Cando non choras no momento que lles corresponde as bágoas quedan penduradas do tempo, dos recordos, agardando por outro momento para liberarse de ti. Ninguén pode secar un océano. Estaban agardándome. Micro en man, viacrucis. Papá e Mamá ao lado vendo como pasado, presente e futuro se mesturan. En min. Esa voz non é miña, é del. Cantas veces a fixemos isto nunha igrexa? Cantas veces fun a herdeira? Crer e non agocharse. Décima estación. “E prométoche non volver a preocuparme por parvadas. Ser mellor”. E sube polo peito como Tenzing no Everest. Bradicardia. Ríndome. Deixarme espida co micrófono na man. Eu non son eu, eu son eles. Esta pedra, este silencio. De aquí veño eu. Choro exactamente igual que tres meses despois saíndo do exame da oposición. Pero os vellos nunca se asustan das bágoas; como Osiria. O esforzo, as ganas, a ilusión, a incerteza, a ansiedade.
Levámosche flores e o paso do tempo maréame. Volve ser 11 de setembro. Alí, diante da túa lápida aínda sen o teu nome e sen o 23 de xuño penso que todo é un soño. Aínda non casamos o Rei e eu e estades todos. Tampouco comecei o curso, o curso que repetiría unha e mil veces se puidese. Un instante, un pestanexo, unha respiración. Pero as rosas que che levou o tío Afonso seguen frescas e contrastan coa miña memoria. O tempo acelérase e a labazada na cara doe máis ca nunca; o 11-S que máis sangrei. Non distinguir o ilusorio do real… Non podo ser máis barroca. Empezan a caer os temas coa calma e pausa dos quilómetros que xa peregrinei este verán. Na biblioteca case sempre sento no mesmo lugar rumbo ao nordeste. Cando o sol rompe a néboa entra directo como unha lanza que me atravesa o peito. E sae Garcilaso dos apuntes para pelexar con Chomsky. Boxean como bestas mentres a xente comeza a facer apostas. E aparece Nemoroso desesperado por min. Explícolle que non son a Elisa pola que chora. Pero ninguén me escoita e as mozas que preparan o MIR colócanme á forza sobre unha das mesas de estudo. Queren reanimarme. Pero operarme de que?Se eu estou ben. Anestésianme e noto como me evaporo. Nemoroso non minte, alguén chora por ti. Parvos, é a miña familia chorando pola avoa, pola nai, pola tía.
Esperto cando volve soar o espertador. O gato sae do meu abrazo e non distingo se é luns ou martes. Á altura do corazón teño cosido medio endecasílabo e unha prescripción médica na mesiña de noite:
Xa non estás. Subo polas escaleiras do teu edificio coa tristura apertándome o pescozo. Eu non quero ser Elisa se ti non estás. Como chegamos a isto? Hai nada era eu quen escribía cartas e pedíalle que lese os meus relatos a Osiria; vinte anos nun abrir e pechar de ollos. Agora escríbenme a min… Martes 22. O luns póñenche morfina e eu recoñezo ese xesto agotado na túa cara. Sei o que vai pasar. Seino dende que teño nove anos. Todos van rematar morrendo. Aquela certeza que me amputou media adolescencia, aquel estado de alerta permanente. Pasaron 28 anos e aquí volvemos estar. Un ramo, unha foto, dúas cartas, relatos… Abrazos. Emociónome, pero non son quen de chorar no colexio. Teño que aguantar, algo, nos ósos, me di que aguante. A eles tamén teño que deixalos marchar. Outra despedida, outra dor, pero feliz porque que voen sós quere dicir que todo vai ben. O Rei traballa e lévame Osiria ao hospital; non podía ser doutra maneira. Xa te sedaron. Acaríñoche o peliño curto. A túa pel chea de enrugas de tanto vivir e sorrir. Quérote moito ao oído. Reméxeste como se me entedeses. Eu dicíndolles a 4º D que este é o momento no que eu me convirto nun recordo cando en realidade es ti quen se converte no meu recordo máis preciado. Canto máis se poden cruzar as nosas vidas? Por que todo aquilo que non podo ver pola miopía si podo intuílo a través dos meses, dos anos? E marcho sabendo que esa é a derradeira vez que sentirei a túa calor. Teño que deixarte marchar a ti como os deixo marchar a eles.
