30

 Quizais sempre fun grande. Non alta, non vella. Grande. Son un iceberg, enganeivos a todos. Teño vivido máis do que imaxinas, máis do que aparento. Ser sensible non é ser transparente, esa foi a miña tapadeira. Algúns só ven o que asoma pola superficie, outros mergulláronse nas augas árticas. Non houbo hipotermia, valentes que coñecen as marabillas os labirintos de xeo onde as baleas regalan cancións de berce ás súas crías. Podería morrer mañá e cando viñeses á miña tumba unha frase te recibiría:

Fun o que me deixaches ser na túa vida.

E chorarás de alegría ou de pena. Lembra, querido amigo ou inimigo, a elección (sempre) foi túa.

Viñeron os trinta coa calma de quen sabe que viviu a súa vida cos pés espidos. Equivoqueime moitas veces, caer é a única forma de atopar o equilibrio. Xa non soño con viaxar no tempo e rescatar á miña versión adolescente, tampouco me doen os amigos que perdín ou as ausencias dos que morreron. Quédame algo máis imperecedoiro que os recordos e a certeza de que esas ausencias non son invisibles. O único que boto de menos é o sol do inverno en Lisboa.

E o amor? O AMOR veu de quen só podía vir. Ninguén máis podía darme o que eu soñaba, só el. Miro atrás e son consciente de que fun Indiana Jones á procura do Santo Graal. A humildade, o carpinteiro, o sangue de Cristo só podía ser custodiada no caliz menos barroco, no máis auténtico.

Podo intuír o futuro, sinto as raíces do tempo no meu corazón. Sei o que vai pasar, a ti, a min, a todos. Podo velo no reflexo das miñas gafas.

Fóronse a adolescencia tardía, a vellez anticipada. Sei que aínda teño débedas comigo mesma, hai algo que ela sempre me reclamou, admito que me levou moitos anos e discusións comprendela. Mentres escribo observo a foto do meu pasaporte recén expedido, caduca dentro de dez anos. Como serei aos corenta? Recoñecereime? E unha promesa que o invade todo, sen facer ruído. Como a min me gusta.

É hora de brillar.

 

Meus pais fanse maiores e a min cústame aceptalo. Non é a idade, non son as enfermidades pasadas… Os defectos que antes non me molestaban agora alporízanme. Ou quizais sexa que a quen tamén lle empezan a pesar o anos sexa a min. Cambiei, son máis egoísta, intransixente. O monstro Está aí fitándome dende o outro lado do espello, rezando para que non fuxa del, para dicirme que

“O noso temor máis profundo non é que sexamos inadecuados. O noso temor máis profundo é que somos excesivamente poderosos. É a nosa luz e non a nosa escuridade a que nos atemoriza. Preguntámonos: quen son eu para ser brillante, magnífico, talentoso e fabuloso?

En realidade, quen es para non selo? Infravalorádote non axudas ao mundo. Non hai nada de instructivo en encollerse para que outras persoas non se sintan inseguras preto de ti. Esta grandeza de espírito non se atopa só nuns poucos de nós; está en todos. E ao permitir que brille a nosa propia luz, de forma tácita estamos dándolle aos demais permiso para facer o mesmo.

Ao liberarnos do noso propio medo, automaticamente a nosa presencia libera a outros.”

(Do discurso inaugural de Nelson Mandela, 1994)

Libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame, libérame!

Camiñas soa por un corredor sen final. Estás soñando, estás lembrando. O corazón late con forza. Camiñas cara adiante, pero en realidade estás nos principio dos recordos. As pezas do quebracabezas encaixan. Todas. Estás diante do Guernica, pero non é o Guernica, é a túa vida. O calendario é ese profesor de arte que che explica o seu simbolismo. Agora entendes, agora comprendes. Empezas a correr, slow motion. Vigo, Lisboa. Cruzaches o Amazonas nunha viaxe de ida e volta. Buscabas o amor como un can sen olfato, case a cegas, morta de fame, equivocándote unha e outra vez, unha e outra vez. A traición, a mentira, alá foron a inocencia, a inxenuidade; morrendo de sede. Non sexas boa persoa, sé xusta. Desconfía. Eras unha quenlla, ules o medo. Devorabas, instinto de supervivencia. Poderías ter sido veterinaria, ou enfermeira, ou escritora, ou xornalista. Quen es agora? Corres, non estaba na túa natureza ter resistencia, nunca a tiveches. Corres, aguantas. O tempo volveuse a favor túa. Antes non podías volverte invisble, chamabas a atención, agora só te ven cando queres. Telo todo e iso asusta. Por que eu? Todo ten un prezo e ti aínda non pagaches. Esta certeza ninguén pode calmala, ninguén. E sabes que o cobrador do frac virá algún día. Espéralo en soños como quen agarda con demasiado tempo de antelación nun aeroporto. Asusta tanto como tirarse de cabeza, cos ollos tapados dende o acantilado máis alto. Tempestades, guerras, nena ou muller, eles pérdense na alta montaña. Pero, chaman por ti, sempre chaman por ti. Pensan que perderon o (seu) Norte, ou non lembran onde está. Un compás é o único material de rescate.

Por que me é máis fácil orientar que orientarme? Quen me protexerá desa sombra que ás veces aparece no espello? Só el, só el…

 

Idealizar a unha persoa é moi perigoso, pero dentro da política é un suicidio… Minten, sempre minten. Esa aura de perfección que irradian foi friamente calculada. Nada é casual. Son vampiros, están feitos para prometer e confundirte Non caias no seu xogo ou rematarás sendo un deles.

A cuestión non é confiar ou desconfiar. Sempre chega o día no que o único camiño é a sospeita. O importante é intuir de quen non fiarse.

Desconfía de quen se alegre da morte doutro ser humano. Desconfía, porque nunha guerra venderíate ao inimigo sen pestanexar. E aínda que non vivas nunca esa guerra nunca está demais saber quen REALMENTE ten un corazón puro ou quen o ten cheo de rancor.  Síntoo, non coñezo outra forma de medir a integridade das persoas

Para min o máis sorprendente non foi a fama, os amores nin as grandes interpretacións. Era unha muller sensible e sabia. As palabras non minten

You are who you are. All you can do in this world is help others to be who they are and better themselves and those around them.

Give. Remember always to give. That is the thing that will make you grow.

Not at least until I’m dead, and at the moment I’m having too much fun being alive…and I plan on staying that way. Happiness to all.

Every breath you take today should be with someone else in mind. I love you.

As aparencias enganan, que ninguén se confunda, os extremos tócanse. Sempre se tocaron. Un leva ao outro.

Eu tamén vin ao cisne negro do outro lado do espello. A mirada noxenta. De anxo a nazi en cuestión de segundos. Tremíanme as mans en vez de saírme plumas negras. Ultimamente cometo o erro de esquecerme da miña obsesión. E volve silenciosa, manipula os meus soños. Outras intenta asomar polo espello, de novo.

Daquela é cando saio a correr ou marco o número infalible.