
Xogo de pés. Balanceo, baile. Vista. Reflexos. Ruxido de motor. Teño xa case tres meses de carné. Pásame o mesmiño que cando (por fin) aprobei a carreira. Cústame crermo. Estouno facendo, estou conducindo. Co amor é o mesmo. Estou con el facendo calquera cousa e ese momento de incredulidade espértame. E non podo evitar lembrar todas a veces nas que me autoconvencín a min mesma de que cando o conseguise si me sentiría grande, muller. Pero non é así. Non comprendo que clase regalo me fixo o tempo. Cando tiña quince anos morría de ganas por ter vintetantos. Era o que máis ansiaba na vida. Tiña a sensación de ir no pelotón pedaleando detrás de outros. Sigo a sentirme tan nova, tan nena coma sempre. A muller asoma polo espello con especial forza, pero a nena segue aí. Máis pura, menos débil, máis espabilada.
Son unha nena-muller. Sigo a selo.