Chegamos a Lugo e un frío de abril saúdanos. É a primeira vez que vou facer un exame da oposición con frío. Os adolescentes celebran a fin do curso. Ceamos rodeados deles, pero aquí só son unha muller de case corenta anos completamente inivisible para eles. Repaso temas e comentarios ata a unha da madrugada, caio rendida, pero esperto de súpeto ás cinco. Como se me chamases. Vai pasar ou quizais xa está pasando. Almorzamos cedo, é case como ir ao colexio a traballar. Espero a que abran o instituto coa música a todo volume, mirando ao ceo azul, pensando en ti, no avó, escapando dos comentarios absurdos que todos os opositores vomitan. Só é unha nota, un exame, máis ou menos importante. Ensineillo coas tripas, con todos os matices da miña voz nasal. Ensineillo e aprendino eu tamén. Sento e respiro calmada e serena. Xusto nese momento en que decido a facer o soneto de Quevedo, ese momento no que me poño en visión en túnel, porque nada máis existe, porque só podo escribir e dedido que non perdo nada por intentalo. O segundo no que o teu corazón deixa de latir. Quizais é o máis difícil que fixen na miña vida. Quizais sen o Rei aquí non podería parar de chorar derrotada. Pola tarde, antes do sorteo do tema xa sei que non estás. Seino, eu todo o podo sentir. Saio do tema e choro no baño tirada no chan. Estou agotada. De onde vén esta forza? É túa, deixáchesma en herdanza? Ou é deles? É o amor, sempre foi o amor.
– Mamá, xa o sei, xa o sei.
– A ti non se che pode enganar, filla.
Fáiseme eterno o regreso. Entro no tanatorio como quen leva días aguantando a respiración. E choro. Rómpome. Xa non estás e doe. Mamá abrázame e eu sinto que me mareo, que me fallan as pernas. Tremen e son unha folla a punto de saír voando co vento. Era eu a que tiña que consolala, era eu… Volvo ter nove anos. E que ás veces non sei a idade que teño. E vaste vestida co traxe que levaras á nosa voda. Outra vez abrumada, eu que tantas veces temín non ser digna do teu amor, do teu orgullo.
Pero eu non quero ser Elisa se ti non estás, penso mentres subo ao teu piso. Tal vez xa o era antes de que ti morreras e tampouco me daba conta. Búscote cando vou ao Gadis. Igual apareces asomada polos balcóns. Espera que baixo e imos tomar un café. Ou un sube, colle algo no Coren e come aquí. Pero non estás… Xa non.
Ao borde do infarto. Non pode ser sana esta espera. Outra vez o meu nome, outra vez os sobres e o dni no pupitre. Non recoñezo nin á miña propia cidade nesta realidade paralela. Tocáballe a Góngora, pero o comentario lingüístico é a bala dun francotirador que me fulmina. Ninguén contaba con el. Estou fodida coma Bonnie e Clyde na emboscada final. Eu que xa soñaba coas etimoloxías, coas sibilantes. Pero remo porque eu sempre remato escribindo. O segundo comentario é o velatorio. Agora cada vez que escoite chamar por algún Mario pensarei neste exame. Pola tarde xogamos ao bingo cos temas. Desastre. Que saia a nota, o suspenso para desfacerme desta áncora. Os días estíranse como goma de mascar mentres o paradoxo agardaba por min antes de cruzar á ponte, antes de chegar ao pavillón. Do misticismo do telegrama á insipidez do whatsapp.
“Que a avoa non estea soa”. Agora son eu outra das voces narrativas; cando non o fun? Sempre morre alguén para que outro viva. Porque vivir é dicir adeus. Ser consciente de que só es area nun reloxo. Pequeno. Pensas que si, mais non podes paralo. A ansiedade de sabelo. Ocultarala, intentarás esquivar a coitelada ou quizais só fagas un travase. Cara un exame, unha ruptura, un traballo que non che fai feliz. Pero está AÍ. Agardando a súa quenda. Porque sempre é máis doado consolar aos demais que conducir a propia dor. Máis aínda, o convencemento de que, quizais, o próximo enterrador es ti.
Cegada pola decepción, pola rabia máis física que nunca cruzou as miñas veas. Tantos meses pechada pensando nunha soa cousa, como non ía esquecelo? “Sé positiva, hai que erguerse”. Pero é mentira, a mentira máis repetida en boca de todos. Gastáronlle o sentido. Frases que só se din por educación, non empatía. Non sempre irá todo ben, non sempre conseguirei o que soño por moito que me esforce. Quédate, faime compañía, déixame estar soa, vela o meu soño intranquilo. Só quería prenderlle lume ao río como quen incendia unha gasolinera. Eu era o río.
Só depende de min.
Ata que buscas unha canción, un vídeo, unha noite, a seguinte noite e vólvelo sentir. O mar que estaba durmido en min, azul sen importar o ánimo do día. Busqueina ata o día do exame. As follas pola fiestra da aula, o solpor na estación, o sol contra o cristal do vagón, un bar perdido na noite estremeña, unha cancha de baloncesto nun instituto. Sempre está, é miña, sempre vén para quitarme as gafas.
