Corría sen parar. Polo camiño tiveron que prestarme algún chuvasqueiro ou darme aloxamento. Cara onde vas? Por que corres? Respóndolles mentres corro. Cara o Sur, é a única maneira que teño de chegar. Perdo peso e cada día que pasa o meu corpo parécese máis ao dun atleta de verdade. Só fican os músculos. Énfadome co outono, non me gusta correr coas gafas cheas de auga. 1033 quilómetros, agóbiome, asústome. Non vou poder, non vou poder. O medo corre todo o inverno comigo, levo unha luvas negras nas mans. Se podo co frío, tamén podo coa desilusión. Chega a primavera e só teño ganas de chegar. Aguantarei o suficiente? Fareino ben? Empeza a ir calor e a miña memoria deshidrátase con facilidade.  O verán trae os derradeiros quilómetros e corro con bágoas nos ollos. Ti sabes o que me custou chegar ata aquí? Atraveso a liña de meta cun berro entre dentes.

O máis importante é que levo un libro baixo do brazo.

A fe, a confianza é algo tan fráxil… Translúcida como papel cebola, eses que utilizaba miña nai para facer patróns. Seica Cristo podía cambiar a materia das cousas, de viño a sangue. Transubtanciación. Alquimia da alma é o que me toca a min. Raíces profundas e pacientes.

Xogo de pés. Balanceo, baile. Vista. Reflexos. Ruxido de motor. Teño xa case tres meses de carné. Pásame o mesmiño que cando (por fin) aprobei a carreira. Cústame crermo. Estouno facendo, estou conducindo. Co amor é o mesmo. Estou con el facendo calquera cousa e ese momento de incredulidade espértame. E non podo evitar lembrar todas a veces nas que me autoconvencín a min mesma de que cando o conseguise si me sentiría grande, muller. Pero non é así. Non comprendo que clase regalo me fixo o tempo. Cando tiña quince anos morría de ganas por ter vintetantos. Era o que máis ansiaba na vida. Tiña a sensación de ir no pelotón pedaleando detrás de outros. Sigo a sentirme tan nova, tan nena coma sempre. A muller asoma polo espello con especial forza, pero a nena segue aí. Máis pura, menos débil, máis espabilada.

Son unha nena-muller. Sigo a selo.

Platón viaxa en tren. Boteino de casa.

Andaba calado, asexando polas portas, argallando. Mentiume, algo que nunca perdoo. Non volverá pisar esta terra. Ben que o sabía, por iso se agochou tanto tempo.

Boa viaxe.