Todas as cancións de amor falan de ti. Como a primeira vez que escoitei Wonderwall e sentín unha frecha no meu peito de doce anos. Era o amor, pero eu non o sabía. Tampouco de onde viña. Porque eras ti quen tiña que enterrarme. Levar o meu cadaleito coma nós levamos o da avoa Raquel do tanatorio á igrexa; douscentos metros de enteireza e honestidade caladas. De min só habían quedar ducias de lentes de pasta, libros, algún vinilo e recordos, os teus recordos, nada máis. A miña vida só nos teus ollos. Teriamos xogado ao fútbol na praia? Este baleiro que xamais poderei encher. Unha vida sen parto, un enterro sen cadaleito, bágoas inocentes. A vida que non vivirás. Teriamos bailado nalgunha verbena? Teríache acompañado ben, foses feliz ou non?
E non quero.
Sobreponte, esquece, segue adiante. Pasará. Claro que pasará, deixarás de doer como ese pesadelo do que esperto sen lembrar que me angustiaba, pero non será como eles sentencian. Non serás nada, non serás esquecemento. Estarás en sorrisos aínda non inventados, serás esa Perseida que algún día veremos brillar unha noite de agosto cando, quizais, Andrés deixe de ser Andrés e só poida ser Papá ou Papi para sempre. Pero, especialmente, estarás no meu último latexo, alí onde o tempo desaparece e só queda o amor puro, o que había de nós antes de nacer.
Porque todas as cancións xa só falan de ti.
(7 de outubro de 2024)

Non ser

Esperto porque a escoito falar. Outra vez a súa voz. Dispáraseme o corazón. Erguinme hai cousa de dúas horas para tomar un ibuprofeno pola dor e volvín quedar durmida. A súa voz catro meses despois. Saio da habitación con medo e aguantando a respiración. Estamos en Fontes e eu estaba no seu cuarto. Nin sequera me sorprendo. Ela está de pé na cociña organizando o magosto. Non entende que fai a cociña de leña apagada, non entende porque a miramos tan abraiados. Leva o traxe que levou á miña voda. Segue viva. Só foi un soño, un pesadelo. Vouna abrazar, pero ela rífame porque son máis das dez e eu sigo en pixama. Aí é cando realmente esperto. O ibuprofeno fixo efecto, quitoume a dor mentres outra se instala na miña memoria. Paso todo o día choromicando porque hoxe fai xusto un ano que o tío Tonete morreu. Aínda hai momentos que me pode aquela incredulidade. Choro todo o que non chorei hai un ano. Nunca entenderei como fun quen de dar clase no momento en que sen querer nos avisaban de que xa morrera. A Elisa profesora aguantou hai un ano, pero esa dor amputada sae polos ollos da Eli que só son agora. Nin unha mísera bágoa quixera asomar polos meus ollos aquel venres mentres o meu corazón se vai a pique nas profundidades do meu peito como o Titanic. Como nunha película da que nunca quixeches ser protagonista.

Son días de flores e sombras e de xente disfrazada de asasinos en serie na madrugada. Pero no fondo é todo o mesmo, unha fuxida cara adiante; o memento mori máis borracho ou o carpe diem máis extremo. Volvo ter nove anos fronte a tumba dos avós, os dous Antonios que xa non están sós. Agora son tres en Reádegos e tres na Peroxa. Nunca deixará de chamarme a atención como dúas familias tan distintas sempre se puxeron de acordo para ir paralelas cando se trata da morte. Xa non teño nove anos, pero choro coa mesma honestidade e o mesmo medo: Quen será o próximo? Se fose eu non deixarei que ninguén me leve flores. Se fose eu, hoxe que aínda non son nai e non teño a ninguén que se pareza a min en vinte anos, borrareime. Marcharei sen deixar un só alento da miña presenza. Que non quede ningún recordo meu. Evaporarme das fotografías, que ninguén saiba quen ocupaba aquel oco. Que o Rei nunca lembre os meus bicos nin as risas felices dun día calquera. Que nunca houbese unha Eli pequena, alguén que herdase a miopía de meu pai. Que a miña melliza non lembre o moito que xogabamos e pelexabamos de nenas. Ninguén a quen terlle caído ben ou mal. Non ter enviado nin recibido nunca unha carta; polvo de follas en branco. Desaparecer como se nunca tivese pisado esta terra.

Non ser a muller, a filla, a irmá, a amiga, a profesora. Ser nada, absolutamente nada, pero que non haxa quen me chore ou me sufra. Xamais.

