
E polas noites escribo con pluma…

E polas noites escribo con pluma…

Todas as cancións de amor falan de ti. Como a primeira vez que escoitei Wonderwall e sentín unha frecha no meu peito de doce anos. Era o amor, pero eu non o sabía. Tampouco de onde viña. Porque eras ti quen tiña que enterrarme. Levar o meu cadaleito coma nós levamos o da avoa Raquel do tanatorio á igrexa; douscentos metros de enteireza e honestidade caladas. De min só habían quedar ducias de lentes de pasta, libros, algún vinilo e recordos, os teus recordos, nada máis. A miña vida só nos teus ollos. Teriamos xogado ao fútbol na praia? Este baleiro que xamais poderei encher. Unha vida sen parto, un enterro sen cadaleito, bágoas inocentes. A vida que non vivirás. Teriamos bailado nalgunha verbena? Teríache acompañado ben, foses feliz ou non?
E non quero.
Sobreponte, esquece, segue adiante. Pasará. Claro que pasará, deixarás de doer como ese pesadelo do que esperto sen lembrar que me angustiaba, pero non será como eles sentencian. Non serás nada, non serás esquecemento. Estarás en sorrisos aínda non inventados, serás esa Perseida que algún día veremos brillar unha noite de agosto cando, quizais, Andrés deixe de ser Andrés e só poida ser Papá ou Papi para sempre. Pero, especialmente, estarás no meu último latexo, alí onde o tempo desaparece e só queda o amor puro, o que había de nós antes de nacer.
Porque todas as cancións xa só falan de ti.
(7 de outubro de 2024)

15 de agosto. 1993
Levo trinta anos sen volver a Cangas. Pero en realidade debería comezar por un “Querido avó”. Sei que sempre conto a mesma historia cando chega o 15 de agosto, perdoa, non podo evitalo. Esquecín tantas cousas, pero outras lémbroas cunha claridade que me corta a pel: ti regando a horta e nós detrás como gatiñas, ti facéndonos arcos e frechas con vimbios, ti disfrazado de vaqueiro o derradeiro Nadal que estivemos todos xuntos, ti conducindo o Peugeot 205, ti chamándome “funil” facéndome sorrir; ti chegando á estación de tren os últimos anos que estiveches en Alemaña cos mini babybels que tanto me gustaban antes de que os venderan aquí. Pero tamén lembro o golpe seco de Mami deixándose caer contra a parede, esvarando ata sentar o chan, como se quixese partirse en dous. É que hoxe hai trinta anos que morriches. Ese foi o momento exacto no que se rompeu o meu corazón sen remedio. Non había teléfono naquel apartamento que alugamos a primeira quincena de agosto, era o derradeiro día, xa volviamos. O dono do apartamento recibira a chamada de Ourense e viñera para dicirnos que morreras. De Cangas só lembro iso e que había folga do lixo. Aquel puto tumor cerebral… Eu facendo que non oía no voso balcón cando todos intuïamos próximo o final. A avoa abrazada á túa caixa no cemiterio. Mami rota cada vez que puñamos o VHS da nosa Primeira Comuñón. Mami chorando cando pensaba que ninguén a vía. Pero eu si me daba conta cando estaba triste, sempre; quedaba calada no corredor, paralizada. Eu só quería estar preto, pero como confortas a quen perdeu a seu pai despois de estar emigrado décadas? Non había consolo para ela e a min tocoume aprender que moitas veces non podes facer nada, absolutamente nada. É o 94, estréase o Rei León e despois de facer unha cola interminable por fin podo vela. Foi das primeiras películas que vimos soas no cine. Chorei tanto naquela sala escura… Tantísimo… Alí non molestaba, alí non tiña que disimular. Era libre. Teño catorce ou quince anos, en clase pídennos unha redacción sobre o super poder que queriamos ter. Eu só puxen que desexaba saber cando ían morrer os meus seres queridos mentres o resto pedía poderes de merda. O profe, desconcertado, botándome a bronca; outro que non entendía nada… Nós con vinte poucos brindando con champaña unha Noiteboa e Mari preguntándolle a avoa cal fora o seu gran amor. Ela só había unha resposta: ti, sempre ti.
Sabías que cando me toca dar clase en 3º da ESO sempre lles poño o “Adiós ríos, adiós fontes” pensando en ti e na avoa deixando Fontes rumbo a Alemaña? Que te busco en todos os 9, 49, 27, 63 etc. porque a miña sorte só pode vir (e virá) de ti?
Aquela nena de nove anos medrou convencida que a solución era esa: facerse adulta. Que cando medras faste forte e podes con todo. Que os podes protexer de todo mal. Outro erro máis. Dinme que ás veces vivo no pasado, que teño demasiada memoria e sei que teñen razón, que me fago dano. Seino como sei que son ese can que espera inutilmente polo dono falecido, día a día. Pero estou tan farta e cansa de intentar ser quen non son… De renegar da miña esencia polo que outros consideran mellor para afrontar a vida ou o que lles funcionou. Porque eu só quería ser coma ti e trinta anos despois sigo sen saber ser forte coma ti. Intentei ser Elisa, como a avoa, pero non podo… Elisa só houbo unha. Só podo ser o teu “funil”.
O único que son.

