Non ser

Esperto porque a escoito falar. Outra vez a súa voz. Dispáraseme o corazón. Erguinme hai cousa de dúas horas para tomar un ibuprofeno pola dor e volvín quedar durmida. A súa voz catro meses despois. Saio da habitación con medo e aguantando a respiración. Estamos en Fontes e eu estaba no seu cuarto. Nin sequera me sorprendo. Ela está de pé na cociña organizando o magosto. Non entende que fai a cociña de leña apagada, non entende porque a miramos tan abraiados. Leva o traxe que levou á miña voda. Segue viva. Só foi un soño, un pesadelo. Vouna abrazar, pero ela rífame porque son máis das dez e eu sigo en pixama. Aí é cando realmente esperto. O ibuprofeno fixo efecto, quitoume a dor mentres outra se instala na miña memoria. Paso todo o día choromicando porque hoxe fai xusto un ano que o tío Tonete morreu. Aínda hai momentos que me pode aquela incredulidade. Choro todo o que non chorei hai un ano. Nunca entenderei como fun quen de dar clase no momento en que sen querer nos avisaban de que xa morrera. A Elisa profesora aguantou hai un ano, pero esa dor amputada sae polos ollos da Eli que só son agora. Nin unha mísera bágoa quixera asomar polos meus ollos aquel venres mentres o meu corazón se vai a pique nas profundidades do meu peito como o Titanic. Como nunha película da que nunca quixeches ser protagonista.

Son días de flores e sombras e de xente disfrazada de asasinos en serie na madrugada. Pero no fondo é todo o mesmo, unha fuxida cara adiante; o memento mori máis borracho ou o carpe diem máis extremo. Volvo ter nove anos fronte a tumba dos avós, os dous Antonios que xa non están sós. Agora son tres en Reádegos e tres na Peroxa. Nunca deixará de chamarme a atención como dúas familias tan distintas sempre se puxeron de acordo para ir paralelas cando se trata da morte. Xa non teño nove anos, pero choro coa mesma honestidade e o mesmo medo: Quen será o próximo? Se fose eu non deixarei que ninguén me leve flores. Se fose eu, hoxe que aínda non son nai e non teño a ninguén que se pareza a min en vinte anos, borrareime. Marcharei sen deixar un só alento da miña presenza. Que non quede ningún recordo meu. Evaporarme das fotografías, que ninguén saiba quen ocupaba aquel oco. Que o Rei nunca lembre os meus bicos nin as risas felices dun día calquera. Que nunca houbese unha Eli pequena, alguén que herdase a miopía de meu pai. Que a miña melliza non lembre o moito que xogabamos e pelexabamos de nenas. Ninguén a quen terlle caído ben ou mal. Non ter enviado nin recibido nunca unha carta; polvo de follas en branco. Desaparecer como se nunca tivese pisado esta terra.

Non ser a muller, a filla, a irmá, a amiga, a profesora. Ser nada, absolutamente nada, pero que non haxa quen me chore ou me sufra. Xamais.

Os días máis tristes son sempre en verán. Non entenden de sol ou nubes. Alóxanse comigo sen pedir permiso. Este ano teñen escusa. Beben do meu sangue, non me deixan erguer da cama e róubanme as ganas. Cando non é a pena propia é a allea. Días para ver coma outros gañan medallas, para non entender nada porque ás veces a vida é tan inxusta con quen menos o merece. Días para meter a cabeza na piscina e xogar a aguantar a respiración. Ou saír a correr ata que me saen feridas na pel polo roce de lycra e suor. Lembrándome sempre que ás veces sinto máis do que este corpo pequeno pode. Paralizada. Coller o coche e meter quinta sen medo. Sentir a máquina no volante, no ruxir do motor. Pero o gato non me sae de enriba. Como se me vise chorar por dentro. Como se soubese que xa pasou un mes e que me sinto culpable por chorala. Porque miña irmá aprobou, sacou praza, pero eu téñolle pavor á insatisfación que naceu comigo.

E se volve? E se me domina? E se deixo de ser valente? E se todo foi un soño e este curso só foi un reflexo?

