
Por que será que o inferno sempre se quere disfrazar de oasis? Por que (non) será?

O primeiro é atopar quen faga as preguntas adecuadas. As túas, as de ninguén máis. E parar.
Non te preocupes, non podes entendelo, non pasaches por esta estación pantasma. Aquí o tempo e o espazo confúndense. Volvo estar sentada diante da pantalla de cine vendo a Simba e a Murphy; coñezo ben o gusto dese viño sen probalo. Trinta anos proéndome na memoria.
Parar e encontrar iso que ninguén acostuma (querer) responder. Defínete sen falar do que estudaches, da túa profesión, dos teus fillos, do teu apelido, da túa parella, dos teus logros, das túas afeccións, do ben que encaixas ou non. Só é palla. Outros moitos cren ter o décimo da lotaría premiado porque a cámara non os enfoca a eles, porque son outros os que se derruban. Porque disimulan o aterrorizados que viven, que ninguén descubra o profundamente superficiais que son.
A nena chora no cine porque coñece a realidade, porque intuíu o inevitable. Acomódase no meu ombro. Sabe que a entendo e con iso é suficiente. O demais, palla e disfraces.

Que fácil é confundir cariño con agradecemento…

Os días máis tristes son sempre en verán. Non entenden de sol ou nubes. Alóxanse comigo sen pedir permiso. Este ano teñen escusa. Beben do meu sangue, non me deixan erguer da cama e róubanme as ganas. Cando non é a pena propia é a allea. Días para ver coma outros gañan medallas, para non entender nada porque ás veces a vida é tan inxusta con quen menos o merece. Días para meter a cabeza na piscina e xogar a aguantar a respiración. Ou saír a correr ata que me saen feridas na pel polo roce de lycra e suor. Lembrándome sempre que ás veces sinto máis do que este corpo pequeno pode. Paralizada. Coller o coche e meter quinta sen medo. Sentir a máquina no volante, no ruxir do motor. Pero o gato non me sae de enriba. Como se me vise chorar por dentro. Como se soubese que xa pasou un mes e que me sinto culpable por chorala. Porque miña irmá aprobou, sacou praza, pero eu téñolle pavor á insatisfación que naceu comigo.
E se volve? E se me domina? E se deixo de ser valente? E se todo foi un soño e este curso só foi un reflexo?
Vaia forma de perder a cabeza nun segundo.

Lembro parar nunha cafetería pequena, de dous pisos. Un xoves de maio, un cortado e unha auga do tempo. Na televisión falan de GH. Despois da miña sesión, cando volvíamos ao coche, a rapaza de 16 anos que era eu entra na Couceiro seguida polo pai máis sabio á hora de deixar espazo. Lembro como o tacto na man. Nunca me dera pola poesía. Xa vira aquel nome en letras douradas no vello dicionario que tiña Papá por casa. Merqueino convencida de que fora escrito para min. Lino e relino mil veces. Escribín segredos, pensamentos a carón daqueles versos que tanta compañía me fixeron naqueles meses. A lapis como unha aprendiz. Onte morreu X. L. Franco Grande. A adolescente que fun chorouno agradecida.
Dende o SI.

Non sei que me asusta máis, se os días de sol que me deixan sen sangue ou os días grises nos que nin o carteiro timbra, que o Rei pasa todo o día no hospital e me volvo unha naufraga sen gafas por casa. Torpe como a primeira vítima do asasino en serie. Sempre é máis bohemio lamber as feridas en soidade, alma en pena, non opoñer resistencia cando te acoitelan as circunstancias. Vomítalle a túa culpa á mala sorte. Emborráchate de mediocridade allea, non lle repliques aos necios. Por que fixen unha estúpida e inútil da miña humildade? Ti non o sabes, non podes nin imaxinalo, pero este é o momento exacto no que me volvo completamente invisible, como o fume desaparecendo antes de acabar o cigarro; apenas sobrevivirá uns días na túa chaqueta, ata que o Xuízo Final chegue en forma de suavizante. Ou a décima de segundo no que todo o que son, todas esas pequenas cousas que se me dan ben, todas as miñas capacidades conflúen para adiantalos no Alpe d’ Huez, conquistar o Everest, rematar outra San Martiño máis.
Derrubar o muro que son
Soa

Saio correr máis de tres meses despois e aguanto seis quilómetros como se aquilo formase parte rutina semanal. Aguanta, aguanta. E fantasio, así en baixo, para o Rei e para min. Ataques de risa e sexo de madrugada. Declaracións de amor adolescente nos meus apuntes. Escoito a Saturno e son consciente da pouco que lle importa ao universo este exame. Amor, familia, saúde, casa. Non fuxir malia o medo. Chega o día D, sentada diante do folio estou tan cansa que os meus pensamentos van a cámara lenta. A marea sube ata Monteporreiro e o instituto inúndase. Non respiro, só escribo. Dóeme o corpo como se viñese de finalizar unha maratón. Durmo dez horas seguidas sen cambiar de postura, pegada ao colchón. A certeza quere botar raíces e regalala cun pouco de sorte é a mellor das chuvias. Sigo correndo, pero a dúbida espérame en Reza. Quizais me estea a enganar, quizais me ceguen as ganas de aprobar. Quen non quere triunfar? Quen non quere conseguir os seus obxectivos? Quen non quere borrar os fracasos a puñados? Soño que o día da lectura do exame os comentarios e o tema desapareceron. Dentro do sobre só hai a vella fotocopia do poema que Osiria me regalou cando ela só era a miña a profesora de Historia. Outras veces os mesmbros do tribunal escóitanme sentados, todos vestidos con armadura, movéndose todos á vez, sinanlando todos como autómatas á pizarra na que alguén escribiu Alea jacta est.
É nese intre no que esperto sen saber nunca se seguir soñando ou non.

