Podería facer unha crónica sobre o concerto, podería copiar frases que non son miñas ou colgar un vídeo. Síntoo, tampouco sei ser obxectiva ou racional.

Prefiro mergullarme nos meus recordos.

Cantas persoas collían naquel auditorio? Bágoas nos ollos cando tocan Imposible Germany. Viaxei aqueles días do Primavera Sound 10 nos que me dicían unha vez e outra vez que era imposible, que ía caer. E sorrío para min, sentada en primeira fila co meu imposible sentado á esquerda. Lembro que vin a perfección cando tiña 17 anos. Tiña Arte de optativa e o mellor que que che pode pasar é que algún bo profesor leve á túa clase de  intercambio a Nápoles e que unha das paradas (de tres días) sexa Florencia. Eu que vivía namorada da perfección, que me obsesionaba e me drogaba en silencio, atopeina en forma de bloque de mármore convertido no ser humano máis perfecto. O David de Miguel Anxo deixoume paralizada. Ese foi un dos instantes que me cambiou drasticamente a idea que tiña sobre a vida. Había alguén máis comigo, de pé naquela sala ateigada de turistas. Ves? Xa non tes que buscar máis, está aí. Agora sé ti mesma, para sempre. Bágoas nos ollos. Quixais ese alguén fose eu dende o futuro, viaxando ao pasado en soños. Por que non? Quen non soñou con volver atrás nas nosas vidas e salvarnos?

Aquela mañá de setembro de hai dez anos deixei de querer ser Indiana Jones á procura da perfección. Volvín daquela viaxe con aquela íntima revelación no corazón.Segue intacta.

O venres a perfección quixo volver a aparecérseme: Wilco.