O primeiro é atopar quen faga as preguntas adecuadas. As túas, as de ninguén máis. E parar.
Non te preocupes, non podes entendelo, non pasaches por esta estación pantasma. Aquí o tempo e o espazo confúndense. Volvo estar sentada diante da pantalla de cine vendo a Simba e a Murphy; coñezo ben o gusto dese viño sen probalo. Trinta anos proéndome na memoria.
Parar e encontrar iso que ninguén acostuma (querer) responder. Defínete sen falar do que estudaches, da túa profesión, dos teus fillos, do teu apelido, da túa parella, dos teus logros, das túas afeccións, do ben que encaixas ou non. Só é palla. Outros moitos cren ter o décimo da lotaría premiado porque a cámara non os enfoca a eles, porque son outros os que se derruban. Porque disimulan o aterrorizados que viven, que ninguén descubra o profundamente superficiais que son.
A nena chora no cine porque coñece a realidade, porque intuíu o inevitable. Acomódase no meu ombro. Sabe que a entendo e con iso é suficiente. O demais, palla e disfraces.
Os días máis tristes son sempre en verán. Non entenden de sol ou nubes. Alóxanse comigo sen pedir permiso. Este ano teñen escusa. Beben do meu sangue, non me deixan erguer da cama e róubanme as ganas. Cando non é a pena propia é a allea. Días para ver coma outros gañan medallas, para non entender nada porque ás veces a vida é tan inxusta con quen menos o merece. Días para meter a cabeza na piscina e xogar a aguantar a respiración. Ou saír a correr ata que me saen feridas na pel polo roce de lycra e suor. Lembrándome sempre que ás veces sinto máis do que este corpo pequeno pode. Paralizada. Coller o coche e meter quinta sen medo. Sentir a máquina no volante, no ruxir do motor. Pero o gato non me sae de enriba. Como se me vise chorar por dentro. Como se soubese que xa pasou un mes e que me sinto culpable por chorala. Porque miña irmá aprobou, sacou praza, pero eu téñolle pavor á insatisfación que naceu comigo.
E se volve? E se me domina? E se deixo de ser valente? E se todo foi un soño e este curso só foi un reflexo?
Xa non estás. Subo polas escaleiras do teu edificio coa tristura apertándome o pescozo. Eu non quero ser Elisa se ti non estás. Como chegamos a isto? Hai nada era eu quen escribía cartas e pedíalle que lese os meus relatos a Osiria; vinte anos nun abrir e pechar de ollos. Agora escríbenme a min… Martes 22. O luns póñenche morfina e eu recoñezo ese xesto agotado na túa cara. Sei o que vai pasar. Seino dende que teño nove anos. Todos van rematar morrendo. Aquela certeza que me amputou media adolescencia, aquel estado de alerta permanente. Pasaron 28 anos e aquí volvemos estar. Un ramo, unha foto, dúas cartas, relatos… Abrazos. Emociónome, pero non son quen de chorar no colexio. Teño que aguantar, algo, nos ósos, me di que aguante. A eles tamén teño que deixalos marchar. Outra despedida, outra dor, pero feliz porque que voen sós quere dicir que todo vai ben. O Rei traballa e lévame Osiria ao hospital; non podía ser doutra maneira. Xa te sedaron. Acaríñoche o peliño curto. A túa pel chea de enrugas de tanto vivir e sorrir. Quérote moito ao oído. Reméxeste como se me entedeses. Eu dicíndolles a 4º D que este é o momento no que eu me convirto nun recordo cando en realidade es ti quen se converte no meu recordo máis preciado. Canto máis se poden cruzar as nosas vidas? Por que todo aquilo que non podo ver pola miopía si podo intuílo a través dos meses, dos anos? E marcho sabendo que esa é a derradeira vez que sentirei a túa calor. Teño que deixarte marchar a ti como os deixo marchar a eles.