Vaia forma de perder a cabeza nun segundo.

caida-del-muro-de-berlin

Non sei que me asusta máis, se os días de sol que me deixan sen sangue ou os días grises nos que nin o carteiro timbra, que o Rei pasa todo o día no hospital e me volvo unha naufraga sen gafas por casa. Torpe como a primeira vítima do asasino en serie. Sempre é máis bohemio lamber as feridas en soidade, alma en pena, non opoñer resistencia cando te acoitelan as circunstancias. Vomítalle a túa culpa á mala sorte. Emborráchate de mediocridade allea, non lle repliques aos necios. Por que fixen unha estúpida e inútil da miña humildade? Ti non o sabes, non podes nin imaxinalo, pero este é o momento exacto no que me volvo completamente invisible, como o fume desaparecendo antes de acabar o cigarro; apenas sobrevivirá uns días na túa chaqueta, ata que o Xuízo Final chegue en forma de suavizante. Ou a décima de segundo no que todo o que son, todas esas pequenas cousas que se me dan ben, todas as miñas capacidades conflúen para adiantalos no Alpe d’ Huez, conquistar o Everest, rematar outra San Martiño máis.

Derrubar o muro que son

Soa

Saio correr máis de tres meses despois e aguanto seis quilómetros como se aquilo formase parte rutina semanal. Aguanta, aguanta. E fantasio, así en baixo, para o Rei e para min. Ataques de risa e sexo de madrugada. Declaracións de amor adolescente nos meus apuntes. Escoito a Saturno e son consciente da pouco que lle importa ao universo este exame. Amor, familia, saúde, casa. Non fuxir malia o medo. Chega o día D, sentada diante do folio estou tan cansa que os meus pensamentos van a cámara lenta. A marea sube ata Monteporreiro e o instituto inúndase. Non respiro, só escribo. Dóeme o corpo como se viñese de finalizar unha maratón. Durmo dez horas seguidas sen cambiar de postura, pegada ao colchón. A certeza quere botar raíces e regalala cun pouco de sorte é a mellor das chuvias. Sigo correndo, pero a dúbida espérame en Reza. Quizais me estea a enganar, quizais me ceguen as ganas de aprobar. Quen non quere triunfar? Quen non quere conseguir os seus obxectivos? Quen non quere borrar os fracasos a puñados? Soño que o día da lectura do exame os comentarios e o tema desapareceron. Dentro do sobre só hai a vella fotocopia do poema que Osiria me regalou cando ela só era a miña a profesora de Historia. Outras veces os mesmbros do tribunal escóitanme sentados, todos vestidos con armadura, movéndose todos á vez, sinanlando todos como autómatas á pizarra na que alguén escribiu Alea jacta est.

É nese intre no que esperto sen saber nunca se seguir soñando ou non.

 

A relaxación chega cando tensas todo o teu corpo e soltas toda esa presión acumulada. Pasar dun extremo ao outro. Quedarse só coa inmensa paz que queda despois.
Domingo. Collo o coche aparcado diante do Gadis na rúa San Rosendo. Son as nove e media. Despois de ver ao Rei paso por casa da avoa. Poño a radio, en Radio 3 están a botar o concerto de Travis en directo. Son Telma sen Louise. A miña autoestima ten tanta malnutrición que se emociona con calquera cousa. Tocan Driftwood, un clásico (da miña adolescencia tardía) sobre deixar de ser un pedazo de madeira río abaixo. Canto e conduzo. Tanto tempo perdido… Como volverei ser un carballo centenario? Meto quinta, piso o acelerador e berro. Dous bufidos, dous ouveos xordos, de animal. Non solto o volante. Calquera que me vexa pensará que perdín a cabeza. Súdama. Estou tan tan tan cansa de volverme invisible. Os Travis tocan My Eyes e podo imaxinar esa hordas de güiris británicos borrachos ao pé do escenario do FIB. Unha inmensa tranquilidade agroma do meu peito coma unha pequena fonte de auga. Chega a todos os recunchos da miña memoria. Alivio. Sorrío e río comigo mesma. Chego á Peroxa coas “ventanilllas” baixadas e a música soando moi forte. Son a protagonista, como non me había gustar?