Cando corro son outra persoa. As miñas pernas só entenden de quilómetros e nada, agás a miña mente, me pode parar. A cabeza dilúese. Nada importa, nada existe. Non teño medo dos coches nin de que se me pare o corazón. Deixo de preguntarme se quizais só son a sombra dunha pantasma. Fico máis espida ca diante do espello ou sen gafas que oculten a miopía do meu corazón. Fuxo, son máis rápida ca min mesma. E convértome naquilo que sinto que non poderei chegar a ser nesta vida.

Pensan que me preocupa a miña figura, quero gustar… (Non sei, quizais esta tamén é unha nova  entrada  na miña longa lista de percepcións erróneas) E calo porque non me atrevo a  confersarlles que só cando corro me sinto invulnerable, segura e protexida. Que ninguén pode volver ferirme.

Quizais o único que sei sobre a vida é que hai cousas que ninguén máis nolas pode dar. Nin o amor, nin a familia, nin os amigos. Só un mesmo. Só eu.  E que sen ese “algo” todo se vai á merda. Custa tanto chegar ao cume do Everest, pero é tan sumamente doado esvarar e caer… Volver perderse, volver ser unha nazi. Cando as neurosis merodean, cando toda a túa vida fuches unha inxenua, unha persoa tan débil e tan valente á vez, tan extremista que non sabes en que momento a auga se tranformou en lume… Cando me pregunto se serei suficiente para el co paso do tempo…

Corenta minutos despois paro. Estou algo cansa, suada. Fago estiramentos e dúchome sen ese estado de alerta permanente. Sen buscar aprobación. Por fin, en equilibrio.

Un comentario en “

Os comentarios están pechados.