dura para sempre, que irás perdendo a todos os que che importan. E Papá abrazando a Mamá con forza. As maletas feitas, preparadas no salón. Iamos volver a casa, iamos volver para despedirnos do avó. Non nos deu tempo. Sei que Mamá aínda se sinte culpable por aqueles quince días de veraneo. Seino porque nunca máis volvemos a poñer un pé en Cangas. E van dezanove anos.

(15 de agosto de 2012)

Damien saiu ao escenario só coa guitarra e cos pés espidos. Está máis delgado. Silencio, escuridade. Intimidade. Non puiden evitar pensar no tanatorio ateigado de xente no que estivera había unhas poucas horas. Tanta xente que aquilo parecía unha feira, só falta o polbo, comentou meu pai con toda a razón. Morrera un veciño da aldea. Era o avó dun amigo da infancia, daqueles veráns de aventuras lonxe da cidade. Pasábamos horas, días, noites enteiras xogando na rúa na que estaba na súa casa. Gordo, chamáballe con retranca ao neto. Ese neto co que eu pelexaba por parvadas e que agora chora desconsolado. Un veciño máis, pero que sen querelo estivo omnipresente nos meus recordos de nena. E volvo a facerme a mesma promesa, exactamente a mesma que cando tiña nove anos. Saco un coitelo do bolso e sen que me vexa ninguén, no que dura unha canción, paso o aceiro sen piedade pola palma da man.

O concerto prosigue coa banda e nalgunha momento viaxo ata un futuro que aínda non parín. Non teño imaxes, aínda non tiven tempo de escribir o guión, pero si os olores, si a música…

Damien, con ese corpo de grizzly e esa sensibilidade extrema, de poeta antigo, entrégasenos coma un neno agradecido e feliz. Compartiuse, deunos de comulgar a todos os que quixemos. Deus ten que parecerse a el, non pode ser doutra maneira.