Cando te queres dar conta xa estás sentada coas mans nos teclado. De nada serve atopar a banda sonora perfecta se non tes as palabras. Hai viaxes que se estiran no tempo coma goma de mascar. O teu reloxo nunca marcará as estacións coa velocidade do calendario da cociña. Ninguén te viu chorando dentro do taxi, xa levabas un mes a desangrarte. De despedida en Porto todos eran rañaceos, agás eu, un galpón que non pode disimular o que é. Non me recoñezo nas fotos, quen usurpou o meu corpo? Por unhas moedas os rapaces saltan da ponte sen medo, pouco lles importa que eu me indigne mentalmente cos turistas. Do Douro emerxen co ímpeto da inxenuidade. Houbo un tempo no que eu tamén era quen de cambiar o ritmo das mareas sen propoñermo. Corróeme a envexa e estou a dous segundos de trepar polas vigas de aceiro. Cando me quero dar conta estou a descalzarme. Ei! Vou saltar. Primeiro a sorpresa, despois a incredulidade. Pero que dis?!! Berran, pero eu non escoito nin razono. Pálpítame o corazón de alegría. Pecho os ollos. conteño a respiración, lánzome e o aire fáime cóxegas por debaixo da camiseta. Afúndome na auga coma un proxectil. Cando me quero dar conta estou a lavar a mans para preparar a ensalada, despeiteada, co pixama xa posto e escoitando a radio. Lavo as gafas, ergo a vista por inercia. Aí a está sorrindo con cariño do outro lado do espello. Chíscame un ollo e botámonos a rir pensando en Borges. A vida sempre se decide nun instante.

Quizais sempre fun grande. Non alta, non vella. Grande. Son un iceberg, enganeivos a todos. Teño vivido máis do que imaxinas, máis do que aparento. Ser sensible non é ser transparente, esa foi a miña tapadeira. Algúns só ven o que asoma pola superficie, outros mergulláronse nas augas árticas. Non houbo hipotermia, valentes que coñecen as marabillas os labirintos de xeo onde as baleas regalan cancións de berce ás súas crías. Podería morrer mañá e cando viñeses á miña tumba unha frase te recibiría:
Fun o que me deixaches ser na túa vida.
E chorarás de alegría ou de pena. Lembra, querido amigo ou inimigo, a elección (sempre) foi túa.
Viñeron os trinta coa calma de quen sabe que viviu a súa vida cos pés espidos. Equivoqueime moitas veces, caer é a única forma de atopar o equilibrio. Xa non soño con viaxar no tempo e rescatar á miña versión adolescente, tampouco me doen os amigos que perdín ou as ausencias dos que morreron. Quédame algo máis imperecedoiro que os recordos e a certeza de que esas ausencias non son invisibles. O único que boto de menos é o sol do inverno en Lisboa.
E o amor? O AMOR veu de quen só podía vir. Ninguén máis podía darme o que eu soñaba, só el. Miro atrás e son consciente de que fun Indiana Jones á procura do Santo Graal. A humildade, o carpinteiro, o sangue de Cristo só podía ser custodiada no caliz menos barroco, no máis auténtico.
Podo intuír o futuro, sinto as raíces do tempo no meu corazón. Sei o que vai pasar, a ti, a min, a todos. Podo velo no reflexo das miñas gafas.
Fóronse a adolescencia tardía, a vellez anticipada. Sei que aínda teño débedas comigo mesma, hai algo que ela sempre me reclamou, admito que me levou moitos anos e discusións comprendela. Mentres escribo observo a foto do meu pasaporte recén expedido, caduca dentro de dez anos. Como serei aos corenta? Recoñecereime? E unha promesa que o invade todo, sen facer ruído. Como a min me gusta.
É hora de brillar.

Na Delgada Liña Vermella unha das personaxes atopa unha aldea perdida no medio do Pacífico. Unha aldea como utopía, un soño real onde as nocións habituais de tempo e espazo deixan de escravizarte. Eu atopei esa aldea, ese lugar onde ser libre e volver, si unha vez máis. a atoparme. Escribir era o pretexto. Un lugar onde só quede a esencia de todo e todos, sen envoltorios, sen tópicos. É incrible como hai persoas capaces de facer realidade soños alleos…
Volvo a casa e resulta que me botaron de menos. Moito. Sorrío, síntome distinta. Quizais son un pouco mellor. É luns, hoxe toca Lee Ranaldo no Torgal. Acompánao Steve Shelley. A metade de Sonic Youth na miña segunda casa. E mentres hai quen pelexa por estar en primeira fila, sacar fotos, colgalas e todas as redes eu pelexo por non caer no mesmo. Entre o “eu vin a Lee Ranaldo” e o “eu escoitei a Lee Ranaldo” escollo o segundo. Sitúome co Rei ao fondo, pecho os ollos. Estamos na praia das Cunchas. Tocan só para nós.
A esencia non é invisible, a esencia tenlle fobia ás multitudes.