Chegamos a Lugo e un frío de abril saúdanos. É a primeira vez que vou facer un exame da oposición con frío. Os adolescentes celebran a fin do curso. Ceamos rodeados deles, pero aquí só son unha muller de case corenta anos completamente inivisible para eles. Repaso temas e comentarios ata a unha da madrugada, caio rendida, pero esperto de súpeto ás cinco. Como se me chamases. Vai pasar ou quizais xa está pasando. Almorzamos cedo, é case como ir ao colexio a traballar. Espero a que abran o instituto coa música a todo volume, mirando ao ceo azul, pensando en ti, no avó, escapando dos comentarios absurdos que todos os opositores vomitan. Só é unha nota, un exame, máis ou menos importante. Ensineillo coas tripas, con todos os matices da miña voz nasal. Ensineillo e aprendino eu tamén. Sento e respiro calmada e serena. Xusto nese momento en que decido a facer o soneto de Quevedo, ese momento no que me poño en visión en túnel, porque nada máis existe, porque só podo escribir e dedido que non perdo nada por intentalo. O segundo no que o teu corazón deixa de latir. Quizais é o máis difícil que fixen na miña vida. Quizais sen o Rei aquí non podería parar de chorar derrotada. Pola tarde, antes do sorteo do tema xa sei que non estás. Seino, eu todo o podo sentir. Saio do tema e choro no baño tirada no chan. Estou agotada. De onde vén esta forza? É túa, deixáchesma en herdanza? Ou é deles? É o amor, sempre foi o amor.
– Mamá, xa o sei, xa o sei.
– A ti non se che pode enganar, filla.
Fáiseme eterno o regreso. Entro no tanatorio como quen leva días aguantando a respiración. E choro. Rómpome. Xa non estás e doe. Mamá abrázame e eu sinto que me mareo, que me fallan as pernas. Tremen e son unha folla a punto de saír voando co vento. Era eu a que tiña que consolala, era eu… Volvo ter nove anos. E que ás veces non sei a idade que teño. E vaste vestida co traxe que levaras á nosa voda. Outra vez abrumada, eu que tantas veces temín non ser digna do teu amor, do teu orgullo.
Pero eu non quero ser Elisa se ti non estás, penso mentres subo ao teu piso. Tal vez xa o era antes de que ti morreras e tampouco me daba conta. Búscote cando vou ao Gadis. Igual apareces asomada polos balcóns. Espera que baixo e imos tomar un café. Ou un sube, colle algo no Coren e come aquí. Pero non estás… Xa non.
Repítese a historia. Penúltimo parcial, quen sabe se volverei darlles clase… Ule a primavera. Eles son a miña primavera. E volve esa saudade que moitas veces vén dun futuro que aínda non consigo albiscar. Unha orquídea que bota raíces no meu peito esquerdo. Raíces que me abrazan aínda que eu non me mova.
Chégame un correo electrónico xusto cando xa teño preparados os exames para entregalos e o timbre está a pique de soar. Sorrío pola premeditación. Tamén era venres o día que morreu o tío Tonete pola Covid. E eu conmocionada falándolles de Carvalho Calero…; só fun quen de chorar cando me veu buscar o Rei. A carta que lle escribín mentres lles puña unha película antes Nadal. A carta que repousará coas súas cinzas ou o que decidan seu fillos.
Sento enriba da mesa do profesor coas pernas colgando. Esta calma, este curso rematando e eu sorrindo detrás da máscara. Vólveme abrazar a saudade como se quixese consolarme. É hora de deixar voar…
Crúzome coas pantasmas doutros tempos. Mortos viventes intentando non afogar na miña memoria. Porque era eu quen os facía especiais. Non hai maior apatía que pasar de pronome de segunda persoa a terceira. Non recoñecer a quen podías distinguir a quilómetros de distancia. Chíscome un ollo no espello, illas de pedra, con ou sen salitre. Quizais o tempo namorou de min e eu con el.
