Cando en 1984 se celebraba a primeira edición dos Premios Xerais eu non tiña máis de seis meses de vida. Hoxe camiño cara os trinta. Lembro que os primeiros libros que merquei durante a miña adolescencia eran de Xerais. Un Nadal pedín Rapazas de Agustín Fernández Paz e non fixen outra cousa que lelo durante a cea con auténtica fame. É o único que lembro daquela Noiteboa. Eu era desas frikis que seguía a gala dos Premios Xerais por twitter, en stream ou como lle cadrase. Outra vez a fame, máis desta vez acompañada dunha sede tan real que remataba por provocarme saudade. Mais, como é posible ter saudade de algo que nunca tiveches? Quizais porque só o Tempo sabe que algún día o conseguirás.

Era luns o día que Fran Alonso (o home que me reconciliou con Vigo) me chamou para preguntarme se quería formar parte do xurado desta edición. Botei un par de días camiñando con ás nos pés, é o que sucede cando algo que non te atreves a soñar ocorre. Despois viñeron as caixas cheas de orixinais, as lecturas no tren, na cama ou mesmo na biblioteca. O xantar en Soutomaior, o debate, a relectura e a decisión final. Con Cadeas o meu foi amor a primeira vista que se foi confirmando a medida que pasaba as follas. Vivín a gala devorando cada detalle, nerviosa, emocionada, aínda coa sensación de irrealidade, e sobre todo, compartindo algo tan importante para min coa miña xente. Ao final tiven o valor de achegarme a Agustín para contarlle o meu idilio con  Rapazas. Volvín ser a rapaza tímida e inxenua que se gastaba a paga semanal en libros.

Non me cansarei de repetilo: foi máxico formar parte da engrenaxe, ter o privilexio de camiñar polo corazón do dragón, que o detallazo de que Manuel Bragado saiba que son aultrenarai (que é quen realmente sinto que son) non se me vai borrar xamais da memoria.

As cousas rematan como empezan e o martes, despois de dous meses, os orixinais marcharon como viñeron, por mensaxeiro. Así pechábase o círculo, así volvía a saudade. Esta vez sabemos de onde vén.

Autorrelato

“Ti sempre quixeches medrar. Ser grande, ser un carballo. Había cousas que non podías alcanzar. Cando medre todo será distinto. Pero pasou o que adoita ocorrer cando os soños non dependen da idade e si das oportunidades. Si, medraches, pero agora non tes tempo.

Poucos coñecen a túa verdadeira historia de amor coas palabras. Teus pais sempre pensaron que só era un amor platónico, algo que non se pode volver real. É un amor imposible, oculto, secreto. Agora vives entregada a outro soño. Es escaladora profesional, o teu Everest son os setenta e cinco temas da oposición. Se consegues chegar ao cume serás profesora de secundaria. É duro. Estás soa na montaña, rodeada dos cadáveres de outros que xa o intentaron antes ca ti. Ultimamente só hai avalanchas… Hai días que o único que queres facer é afastarte para pechar os ollos, respirar con calma e sentar a escribir ata que se che conxelen os dedos. Si, alí no medio das neves perpetuas, ti e a máquina de escribir. Pero non podes, tes unha montaña que escalar. Sei que botas de menos aquelas madrugadas que gastabas diante do teclado do ordenador ata as catro ou as cinco da madrugada enfrascada nunha nova entrada do teu blog. Non importaba que houbese poucos ou ningún lector. Tampouco que colleses tarde o vitrasa para o cuvi. Sempre quedabas durmida nas clases de tradución. Non quero ser tradutora, quero escribir. Vomitabas en silencio como unha anoréxica invisible.

