(photo by Pablo Araújo)

Amor

Amor

Quen sabe onde comeza e onde remata? Ninguén.

Os  cando, os como, os onde ou os por que marcharon á procura de novos planetas e só queda esta chuvia de verán que calma a sede da terra. A miña sede ancestral, de dinosaurio xa extinguido.

Amor, a palabra non pronunciada (por que non son digna de que entres na miña casa, pero unha palabra túa abonda para me sanar), inoloro como a saudade.

… Amor é o teu nome no meu corazón.

Ourense, 20 de xuño de 2011

Soño contigo, pero nos son consciente. Realidade semiparalela, coma se noutro mundo, noutra vida non vivida xa non me quedase pena. Os cabelos volven ser rubios. Tes que salvar ás bolboretas, hai unha epidemia en toda a cidade.

Perdoar, deixar de sangrar. Volves a ser a segunda persoa do singular ata que esperto completamente desorientada. Como quen morre de súpeto e deixa unha vida inacabada. E moita paz.