A relaxación chega cando tensas todo o teu corpo e soltas toda esa presión acumulada. Pasar dun extremo ao outro. Quedarse só coa inmensa paz que queda despois.
Domingo. Collo o coche aparcado diante do Gadis na rúa San Rosendo. Son as nove e media. Despois de ver ao Rei paso por casa da avoa. Poño a radio, en Radio 3 están a botar o concerto de Travis en directo. Son Telma sen Louise. A miña autoestima ten tanta malnutrición que se emociona con calquera cousa. Tocan Driftwood, un clásico (da miña adolescencia tardía) sobre deixar de ser un pedazo de madeira río abaixo. Canto e conduzo. Tanto tempo perdido… Como volverei ser un carballo centenario? Meto quinta, piso o acelerador e berro. Dous bufidos, dous ouveos xordos, de animal. Non solto o volante. Calquera que me vexa pensará que perdín a cabeza. Súdama. Estou tan tan tan cansa de volverme invisible. Os Travis tocan My Eyes e podo imaxinar esa hordas de güiris británicos borrachos ao pé do escenario do FIB. Unha inmensa tranquilidade agroma do meu peito coma unha pequena fonte de auga. Chega a todos os recunchos da miña memoria. Alivio. Sorrío e río comigo mesma. Chego á Peroxa coas “ventanilllas” baixadas e a música soando moi forte. Son a protagonista, como non me había gustar?

A xente non lle presta atención ás bandas sonoras, pero esas melodías expresan todo o sentimento dos silencios. Durmo mal polas noites, unha vella escuridade invádeme con cada solpor. Volvo estar enmeigada. Non se dan conta… Teño o don de facerme invisible, non me ven. Evapórome. Mírome no espello e hai algo que falla. Algo falta. Quizais a manca sempre fun eu.

Soa a música, dou voltas na cama. Escuridade. Son Manuel Antonio no paquebote esmaltado.

30

 Quizais sempre fun grande. Non alta, non vella. Grande. Son un iceberg, enganeivos a todos. Teño vivido máis do que imaxinas, máis do que aparento. Ser sensible non é ser transparente, esa foi a miña tapadeira. Algúns só ven o que asoma pola superficie, outros mergulláronse nas augas árticas. Non houbo hipotermia, valentes que coñecen as marabillas os labirintos de xeo onde as baleas regalan cancións de berce ás súas crías. Podería morrer mañá e cando viñeses á miña tumba unha frase te recibiría:

Fun o que me deixaches ser na túa vida.

E chorarás de alegría ou de pena. Lembra, querido amigo ou inimigo, a elección (sempre) foi túa.

Viñeron os trinta coa calma de quen sabe que viviu a súa vida cos pés espidos. Equivoqueime moitas veces, caer é a única forma de atopar o equilibrio. Xa non soño con viaxar no tempo e rescatar á miña versión adolescente, tampouco me doen os amigos que perdín ou as ausencias dos que morreron. Quédame algo máis imperecedoiro que os recordos e a certeza de que esas ausencias non son invisibles. O único que boto de menos é o sol do inverno en Lisboa.

E o amor? O AMOR veu de quen só podía vir. Ninguén máis podía darme o que eu soñaba, só el. Miro atrás e son consciente de que fun Indiana Jones á procura do Santo Graal. A humildade, o carpinteiro, o sangue de Cristo só podía ser custodiada no caliz menos barroco, no máis auténtico.

Podo intuír o futuro, sinto as raíces do tempo no meu corazón. Sei o que vai pasar, a ti, a min, a todos. Podo velo no reflexo das miñas gafas.

Fóronse a adolescencia tardía, a vellez anticipada. Sei que aínda teño débedas comigo mesma, hai algo que ela sempre me reclamou, admito que me levou moitos anos e discusións comprendela. Mentres escribo observo a foto do meu pasaporte recén expedido, caduca dentro de dez anos. Como serei aos corenta? Recoñecereime? E unha promesa que o invade todo, sen facer ruído. Como a min me gusta.

É hora de brillar.

 

Cando en 1984 se celebraba a primeira edición dos Premios Xerais eu non tiña máis de seis meses de vida. Hoxe camiño cara os trinta. Lembro que os primeiros libros que merquei durante a miña adolescencia eran de Xerais. Un Nadal pedín Rapazas de Agustín Fernández Paz e non fixen outra cousa que lelo durante a cea con auténtica fame. É o único que lembro daquela Noiteboa. Eu era desas frikis que seguía a gala dos Premios Xerais por twitter, en stream ou como lle cadrase. Outra vez a fame, máis desta vez acompañada dunha sede tan real que remataba por provocarme saudade. Mais, como é posible ter saudade de algo que nunca tiveches? Quizais porque só o Tempo sabe que algún día o conseguirás.