Esperto porque a escoito falar. Outra vez a súa voz. Dispáraseme o corazón. Erguinme hai cousa de dúas horas para tomar un ibuprofeno pola dor e volvín quedar durmida. A súa voz catro meses despois. Saio da habitación con medo e aguantando a respiración. Estamos en Fontes e eu estaba no seu cuarto. Nin sequera me sorprendo. Ela está de pé na cociña organizando o magosto. Non entende que fai a cociña de leña apagada, non entende porque a miramos tan abraiados. Leva o traxe que levou á miña voda. Segue viva. Só foi un soño, un pesadelo. Vouna abrazar, pero ela rífame porque son máis das dez e eu sigo en pixama. Aí é cando realmente esperto. O ibuprofeno fixo efecto, quitoume a dor mentres outra se instala na miña memoria. Paso todo o día choromicando porque hoxe fai xusto un ano que o tío Tonete morreu. Aínda hai momentos que me pode aquela incredulidade. Choro todo o que non chorei hai un ano. Nunca entenderei como fun quen de dar clase no momento en que sen querer nos avisaban de que xa morrera. A Elisa profesora aguantou hai un ano, pero esa dor amputada sae polos ollos da Eli que só son agora. Nin unha mísera bágoa quixera asomar polos meus ollos aquel venres mentres o meu corazón se vai a pique nas profundidades do meu peito como o Titanic. Como nunha película da que nunca quixeches ser protagonista.
Son días de flores e sombras e de xente disfrazada de asasinos en serie na madrugada. Pero no fondo é todo o mesmo, unha fuxida cara adiante; o memento mori máis borracho ou o carpe diem máis extremo. Volvo ter nove anos fronte a tumba dos avós, os dous Antonios que xa non están sós. Agora son tres en Reádegos e tres na Peroxa. Nunca deixará de chamarme a atención como dúas familias tan distintas sempre se puxeron de acordo para ir paralelas cando se trata da morte. Xa non teño nove anos, pero choro coa mesma honestidade e o mesmo medo: Quen será o próximo? Se fose eu non deixarei que ninguén me leve flores. Se fose eu, hoxe que aínda non son nai e non teño a ninguén que se pareza a min en vinte anos, borrareime. Marcharei sen deixar un só alento da miña presenza. Que non quede ningún recordo meu. Evaporarme das fotografías, que ninguén saiba quen ocupaba aquel oco. Que o Rei nunca lembre os meus bicos nin as risas felices dun día calquera. Que nunca houbese unha Eli pequena, alguén que herdase a miopía de meu pai. Que a miña melliza non lembre o moito que xogabamos e pelexabamos de nenas. Ninguén a quen terlle caído ben ou mal. Non ter enviado nin recibido nunca unha carta; polvo de follas en branco. Desaparecer como se nunca tivese pisado esta terra.
Non ser a muller, a filla, a irmá, a amiga, a profesora. Ser nada, absolutamente nada, pero que non haxa quen me chore ou me sufra. Xamais.

Levámosche flores e o paso do tempo maréame. Volve ser 11 de setembro. Alí, diante da túa lápida aínda sen o teu nome e sen o 23 de xuño penso que todo é un soño. Aínda non casamos o Rei e eu e estades todos. Tampouco comecei o curso, o curso que repetiría unha e mil veces se puidese. Un instante, un pestanexo, unha respiración. Pero as rosas que che levou o tío Afonso seguen frescas e contrastan coa miña memoria. O tempo acelérase e a labazada na cara doe máis ca nunca; o 11-S que máis sangrei. Non distinguir o ilusorio do real… Non podo ser máis barroca. Empezan a caer os temas coa calma e pausa dos quilómetros que xa peregrinei este verán. Na biblioteca case sempre sento no mesmo lugar rumbo ao nordeste. Cando o sol rompe a néboa entra directo como unha lanza que me atravesa o peito. E sae Garcilaso dos apuntes para pelexar con Chomsky. Boxean como bestas mentres a xente comeza a facer apostas. E aparece Nemoroso desesperado por min. Explícolle que non son a Elisa pola que chora. Pero ninguén me escoita e as mozas que preparan o MIR colócanme á forza sobre unha das mesas de estudo. Queren reanimarme. Pero operarme de que? Se eu estou ben. Anestésianme e noto como me evaporo. Nemoroso non minte, alguén chora por ti. Parvos, é a miña familia chorando pola avoa, pola nai, pola tía.
Esperto cando volve soar o espertador. O gato sae do meu abrazo e non distingo se é luns ou martes. Á altura do corazón teño cosido medio endecasílabo e unha prescripción médica na mesiña de noite:
“Elisa, vida mía”.