Aurea mediocritas

Levámosche flores e o paso do tempo maréame. Volve ser 11 de setembro. Alí, diante da túa lápida aínda sen o teu nome e sen o 23 de xuño penso que todo é un soño. Aínda non casamos o Rei e eu e estades todos. Tampouco comecei o curso, o curso que repetiría unha e mil veces se puidese. Un instante, un pestanexo, unha respiración. Pero as rosas que che levou o tío Afonso seguen frescas e contrastan coa miña memoria. O tempo acelérase e a labazada na cara doe máis ca nunca; o 11-S que máis sangrei. Non distinguir o ilusorio do real… Non podo ser máis barroca. Empezan a caer os temas coa calma e pausa dos quilómetros que xa peregrinei este verán. Na biblioteca case sempre sento no mesmo lugar rumbo ao nordeste. Cando o sol rompe a néboa entra directo como unha lanza que me atravesa o peito. E sae Garcilaso dos apuntes para pelexar con Chomsky. Boxean como bestas mentres a xente comeza a facer apostas. E aparece Nemoroso desesperado por min. Explícolle que non son a Elisa pola que chora. Pero ninguén me escoita e as mozas que preparan o MIR colócanme á forza sobre unha das mesas de estudo. Queren reanimarme. Pero operarme de que? Se eu estou ben. Anestésianme e noto como me evaporo. Nemoroso non minte, alguén chora por ti. Parvos, é a miña familia chorando pola avoa, pola nai, pola tía.

Esperto cando volve soar o espertador. O gato sae do meu abrazo e non distingo se é luns ou martes. Á altura do corazón teño cosido medio endecasílabo e unha prescripción médica na mesiña de noite:

“Elisa, vida mía”.

danza

Case o esquecera.

Cegada pola decepción, pola rabia máis física que nunca cruzou as miñas veas. Tantos meses pechada pensando nunha soa cousa, como non ía esquecelo? “Sé positiva, hai que erguerse”. Pero é mentira, a mentira máis repetida en boca de todos. Gastáronlle o sentido. Frases que só se din por educación, non empatía. Non sempre irá todo ben, non sempre conseguirei o que soño por moito que me esforce. Quédate, faime compañía, déixame estar soa, vela o meu soño intranquilo. Só quería prenderlle lume ao río como quen incendia unha gasolinera. Eu era o río.

Só depende de min.

Ata que buscas unha canción, un vídeo, unha noite, a seguinte noite e vólvelo sentir. O mar que estaba durmido en min, azul sen importar o ánimo do día. Busqueina ata o día do exame. As follas pola fiestra da aula, o solpor na estación, o sol contra o cristal do vagón, un bar perdido na noite estremeña, unha cancha de baloncesto nun instituto. Sempre está, é miña, sempre vén para quitarme as gafas.

A beleza.

A xente non lle presta atención ás bandas sonoras, pero esas melodías expresan todo o sentimento dos silencios. Durmo mal polas noites, unha vella escuridade invádeme con cada solpor. Volvo estar enmeigada. Non se dan conta… Teño o don de facerme invisible, non me ven. Evapórome. Mírome no espello e hai algo que falla. Algo falta. Quizais a manca sempre fun eu.

Soa a música, dou voltas na cama. Escuridade. Son Manuel Antonio no paquebote esmaltado.

Ciscada no sofá, domingo, non tiña esperanzas de atopar nada interesante na televisión. A miña única ambición era “vexetar”, botar unha sestiña co meu gato de acompañante. Pero fixen zapping e apareceu el. E nenos que non saben como afrontar o suicidio da súa profesora, á que Lazhar substitúe. O resto de adultos non sabe ou non quere falarlles da morte, de dos motivos que levan a alguén a suicidarse. Xeralmente, esa é a actitude que todos escollemos. Cremos que o mellor é protexelos dese sufrimento, como se alguén puidera fuxir do inmenso baleiro que deixa a morte dun ser querido. Son nenos, deben vivir nesa burbulla, que non sexan conscientes do que pasa. Infravalorámolos.

A película, máis que unha homenaxe á educación, é unha humilde á vida. Non podemos escapar da dor, das frustracións, mais iso non quere dicir que as nosas vidas non estean cheas de ilusións e soños. Para comprender que a morte é o que lle dá sentido á vida non fai falla ter vivido noventa anos, ás veces abonda con nove.

 

Un mal presentimento. Estar a xantar un día calquera e que un frío angustioso che suba polas pernas ata sentar no teu colo, coma un gato caprichoso que quere que notes a súa presencia. Outra ausencia máis. Outra vida que pon punto final. E o círculo vaise pechando, cada vez máis pequeno. Esta bala pasou rozando o corazón, a próxima rebentaranos os miolos. Ese día que non queremos que chegue, ese día… Suspira, aguanta. Outro aviso, no reloxo de area o tempo cae cada vez máis rápido. Tic tac. Temos que correr e chegar a tempo.

Que nada quede por dicir ou facer.

Hai xente que xamais se rende. Non perden o sorriso nin a amabilidade a pesar de perder a voz, o corazón, unha nai ou o que a lei da vida lles impoña. Son fortes ata o extremo de acabar coa paciencia do tempo convertido en tirano. Non buscan protagonismo nin chamar a atención. Xente que é capaz de volver da morte.

ganas e vivir  ganas de vivir ganas de vivir ganas de vivir ganas de vivir ganas de vivir ganas de vivir ganas vivir de ganas vivir de ganas…