Non sei que me asusta máis, se os días de sol que me deixan sen sangue ou os días grises nos que nin o carteiro timbra, que o Rei pasa todo o día no hospital e me volvo unha naufraga sen gafas por casa. Torpe como a primeira vítima do asasino en serie. Sempre é máis bohemio lamber as feridas en soidade, alma en pena, non opoñer resistencia cando te acoitelan as circunstancias. Vomítalle a túa culpa á mala sorte. Emborráchate de mediocridade allea, non lle repliques aos necios. Por que fixen unha estúpida e inútil da miña humildade? Ti non o sabes, non podes nin imaxinalo, pero este é o momento exacto no que me volvo completamente invisible, como o fume desaparecendo antes de acabar o cigarro; apenas sobrevivirá uns días na túa chaqueta, ata que o Xuízo Final chegue en forma de suavizante. Ou a décima de segundo no que todo o que son, todas esas pequenas cousas que se me dan ben, todas as miñas capacidades conflúen para adiantalos no Alpe d’ Huez, conquistar o Everest, rematar outra San Martiño máis.
Onte naceu Andrea. Hoxe volve chover. No meu instagram a xente anda de vacacións no Norte, no Mediterráneo ou na miña Lisboa. Digo miña, porque sempre será miña. Seguramente se cruzaron coa miña pantasma dos 21 anos facendo de guía ás visitas ou dándoo todo nalgún garito. Feliz e auténtica. Teño saudade de min mesma. Tan inxenua, tan valente. Sempre me erguía. Non escoitaba a ninguén, brillaba sen ser consciente.
Nubes grises asoman, queren entrar pola fiestra, secuestraron o sol indefinidamente. Naceu Andrea, pero o inverno resístese a deixar o asento baleiro. O inverno sempre me lembra a Lisboa. Alí perdínlle o medo ao frío. Devezo pola primavera á vez que a temo. Empezou a miña conta atrás e a ansiedade xa me fai visitas nocturnas. Déixoa estar. Naceu a Andrea, tan esperada, tan soñada por toda a familia. Ela é a certeza de que o futuro será mellor.
Saio correr máis de tres meses despois e aguanto seis quilómetros como se aquilo formase parte rutina semanal. Aguanta, aguanta. E fantasio, así en baixo, para o Rei e para min. Ataques de risa e sexo de madrugada. Declaracións de amor adolescente nos meus apuntes. Escoito a Saturno e son consciente da pouco que lle importa ao universo este exame. Amor, familia, saúde, casa. Non fuxir malia o medo. Chega o día D, sentada diante do folio estou tan cansa que os meus pensamentos van a cámara lenta. A marea sube ata Monteporreiro e o instituto inúndase. Non respiro, só escribo. Dóeme o corpo como se viñese de finalizar unha maratón. Durmo dez horas seguidas sen cambiar de postura, pegada ao colchón. A certeza quere botar raíces e regalala cun pouco de sorte é a mellor das chuvias. Sigo correndo, pero a dúbida espérame en Reza. Quizais me estea a enganar, quizais me ceguen as ganas de aprobar. Quen non quere triunfar? Quen non quere conseguir os seus obxectivos? Quen non quere borrar os fracasos a puñados? Soño que o día da lectura do exame os comentarios e o tema desapareceron. Dentro do sobre só hai a vella fotocopia do poema que Osiria me regalou cando ela só era a miña a profesora de Historia. Outras veces os mesmbros do tribunal escóitanme sentados, todos vestidos con armadura, movéndose todos á vez, sinanlando todos como autómatas á pizarra na que alguén escribiu Alea jacta est.
É nese intre no que esperto sen saber nunca se seguir soñando ou non.
Cando te queres dar conta xa estás sentada coas mans nos teclado. De nada serve atopar a banda sonora perfecta se non tes as palabras. Hai viaxes que se estiran no tempo coma goma de mascar. O teu reloxo nunca marcará as estacións coa velocidade do calendario da cociña. Ninguén te viu chorando dentro do taxi, xa levabas un mes a desangrarte. De despedida en Porto todos eran rañaceos, agás eu, un galpón que non pode disimular o que é. Non me recoñezo nas fotos, quen usurpou o meu corpo? Por unhas moedas os rapaces saltan da ponte sen medo, pouco lles importa que eu me indigne mentalmente cos turistas. Do Douro emerxen co ímpeto da inxenuidade. Houbo un tempo no que eu tamén era quen de cambiar o ritmo das mareas sen propoñermo. Corróeme a envexa e estou a dous segundos de trepar polas vigas de aceiro. Cando me quero dar conta estou a descalzarme. Ei! Vou saltar. Primeiro a sorpresa, despois a incredulidade. Pero que dis?!! Berran, pero eu non escoito nin razono. Pálpítame o corazón de alegría. Pecho os ollos. conteño a respiración, lánzome e o aire fáime cóxegas por debaixo da camiseta. Afúndome na auga coma un proxectil. Cando me quero dar conta estou a lavar a mans para preparar a ensalada, despeiteada, co pixama xa posto e escoitando a radio. Lavo as gafas, ergo a vista por inercia. Aí a está sorrindo con cariño do outro lado do espello. Chíscame un ollo e botámonos a rir pensando en Borges. A vida sempre se decide nun instante.