Xa non estás. Subo polas escaleiras do teu edificio coa tristura apertándome o pescozo. Eu non quero ser Elisa se ti non estás. Como chegamos a isto? Hai nada era eu quen escribía cartas e pedíalle que lese os meus relatos a Osiria; vinte anos nun abrir e pechar de ollos. Agora escríbenme a min… Martes 22. O luns póñenche morfina e eu recoñezo ese xesto agotado na túa cara. Sei o que vai pasar. Seino dende que teño nove anos. Todos van rematar morrendo. Aquela certeza que me amputou media adolescencia, aquel estado de alerta permanente. Pasaron 28 anos e aquí volvemos estar. Un ramo, unha foto, dúas cartas, relatos… Abrazos. Emociónome, pero non son quen de chorar no colexio. Teño que aguantar, algo, nos ósos, me di que aguante. A eles tamén teño que deixalos marchar. Outra despedida, outra dor, pero feliz porque que voen sós quere dicir que todo vai ben. O Rei traballa e lévame Osiria ao hospital; non podía ser doutra maneira. Xa te sedaron. Acaríñoche o peliño curto. A túa pel chea de enrugas de tanto vivir e sorrir. Quérote moito ao oído. Reméxeste como se me entedeses. Eu dicíndolles a 4º D que este é o momento no que eu me convirto nun recordo cando en realidade es ti quen se converte no meu recordo máis preciado. Canto máis se poden cruzar as nosas vidas? Por que todo aquilo que non podo ver pola miopía si podo intuílo a través dos meses, dos anos? E marcho sabendo que esa é a derradeira vez que sentirei a túa calor. Teño que deixarte marchar a ti como os deixo marchar a eles.
Chegamos a Lugo e un frío de abril saúdanos. É a primeira vez que vou facer un exame da oposición con frío. Os adolescentes celebran a fin do curso. Ceamos rodeados deles, pero aquí só son unha muller de case corenta anos completamente inivisible para eles. Repaso temas e comentarios ata a unha da madrugada, caio rendida, pero esperto de súpeto ás cinco. Como se me chamases. Vai pasar ou quizais xa está pasando. Almorzamos cedo, é case como ir ao colexio a traballar. Espero a que abran o instituto coa música a todo volume, mirando ao ceo azul, pensando en ti, no avó, escapando dos comentarios absurdos que todos os opositores vomitan. Só é unha nota, un exame, máis ou menos importante. Ensineillo coas tripas, con todos os matices da miña voz nasal. Ensineillo e aprendino eu tamén. Sento e respiro calmada e serena. Xusto nese momento en que decido a facer o soneto de Quevedo, ese momento no que me poño en visión en túnel, porque nada máis existe, porque só podo escribir e dedido que non perdo nada por intentalo. O segundo no que o teu corazón deixa de latir. Quizais é o máis difícil que fixen na miña vida. Quizais sen o Rei aquí non podería parar de chorar derrotada. Pola tarde, antes do sorteo do tema xa sei que non estás. Seino, eu todo o podo sentir. Saio do tema e choro no baño tirada no chan. Estou agotada. De onde vén esta forza? É túa, deixáchesma en herdanza? Ou é deles? É o amor, sempre foi o amor.
– Mamá, xa o sei, xa o sei.
– A ti non se che pode enganar, filla.
Fáiseme eterno o regreso. Entro no tanatorio como quen leva días aguantando a respiración. E choro. Rómpome. Xa non estás e doe. Mamá abrázame e eu sinto que me mareo, que me fallan as pernas. Tremen e son unha folla a punto de saír voando co vento. Era eu a que tiña que consolala, era eu… Volvo ter nove anos. E que ás veces non sei a idade que teño. E vaste vestida co traxe que levaras á nosa voda. Outra vez abrumada, eu que tantas veces temín non ser digna do teu amor, do teu orgullo.
Pero eu non quero ser Elisa se ti non estás, penso mentres subo ao teu piso. Tal vez xa o era antes de que ti morreras e tampouco me daba conta. Búscote cando vou ao Gadis. Igual apareces asomada polos balcóns. Espera que baixo e imos tomar un café. Ou un sube, colle algo no Coren e come aquí. Pero non estás… Xa non.

