jamescolor

Onte naceu Andrea. Hoxe volve chover. No meu instagram a xente anda de vacacións no Norte, no Mediterráneo ou na miña Lisboa. Digo miña, porque sempre será miña. Seguramente se cruzaron coa miña pantasma dos 21 anos facendo de guía ás visitas ou dándoo todo nalgún garito. Feliz e auténtica. Teño saudade de min mesma. Tan inxenua, tan valente. Sempre me erguía. Non escoitaba a ninguén, brillaba sen ser consciente.

Nubes grises asoman, queren entrar pola fiestra, secuestraron o sol indefinidamente. Naceu Andrea, pero o inverno resístese a deixar o asento baleiro. O inverno sempre me lembra a Lisboa. Alí perdínlle o medo ao frío. Devezo pola primavera á vez que a temo. Empezou a miña conta atrás e a ansiedade xa me fai visitas nocturnas. Déixoa estar. Naceu a Andrea, tan esperada, tan soñada por toda a familia. Ela é a certeza de que o futuro será mellor.

Como Lisboa.

Deixar un comentario