
Unha mañá espertas, míraste no espello e ves unha moza de 29 anos. De onde saiu? Como chegou ata aquí? Porque o único que lembras (e lembrarás o segundo antes de deixar este mundo) é aquela impaciencia por medrar. Caen os anos, agora tan rápido que semella que o que tes diante é o volante dun fórmula 1 e non un reloxo de area.
Hoxe cando espertei había neve. As paredes da miña habitación desapareceran. Sol e vento pelexaban por abrazarme e turrar das miñas orellas. Onte fixo sete anos que me regalei o blog. E da mesma estraña forma, volvo sentir que cheguei á cima dunha montaña.