Agosto

Entón sucede. Crúzome con ela cando volvo correndo da Chavasqueira. Os mesmos xestos, a mesma altura, a mesma roupa, o mesmo moreno na pel, a mesma cor no cabelo. É Mamá? Pero non é ela. Quédaseme mirando como se a min tamén me recoñecese, pero sendo outra eu. Chámoa nada chegar a casa sabendo ben que está na Peroxa. Tes unha dobre. Enterramos ao tío e todo volve. Dóeme o peito e non quen de aguantar as bágoas. Sombras e cinzas. Aquel venres e eu enterándome de que o tío xa morrera cando aínda me quedan dúas horas de clases. Como fuxín e me metín no baño de profes. Como non me saiu unha mísera bágoa. Como non se deron conta. Aínda non entendo como non souberon a ler a deseperación dos meus ollos. E despois vén o alivio da despedida e o calor ao meu corazón. Cantos meses contendo os latexos? Isto xa non o temos pendente. Quedamos cos primos andaluces e outro carrusel de emocións.

E poñemos rumbo ao sur. Comezamos o Camiño e cando chegamos a Porriño só rezo para non cruzarme con aquela pantasma. Baléirome quilómetro tras quilómetro. Eu só quero andar ata non poder máis. A mochila fusiónase co meu lombo, como se estivese a pagar algún tipo penitencia. Camiño, pero tamén sinto que as miñas pernas non son miñas, que alguén mas pediu prestadas. Tanta urxencia de supervivencia. E volve a avoa entre a néboa de Caldas e congostras que semellan sacadas da miña memoria. Chegamos a unha Santiago invadida polos turistas na que é imposible entrar na catedral. Custáronme máis estes vinte e cinco quilómetros que os outros cen. Espida e dolorida, así como tiña que ter rematado xuño. Eu sempre procuro a miña debilidade porque só nela me recoñezo.

Porque eu só quero ser eu.

Os días máis tristes son sempre en verán. Non entenden de sol ou nubes. Alóxanse comigo sen pedir permiso. Este ano teñen escusa. Beben do meu sangue, non me deixan erguer da cama e róubanme as ganas. Cando non é a pena propia é a allea. Días para ver coma outros gañan medallas, para non entender nada porque ás veces a vida é tan inxusta con quen menos o merece. Días para meter a cabeza na piscina e xogar a aguantar a respiración. Ou saír a correr ata que me saen feridas na pel polo roce de lycra e suor. Lembrándome sempre que ás veces sinto máis do que este corpo pequeno pode. Paralizada. Coller o coche e meter quinta sen medo. Sentir a máquina no volante, no ruxir do motor. Pero o gato non me sae de enriba. Como se me vise chorar por dentro. Como se soubese que xa pasou un mes e que me sinto culpable por chorala. Porque miña irmá aprobou, sacou praza, pero eu téñolle pavor á insatisfación que naceu comigo.

E se volve? E se me domina? E se deixo de ser valente? E se todo foi un soño e este curso só foi un reflexo?

Vaia forma de perder a cabeza nun segundo.

Despedidas

Fotografía. Leonor Montañés Beltrán.