Era luns o día que Fran Alonso (o home que me reconciliou con Vigo) me chamou para preguntarme se quería formar parte do xurado desta edición. Botei un par de días camiñando con ás nos pés, é o que sucede cando algo que non te atreves a soñar ocorre. Despois viñeron as caixas cheas de orixinais, as lecturas no tren, na cama ou mesmo na biblioteca. O xantar en Soutomaior, o debate, a relectura e a decisión final. Con Cadeas o meu foi amor a primeira vista que se foi confirmando a medida que pasaba as follas. Vivín a gala devorando cada detalle, nerviosa, emocionada, aínda coa sensación de irrealidade, e sobre todo, compartindo algo tan importante para min coa miña xente. Ao final tiven o valor de achegarme a Agustín para contarlle o meu idilio con  Rapazas. Volvín ser a rapaza tímida e inxenua que se gastaba a paga semanal en libros.

Non me cansarei de repetilo: foi máxico formar parte da engrenaxe, ter o privilexio de camiñar polo corazón do dragón, que o detallazo de que Manuel Bragado saiba que son aultrenarai (que é quen realmente sinto que son) non se me vai borrar xamais da memoria.

As cousas rematan como empezan e o martes, despois de dous meses, os orixinais marcharon como viñeron, por mensaxeiro. Así pechábase o círculo, así volvía a saudade. Esta vez sabemos de onde vén.

Meus pais fanse maiores e a min cústame aceptalo. Non é a idade, non son as enfermidades pasadas… Os defectos que antes non me molestaban agora alporízanme. Ou quizais sexa que a quen tamén lle empezan a pesar o anos sexa a min. Cambiei, son máis egoísta, intransixente. O monstro Está aí fitándome dende o outro lado do espello, rezando para que non fuxa del, para dicirme que

“O noso temor máis profundo non é que sexamos inadecuados. O noso temor máis profundo é que somos excesivamente poderosos. É a nosa luz e non a nosa escuridade a que nos atemoriza. Preguntámonos: quen son eu para ser brillante, magnífico, talentoso e fabuloso?

En realidade, quen es para non selo? Infravalorádote non axudas ao mundo. Non hai nada de instructivo en encollerse para que outras persoas non se sintan inseguras preto de ti. Esta grandeza de espírito non se atopa só nuns poucos de nós; está en todos. E ao permitir que brille a nosa propia luz, de forma tácita estamos dándolle aos demais permiso para facer o mesmo.

Ao liberarnos do noso propio medo, automaticamente a nosa presencia libera a outros.”

(Do discurso inaugural de Nelson Mandela, 1994)

Libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame!

 

Na Delgada Liña Vermella unha das personaxes atopa unha aldea perdida no medio do Pacífico. Unha aldea como utopía, un soño real onde as nocións habituais de tempo e espazo deixan de escravizarte. Eu atopei esa aldea, ese lugar onde ser libre e volver, si unha vez máis. a atoparme. Escribir era o pretexto. Un lugar onde só quede a esencia de todo e todos, sen envoltorios, sen tópicos. É incrible como hai persoas capaces de facer realidade soños alleos…

Volvo a casa e resulta que me botaron de menos. Moito. Sorrío, síntome distinta. Quizais son un pouco mellor. É luns, hoxe toca Lee Ranaldo no Torgal. Acompánao Steve Shelley. A metade de Sonic Youth na miña segunda casa. E mentres hai quen pelexa por estar en primeira fila, sacar fotos, colgalas e todas as redes eu pelexo por non caer no mesmo. Entre o “eu vin a Lee Ranaldo” e o “eu escoitei a Lee Ranaldo” escollo o segundo. Sitúome co Rei ao fondo,  pecho os ollos. Estamos na praia das Cunchas. Tocan só para nós.

A esencia non é invisible, a esencia tenlle fobia ás multitudes.

Vovía de Rianxo andando, 2 quilómetros de estrada convencional (que dirían os da autoescola). Quería chover sen acabar de arrancar. Como eu. Por que confiar en min mesma é sempre o máis dicícil? Todos o fan, todos cren, todos confían. Véxome reflectida na pantalla do ordenador mentres escribo, é un espello máxico. Alí está a muller, aí está. Por que o espello do baño non me devolve a mesma imaxe? Poño a capucha, uso o paraugas de bastón, non me apetece abrilo. Soñei o futuro pola noite e aínda continúo o meigallo desa lúa chea. Futuro que non podo describir, só sensacións e certezas que se abrazan ao meu peito, lume na vella cociña de ferro.

A soidade e eu levábamonos ben. Non ten ciumes da miña saudade. Ela ocupa a metade da cama na que durmo. Metade que está sen desfacer. Vén comigo á praia, cociña para min. Lémbrame que xa non estou afeita a correr costas. Axúdame a buscar banda sonora, acende a luz do flexo cando cae a noite e pecha as contras do faiado.

Pasar de vivir nunha casa chea de familia e amor, na que me é imposible escribir, a estar soa, perdida no meu mundo 21h ao día. Sempre o souben, botar de menos é sanísimo.