Xaneiro de 2005, estamos de Erasmus en Lisboa. Onte foi o teu aniversario e fixemos unha pequena celebración en casa. Esperto cedo e mentres ti dormes acendo o portátil que che quedou ciscado no sofá do salón. Fedello pola rede, é o boom dos blogs e non se me ocorre nada mellor que abrirche unha conta en blogspot. Que fas? Xa non tes sono? Sinalo a pantalla. Mira, este é o meu regalo. A idea namórate e pasas o resto da maña perdida nos detalles da túa nova conta. Así te lembro: almorzando en pixama co portátil nas pernas e un brillo creador asomando polas pupilas. Primeiro foron as Memorias dunha Ionqui para deixar constancia nalgunha parte do universo daquel ano no que irremediablemente te convertías nunha muller decidida malia a túa cara de Lolita. Despois veu a mudanza a blogaliza, a evolución darwiniana. Os Pés Espidos representaban un novo paso cara adiante, o punto final da adolescencia tan tardía que tiveches.

Certo, seguías á procura do Santo Graal coma o rei Arturo ou Indiana Jones, mais sen aquela ansiedade de corredor dos cen metros lisos. Moito antes de Lisboa, dos ordenadores, a Rede, antes de todo iso papel e bolígrafo eran espada e escudo. Cando todos se preparaban para pasar as noites facendo mapas de soños ti sentabas á luz dun vello flexo para escribir cartas. En Vigo, en Ourense, na Peroxa, en Praia América ou onde lle cadrase. En verán, en inverno, en primavera… O ritual repetíase unha e outra vez: uns auriculares pegados a un walkman que despois foi un discman e de momento un ipod. Necesitas banda sonora cando estás espida diante do branco inmaculado do papel. Pero o acto de escribir acompáñate como un latexo paralelo aos dos teu corazón. Dentro de ti hai un motor que non para, que observa e comprende todo o que pasa ao teu redor. Todo iso que os humanos agochan uns dos outros, o que se volve invisible de tanto ignoralo, ese pronome demostrativo neutro, iso é o que ves. Pasas desapercibida coa túa aparencia de eterna adolescente. Non son conscientes das radiografías das súas almas que fas. O que perderon, as promesas non cumpridas, os medos mal disimulados, as ilusións ás que tanto temen aferrarse, as guerras civís entre corazóns e cabezas, a necesidade de ser rescatados da súa comodidade… Ti non ves persoas, ti ves personaxes en calquera lugar; nos supermercados, nos avións, nos rostros sorrintes das fotos que colgan en facebook, nas miradas furtivas que che lanzan cando pensan que non miras, nas salas de espera dos hospitais, nos adolescentes que van estudar á biblioteca universitaria. Si, escritura e vida fúndense nun so ser que non deixa de facer o amor dentro do teu peito.

Tiñas dezaseis ou dezasete anos o día que pensaches que non sería mala idea facer unha paréntese na túa rutina, poder fuxir da cidade para pecharte nunha casa a escribir, soa, só a escribir. Que se sentiría? Non lembras se era o magosto da vosa familia ou o tempo da matanza. Posiblemente outono, quizais inverno. Estabades todos na pequena aldea de mamá. Os adultos están a rematar de cociñar o xantar mentres María, a túa melliza, e as primas poñen a mesa. A ti tócache ir buscar auga á fonte. Colles dúas botellas de plástico, pos un chuvasqueiro vello, chamas polos cans e cantaruxando algunha canción atravesas rúas estreitas, sen nome, rodeadas por ducias de casas abandonadas. Reparas que xa finalizaron cos arranxos dunha desas casas que morría de soidade, xusto onde remata o asfalto e comezan as corredoiras. Semella outra. É nese intre no que un sentimento de serenidade te abraza polas costas e veste nesa mesma casa coa idade que tes agora, exactamente agora. Iluminada por un flexo á dereita do portátil, dicionarios e cadernos cheos de anotacións no caos organizado e cheo de vida que soe habitar os teus escritorios. Polo día paseas e les. Escoitas música e imaxinas situacións e escenas. Debates contigo mesma o que é mellor ou peor para unha personaxe. E unha pregunta sempre presente. Emocionaranse? Conseguirei chegarlles á alma? Non hai televisión, chega coa radio. Túa nai chama para preguntarche se comes ben, se pasas frío. Polas noites escribes ata que nada de ti queda, ata que as palabras queiman e tocan melodías reservadas só para Chopin. Un dos cans ladra. Vaia, estaba soñando esperta. É tarde, colles auga o máis rápido que podes e volves a casa correndo, intentando afogar un sentimento de decepción.