Xa non estás. Subo polas escaleiras do teu edificio coa tristura apertándome o pescozo. Eu non quero ser Elisa se ti non estás. Como chegamos a isto? Hai nada era eu quen escribía cartas e pedíalle que lese os meus relatos a Osiria; vinte anos nun abrir e pechar de ollos. Agora escríbenme a min… Martes 22. O luns póñenche morfina e eu recoñezo ese xesto agotado na túa cara. Sei o que vai pasar. Seino dende que teño nove anos. Todos van rematar morrendo. Aquela certeza que me amputou media adolescencia, aquel estado de alerta permanente. Pasaron 28 anos e aquí volvemos estar. Un ramo, unha foto, dúas cartas, relatos… Abrazos. Emociónome, pero non son quen de chorar no colexio. Teño que aguantar, algo, nos ósos, me di que aguante. A eles tamén teño que deixalos marchar. Outra despedida, outra dor, pero feliz porque que voen sós quere dicir que todo vai ben. O Rei traballa e lévame Osiria ao hospital; non podía ser doutra maneira. Xa te sedaron. Acaríñoche o peliño curto. A túa pel chea de enrugas de tanto vivir e sorrir. Quérote moito ao oído. Reméxeste como se me entedeses. Eu dicíndolles a 4º D que este é o momento no que eu me convirto nun recordo cando en realidade es ti quen se converte no meu recordo máis preciado. Canto máis se poden cruzar as nosas vidas? Por que todo aquilo que non podo ver pola miopía si podo intuílo a través dos meses, dos anos? E marcho sabendo que esa é a derradeira vez que sentirei a túa calor. Teño que deixarte marchar a ti como os deixo marchar a eles.

Chegamos a Lugo e un frío de abril saúdanos. É a primeira vez que vou facer un exame da oposición con frío. Os adolescentes celebran a fin do curso. Ceamos rodeados deles, pero aquí só son unha muller de case corenta anos completamente inivisible para eles. Repaso temas e comentarios ata a unha da madrugada, caio rendida, pero esperto de súpeto ás cinco. Como se me chamases. Vai pasar ou quizais xa está pasando. Almorzamos cedo, é case como ir ao colexio a traballar. Espero a que abran o instituto coa música a todo volume, mirando ao ceo azul, pensando en ti, no avó, escapando dos comentarios absurdos que todos os opositores vomitan. Só é unha nota, un exame, máis ou menos importante. Ensineillo coas tripas, con todos os matices da miña voz nasal. Ensineillo e aprendino eu tamén. Sento e respiro calmada e serena. Xusto nese momento en que decido a facer o soneto de Quevedo, ese momento no que me poño en visión en túnel, porque nada máis existe, porque só podo escribir e dedido que non perdo nada por intentalo. O segundo no que o teu corazón deixa de latir. Quizais é o máis difícil que fixen na miña vida. Quizais sen o Rei aquí non podería parar de chorar derrotada. Pola tarde, antes do sorteo do tema xa sei que non estás. Seino, eu todo o podo sentir. Saio do tema e choro no baño tirada no chan. Estou agotada. De onde vén esta forza? É túa, deixáchesma en herdanza? Ou é deles? É o amor, sempre foi o amor.

– Mamá, xa o sei, xa o sei.

A ti non se che pode enganar, filla.

Fáiseme eterno o regreso. Entro no tanatorio como quen leva días aguantando a respiración. E choro. Rómpome. Xa non estás e doe. Mamá abrázame e eu sinto que me mareo, que me fallan as pernas. Tremen e son unha folla a punto de saír voando co vento. Era eu a que tiña que consolala, era eu… Volvo ter nove anos. E que ás veces non sei a idade que teño. E vaste vestida co traxe que levaras á nosa voda. Outra vez abrumada, eu que tantas veces temín non ser digna do teu amor, do teu orgullo.

Pero eu non quero ser Elisa se ti non estás, penso mentres subo ao teu piso. Tal vez xa o era antes de que ti morreras e tampouco me daba conta. Búscote cando vou ao Gadis. Igual apareces asomada polos balcóns. Espera que baixo e imos tomar un café. Ou un sube, colle algo no Coren e come aquí. Pero non estás… Xa non.

Repítese a historia. Penúltimo parcial, quen sabe se volverei darlles clase… Ule a primavera. Eles son a miña primavera. E volve esa saudade que moitas veces vén dun futuro que aínda non consigo albiscar. Unha orquídea que bota raíces no meu peito esquerdo. Raíces que me abrazan aínda que eu non me mova.

Chégame un correo electrónico xusto cando xa teño preparados os exames para entregalos e o timbre está a pique de soar. Sorrío pola premeditación. Tamén era venres o día que morreu o tío Tonete pola Covid. E eu conmocionada falándolles de Carvalho Calero…; só fun quen de chorar cando me veu buscar o Rei. A carta que lle escribín mentres lles puña unha película antes Nadal. A carta que repousará coas súas cinzas ou o que decidan seu fillos.