Esa felicidade extrema que me atravesa o peito. Tremo tanto que me teño agarrar á man de meu pai. Aguanto as bágoas coa esquerda e coa dereita recitámonos os poemas non escritos sobre cando eu era un bebé de ano e medio e me desvelaba de madrugada. Sempre o buscaba coa miña man dereita dende o berce. Agora si, isto é real, está pasando. Por fin.
A incertidumbre desaparece como se nunca tivese estado. O coche lévanos do pazo á igrexa. Gustaríame ser Grace Kelly, pero só podo ser eu en traxe de noiva. Non me quero ver nas fotos, quería ser a derradeira en vestirme porque sei que só verei defectos nas fotos. Impresionáme ver a tantos amigos e amigas agardando a verme antes de entrar. Os gaiteiros tocan e seméllame estar dentro dunha película. Case podo verme a min mesma sentada no patio de butacas sorríndome emocionada. Por unha vez deixaremos que o mundo xire só para nós. E saboreo cada instante cun golpe seco no peito. Miña nai colócame o velo por última vez. Volvo tremer. A nube, o maremoto, o amor. Que bailen todos ao noso ritmo. O noso día, o noso discurso, a nosa verbena. Choramos os dous de alegría e agradecemento, rodeados de xente e sós á vez.
Eternos (todos).

O vestido agarda por min no taller. Hai quen só busca a miseria allea para agochar a súa. Mediocres espidos o día da nosa voda. Xa non me sangra a lingua, agora paseo polo corredor como un gato con insomnio. Botamos amistosos ou, mentres descifro a Carmen e a Delibes, o Rei adícase a conquistar Grecia. Chamadas a todas horas. Soño cos samurais e con Riazor un xoves de finais de marzo. Pasou exactamente un ano. Se erguía os brazos sentía que podía saír voando. Agora, a vida a cámara lenta.
Ninguén sabe que vai pasar mentres nos espiamos polas fiestras.

Non sei que me asusta máis, se os días de sol que me deixan sen sangue ou os días grises nos que nin o carteiro timbra, que o Rei pasa todo o día no hospital e me volvo unha naufraga sen gafas por casa. Torpe como a primeira vítima do asasino en serie. Sempre é máis bohemio lamber as feridas en soidade, alma en pena, non opoñer resistencia cando te acoitelan as circunstancias. Vomítalle a túa culpa á mala sorte. Emborráchate de mediocridade allea, non lle repliques aos necios. Por que fixen unha estúpida e inútil da miña humildade? Ti non o sabes, non podes nin imaxinalo, pero este é o momento exacto no que me volvo completamente invisible, como o fume desaparecendo antes de acabar o cigarro; apenas sobrevivirá uns días na túa chaqueta, ata que o Xuízo Final chegue en forma de suavizante. Ou a décima de segundo no que todo o que son, todas esas pequenas cousas que se me dan ben, todas as miñas capacidades conflúen para adiantalos no Alpe d’ Huez, conquistar o Everest, rematar outra San Martiño máis.
Derrubar o muro que son
Soa

Saio correr máis de tres meses despois e aguanto seis quilómetros como se aquilo formase parte rutina semanal. Aguanta, aguanta. E fantasio, así en baixo, para o Rei e para min. Ataques de risa e sexo de madrugada. Declaracións de amor adolescente nos meus apuntes. Escoito a Saturno e son consciente da pouco que lle importa ao universo este exame. Amor, familia, saúde, casa. Non fuxir malia o medo. Chega o día D, sentada diante do folio estou tan cansa que os meus pensamentos van a cámara lenta. A marea sube ata Monteporreiro e o instituto inúndase. Non respiro, só escribo. Dóeme o corpo como se viñese de finalizar unha maratón. Durmo dez horas seguidas sen cambiar de postura, pegada ao colchón. A certeza quere botar raíces e regalala cun pouco de sorte é a mellor das chuvias. Sigo correndo, pero a dúbida espérame en Reza. Quizais me estea a enganar, quizais me ceguen as ganas de aprobar. Quen non quere triunfar? Quen non quere conseguir os seus obxectivos? Quen non quere borrar os fracasos a puñados? Soño que o día da lectura do exame os comentarios e o tema desapareceron. Dentro do sobre só hai a vella fotocopia do poema que Osiria me regalou cando ela só era a miña a profesora de Historia. Outras veces os mesmbros do tribunal escóitanme sentados, todos vestidos con armadura, movéndose todos á vez, sinanlando todos como autómatas á pizarra na que alguén escribiu Alea jacta est.
É nese intre no que esperto sen saber nunca se seguir soñando ou non.