
Levámosche flores e o paso do tempo maréame. Volve ser 11 de setembro. Alí, diante da túa lápida aínda sen o teu nome e sen o 23 de xuño penso que todo é un soño. Aínda non casamos o Rei e eu e estades todos. Tampouco comecei o curso, o curso que repetiría unha e mil veces se puidese. Un instante, un pestanexo, unha respiración. Pero as rosas que che levou o tío Afonso seguen frescas e contrastan coa miña memoria. O tempo acelérase e a labazada na cara doe máis ca nunca; o 11-S que máis sangrei. Non distinguir o ilusorio do real… Non podo ser máis barroca. Empezan a caer os temas coa calma e pausa dos quilómetros que xa peregrinei este verán. Na biblioteca case sempre sento no mesmo lugar rumbo ao nordeste. Cando o sol rompe a néboa entra directo como unha lanza que me atravesa o peito. E sae Garcilaso dos apuntes para pelexar con Chomsky. Boxean como bestas mentres a xente comeza a facer apostas. E aparece Nemoroso desesperado por min. Explícolle que non son a Elisa pola que chora. Pero ninguén me escoita e as mozas que preparan o MIR colócanme á forza sobre unha das mesas de estudo. Queren reanimarme. Pero operarme de que? Se eu estou ben. Anestésianme e noto como me evaporo. Nemoroso non minte, alguén chora por ti. Parvos, é a miña familia chorando pola avoa, pola nai, pola tía.
Esperto cando volve soar o espertador. O gato sae do meu abrazo e non distingo se é luns ou martes. Á altura do corazón teño cosido medio endecasílabo e unha prescripción médica na mesiña de noite:
“Elisa, vida mía”.