Ela tiña medo a morrer. Podo recoñecer esa mirada en calquera persoa, en caquera lugar. Só te miran dese xeito ao sentirem a lixeireza do inevitable. Pero que fas cando é túa nai quen te mira tan asustada que se che conxela o sangue? Son as catro da mañá. Papá berra dende o corredor, Mamá caeu. Está tirada na entrada xemendo confusa, arrastrándose. Intento erguela, pero non se deixa. Papá non se pode inclinar, recén operado de cataratas como está. Por iso xa fora eu con ela ata o PAC, pola contractura dorsal que sempre lle dá. Por iso me quedara a durmir na miña vella cama. Por intuición, instinto. Cando descubro sangue na parte posterior da súa cabeza, saltan todas as miña alarmas. Hai sangue no chan da cociña e ela segue a queixarse da cabeza. Está a rondarnos, respirándolle na caluga. Disimulando a miña angustia chamo ao Rei. Son as catro e media da mañá e el entra a traballar en tres horas.
Mandan unha ambulancia e dinme que a coloque decúbito lateral esquerdo, que a tape cunha manta e lle tape a ferida cunha toalla. Vístome á velocidade do raio, só se me vén a cabeza o pesadelo que tiven á noite anterior. Véñenseme imaxes do futuro, eu chamando á miña irmá para que veña de Algeciras, mentres me repito que non, aínda non. Se me pasa algo, quérovos a todos. Atragántaseme o aire nos pulmóns, o tempo ralentízase mentres me agacho para acariñarlle a cara cunha calma que non sei de onde vén. Non, non che vai pasar nada. Estou eu aquí e non deixo que nada che pase. De súpeto vexo luz nos seus ollos. Confianza e alivio. Ás oito e media volvemos para casa en taxi. Fixéronlle mil probas e todo queda nun susto e catro grapas na súa cabeza. Hai tráfico, é a hora dos colexios e os institutos.
Non, non me veño abaixo nese momento. Aguanto, porque iso é o que fago sempre. Aguantar e aguantar. Pero pasan os días e o medo golpéame no peito á menor oportunidade. Son inxusta con quen non debo selo e maltrátome. En soños volvo a ser esa nena de nove anos. As mesmas gafas na cara, unha espada na man contra o monstro. Aínda NON!
Un mal presentimento. Estar a xantar un día calquera e que un frío angustioso che suba polas pernas ata sentar no teu colo, coma un gato caprichoso que quere que notes a súa presencia. Outra ausencia máis. Outra vida que pon punto final. E o círculo vaise pechando, cada vez máis pequeno. Esta bala pasou rozando o corazón, a próxima rebentaranos os miolos. Ese día que non queremos que chegue, ese día… Suspira, aguanta. Outro aviso, no reloxo de area o tempo cae cada vez máis rápido. Tic tac. Temos que correr e chegar a tempo.
Ás veces pregúntome se todo nesta vida depende da capacidade que teñas de aguantar, de ser consciente da túa resistencia ou dos golpes de sorte. A vida é como correr: aguantar e ir cara adiante, haxa chuvia, vento ou correndo baixo un sol abrasador. Pregúntome en que momento as pezas volven a encaixar e a desesperación e o medo a estar flotando á deriva se evaporan. De ser unha paisaxe, a miña vida sería unha sabana africana na que só hai dúas estacións, a húmida e a seca. Rematou a seca, os soños deixan de morrer de sede. Chegou coa chuvia a serenidade. Medra a herba como medra a miña fortaleza. Hai alimento.
Este Nadal entre copas, comidas familiares e reencontros, entre certezas, nos seus brazos, Corazón e Cabeza firmaban unha tregua definitiva. Vólvense aliados de sangue e outra profecía se escapa da miña boca. Este vai ser o meu ano. Quizais só era a forza do desexo volvéndose real, quen o sabe?