Sento enriba da mesa do profesor coas pernas colgando. Esta calma, este curso rematando e eu sorrindo detrás da máscara. Vólveme abrazar a saudade como se quixese consolarme. É hora de deixar voar…

Nolatipicafoto

Esa felicidade extrema que me atravesa o peito. Tremo tanto que me teño agarrar á man de meu pai. Aguanto as bágoas coa esquerda e coa dereita recitámonos os poemas non escritos sobre cando eu era un bebé de ano e medio e me desvelaba de madrugada. Sempre o buscaba coa miña man dereita dende o berce. Agora si, isto é real, está pasando. Por fin.

A incertidumbre desaparece como se nunca tivese estado. O coche lévanos do pazo á igrexa. Gustaríame ser Grace Kelly, pero só podo ser eu en traxe de noiva. Non me quero ver nas fotos, quería ser a derradeira en vestirme porque sei que só verei defectos nas fotos. Impresionáme ver a tantos amigos e amigas agardando a verme antes de entrar. Os gaiteiros tocan e seméllame estar dentro dunha película. Case podo verme a min mesma sentada no patio de butacas sorríndome emocionada. Por unha vez deixaremos que o mundo xire só para nós. E saboreo cada instante cun golpe seco no peito. Miña nai colócame o velo por última vez. Volvo tremer. A nube, o maremoto, o amor. Que bailen todos ao noso ritmo. O noso día, o noso discurso, a nosa verbena. Choramos os dous de alegría e agradecemento, rodeados de xente e sós á vez.

Eternos (todos).

Entre o si e o non

Lembro parar nunha cafetería pequena, de dous pisos. Un xoves de maio, un cortado e unha auga do tempo. Na televisión falan de GH. Despois da miña sesión, cando volvíamos ao coche, a rapaza de 16 anos que era eu entra na Couceiro seguida polo pai máis sabio á hora de deixar espazo. Lembro como o tacto na man. Nunca me dera pola poesía. Xa vira aquel nome en letras douradas no vello dicionario que tiña Papá por casa. Merqueino convencida de que fora escrito para min. Lino e relino mil veces. Escribín segredos, pensamentos a carón daqueles versos que tanta compañía me fixeron naqueles meses. A lapis como unha aprendiz. Onte morreu X. L. Franco Grande. A adolescente que fun chorouno agradecida.

Dende o SI.

O vestido agarda por min no taller. Hai quen só busca a miseria allea para agochar a súa. Mediocres espidos o día da nosa voda. Xa non me sangra a lingua, agora paseo polo corredor como un gato con insomnio. Botamos amistosos ou, mentres descifro a Carmen e a Delibes, o Rei adícase a conquistar Grecia. Chamadas a todas horas. Soño cos samurais e con Riazor un xoves de finais de marzo. Pasou exactamente un ano. Se erguía os brazos sentía que podía saír voando. Agora, a vida a cámara lenta.

Ninguén sabe que vai pasar mentres nos espiamos polas fiestras.

Quinze anos

Interrogar á cidade é fácil, isso qualquer turista faz. Maz um tipo só está a viver numa cidade quando se sente interrogado por ela: “O que tu tens a ver comigo?”, Porque é que tu estás aquí?”, “Como é que tu te adaptas?”, “Porque é que tu não te entendes?”

Lisboa Livro de Bordo de José Cardoso Pires

Eu andei cun zombie

Crúzome coas pantasmas doutros tempos. Mortos viventes intentando non afogar na miña memoria. Porque era eu quen os facía especiais. Non hai maior apatía que pasar de pronome de segunda persoa a terceira. Non recoñecer a quen podías distinguir a quilómetros de distancia. Chíscome un ollo no espello, illas de pedra, con ou sen salitre. Quizais o tempo namorou de min e eu con el.