A confianza non é cega nin miope, é tan imposible de atrapar coma o xeo cando se derrete. A miña confianza. Mírome no espello e acepto as premisas que tanto neguei. Tiñan razón, todo foi culpa miña. É verán, a calor adorme os pensamentos e os razoamentos, mais a min fíreme de morte. Cústame ler, cústame correr, cústame escribir. Dóeme o invisible. Paralizada e cansa como se fose unha vella acosada pola soidade. Non pode rescatarme ninguén, quizais un golpe de sorte. Mentres, nas vodas, nos festivais, sigo a cruzarme con monstros xigantes. Písante se te descoidas. Son torpes e inútiles, atractivos e estilosos por fóra. Precocupados unicamente por esa felicidade que debe ser constante nos seus xestos, nos seus rostros. Non importa o que pensan ou sinten, só aparentar que todo vai ben.

Indixestión, ganas de vomitar e afastarme.

Un mal presentimento. Estar a xantar un día calquera e que un frío angustioso che suba polas pernas ata sentar no teu colo, coma un gato caprichoso que quere que notes a súa presencia. Outra ausencia máis. Outra vida que pon punto final. E o círculo vaise pechando, cada vez máis pequeno. Esta bala pasou rozando o corazón, a próxima rebentaranos os miolos. Ese día que non queremos que chegue, ese día… Suspira, aguanta. Outro aviso, no reloxo de area o tempo cae cada vez máis rápido. Tic tac. Temos que correr e chegar a tempo.

Que nada quede por dicir ou facer.

Volver empezar. Afastarse para logo volver. Suor, bágoas, Mediterráneo; salitre. Aquela vella canción… Volver con máis ganas, perder dunha vez o medo a perdelo todo. Deixar de fuxir. Botaban unha película, esa escea que sempre me emociona. Miña irmá estaba sentada detrás de min no seu salón, a terraza aberta, as luces apagadas, só se ve a luz da televisión. Algo que se tensa e se solta dentro, moi profundo. Como me puiden esquecer? A incerteza, o futuro, as oposicións, a falta de independencia. Todo desaparece e son eu a que está coa cabeza rapada, son eu a berra baixo a chuvia como un animal. Toda a rabia, toda a frustración, toda a impotencia. Músculos que se tensan, forza sobrehumana, colmillos que medran, quero morder, quero facer dano, quero liberarme. A debilidade, a fraxilidade transformada nun ruxido, nun ouveo. Máis de mil quilómetros cara o Sur, máis de mil quilómetros cara o Norte.

Volver empezar…

 

As personaxes sempre aparecen onde menos o esperas. Ás veces teño a sensación de que son elas, as personaxes, as que me buscan. O ritual sempre se repite: cruzámonos, coincidimos no espacio e no tempo e aínda que nun principio non chamen a miña atención, ao final prodúcese o momento adecuado. Ese no que a contradicción vital que levan tatuada na retina se fai visible aos meus ollos. Calquera persoa pode ser unha personaxe. Todos somos icebergs, o 90% do que somos permanece oculto baixo as augas. Tendemos a fixarnos nas cousas que se nos contan, en como se nos contan, pero esquecemos que o que non é mencionado tamén existe. O noso interlocutor ignórao e co seu silencio ouvea coma un lobishome nas noites de lúa chea. Se es quen de intuír como é ese segredo de xeo, daquela podes crear a personaxe. Outra alma que nada teña de real. Ou que o teña todo.