Hoxe diante da tumba do avó volveu a comerme a dor da ausencia. Creo que nos pasou a todos. Quixen berrar e chorar e dicir todas esas cousas que calamos… Doe sorrir e darme conta de que xa non estás.Tiñas que estar aquí PORQUE ISTO É TEU. Unha bágoa por cada ollo. Non podo reprimimirme, xa me chega con facer como se nada… Disimulamos, cambiamos de tema. Eu a primeira, pero sentinme tan culpable e miserable por iso, una vez máis. O equilibrio entre o que sinto, o que quero e o que se espera de min non é un punto estático da vida. Muta, cambia, varía, depende de mil cousas e ultimamente sinto e son conciente que ou me paso ou me quedo corta.

Tola, trastornada, egoísta, amargada…

Balas de prata que non matan ao lobishome nin a Hyde, nin a Drácula… Directas ao meu peito. É que niguén pode matalos. Ninguén. Son miope, non o esquezades e teño mellor oído ca vista.

Pechei os ollos. Sentín como todo se inundaba de mar. Eu era un peixe, branquias para respirar, ollos para non ver. Deslizarme e volver mergullarme ata onde non chega a luz. Aguanto a respiración? Onde vai  meu sangue? Oh, sorpresa, non teño memoria. Ameite? Soñeite? Coñecémonos? E todo se borra…

Perdín o tren. Non foi casualidade nin mala sorte.  A coartada perfecta. Fixen outra vez que o universo xirase ao meu ritmo. E volven a darme un Oscar… Que ben se me dá mentir, é a mellor defensa contra un mentiroso.  Reacciono, a defensa Luzhin. Acabáronse os xogos. E sen darme conta provoco unha bifurcación na miña vida. Todo cambia. Despacio, suave como unha caricia, constante. E sei o que vai pasar… Aí vén o tsunamí, o terremoto. Quizais xa veña de lonxe pero eu non puiden velo ata hoxe.

A sala de informática da FFT estaba pechada. Merda, murmurei. Tiña que imprimir o traballo para  entregarlle á de Didáctica do español. Saín voando cara Empresariais. Aínda brillaba o sol. Pasei por diante das dúas paradas de bus, baixei a costa e cando xa vía a entrada, xente descansando dalgún mestrado, fumando, entón vin esa silueta que son quen de recoñecer a quilómetros, a anos luz. Non deixei de camiñar, estaba de costas non me viu. Disparouseme o pulso, mareeime e caín como unha pedra contra o chan. Non sei o tempo que estiven inconsciente, creo que abrín os ollos cando sentín esa corrente eléctrica polo meu corpo. Ah, mira que ben, tiveron que chamar a unha ambulancia, eu sempre tan discreta. Ataque ao corazón fulminante. E ese olor… ese aroma… agochado na retina, eses ollos. Unha vez pedinlles matrimonio a eses ollos. Hai mil anos. Case non me recoñece. Agora estou máis guapa, agora xa non son tan nena e sei que intúe que agora se me dá mellor iso de xogar ao poker. Coñéceme como se me parise. E de súpeto xa non me lembro de nada, de absolutamente nada do que veu despois deses ollos. Sucedáneos, falsa anestesia e amnesia para o corazón. Ninguén pode competir coa persoa que che cambiou a vida. Ao final conseguín imprimir.