Por este recordo, por unha casualidade, por unha oportunidade, por iso estás a escribir agora mesmo. Estás na biblioteca. Hai universitarios a voltas cos exames de decembro, opositores que coma ti soñan co ensino público e ti enchendo folios en branco. Respiras con forza, como quen remata unha carreira de dez quilómetros. E sorrís aliviada. Xa está feito, xa non depende de min.”

Rianxo agarda.

O día que o teñas todo non te darás conta. Vivirás tan cegada co teu perfeccionamento que só verás a botella medio baleira, sempre pendiente dos erros cometidos e das dificultades. 

Pero non hai nin botella, nin río. Hai un océano rodeándote, salitre nos beizos. Abre os ollos, esperta, que o reloxo non entende de miopías no corazón.

Un día calquera espertas e, por fin, daste conta de quen es.

 

 

Como Manuel tamén deixo que ela guie a miña vida. Está a berrarme, chama por min. Espértame de madrugada e lévame ao parque que hai preto da miña casa. Hai unha maratón. Vamos, corre! Poño as zapatillas e vou quitando o pixama como podo. A xente berra e anima. Acompáñanme ducias de cans que ladran felices. Non entendo nada do que ocorre. Hai helicópteros de canles de televisión. Cara onde vou? E a meta?

Ti corre e aguanta. Só iso.

 

Ultimamente teño soños moi estraños…

Saco a máscara, mido case 1’80m, son alta, son Darth Vader arrependínome de ter caído no lado escuro da miña alma. Pero outras veces os meus soños son capítulos seguidos da serie de zoombies (que por certo non vexo). Acabo infectada e debátome entre cortarme a man ou seguir matando mortos viventes ata que me transforme nun deles.

Onte soñei que os 30s viñan a por min. Pelexábamos no ring dun vello ximnasio de Filadelfia. Boxeo a cámara lenta. Achéganse, quédanlles 2 asaltos para tumbarme. Non me asustan, sempre quixen ser grande. Por fin o son.

 

En soños volvo a un pasado que presenta  pinceladas de recordos aínda por inventar. O futuro sorrí con forza. Recoñéceme coma un fillo á súa nai. Xa non é fráxil, ten reflexos de gato, non cae, tropeza pouco. Lévame a lugares que eu cría aínda habitados por pantasmas adolescentes. Sabe cal é a banda sonora que me gusta e regáleme un momento de soidade para mirar  cara atrás: as paredes, o chan, os marcos das fiestras non mudaron; a esencia segue igual. O bo permaneceu e non se contaminou. Era o meu gran temor.

Mentres, soan violíns

Corría sen parar. Polo camiño tiveron que prestarme algún chuvasqueiro ou darme aloxamento. Cara onde vas? Por que corres? Respóndolles mentres corro. Cara o Sur, é a única maneira que teño de chegar. Perdo peso e cada día que pasa o meu corpo parécese máis ao dun atleta de verdade. Só fican os músculos. Énfadome co outono, non me gusta correr coas gafas cheas de auga. 1033 quilómetros, agóbiome, asústome. Non vou poder, non vou poder. O medo corre todo o inverno comigo, levo unha luvas negras nas mans. Se podo co frío, tamén podo coa desilusión. Chega a primavera e só teño ganas de chegar. Aguantarei o suficiente? Fareino ben? Empeza a ir calor e a miña memoria deshidrátase con facilidade.  O verán trae os derradeiros quilómetros e corro con bágoas nos ollos. Ti sabes o que me custou chegar ata aquí? Atraveso a liña de meta cun berro entre dentes.

O máis importante é que levo un libro baixo do brazo.

Soño contigo, pero nos son consciente. Realidade semiparalela, coma se noutro mundo, noutra vida non vivida xa non me quedase pena. Os cabelos volven ser rubios. Tes que salvar ás bolboretas, hai unha epidemia en toda a cidade.

Perdoar, deixar de sangrar. Volves a ser a segunda persoa do singular ata que esperto completamente desorientada. Como quen morre de súpeto e deixa unha vida inacabada. E moita paz.