
Estou namorada do Sr. E, aínda que ás veces me provoca ansiedade.

Estou namorada do Sr. E, aínda que ás veces me provoca ansiedade.
Hoxe diante da tumba do avó volveu a comerme a dor da ausencia. Creo que nos pasou a todos. Quixen berrar e chorar e dicir todas esas cousas que calamos… Doe sorrir e darme conta de que xa non estás.Tiñas que estar aquí PORQUE ISTO É TEU. Unha bágoa por cada ollo. Non podo reprimimirme, xa me chega con facer como se nada… Disimulamos, cambiamos de tema. Eu a primeira, pero sentinme tan culpable e miserable por iso, una vez máis. O equilibrio entre o que sinto, o que quero e o que se espera de min non é un punto estático da vida. Muta, cambia, varía, depende de mil cousas e ultimamente sinto e son conciente que ou me paso ou me quedo corta.
Tola, trastornada, egoísta, amargada…
Balas de prata que non matan ao lobishome nin a Hyde, nin a Drácula… Directas ao meu peito. É que niguén pode matalos. Ninguén. Son miope, non o esquezades e teño mellor oído ca vista.

Para min o mellor do xadrez é cando o teu opoñente se despista, infravalora a ese pequeno peón que vai avanzando lentamente e que un día calquera se transforma nunha nova Raíña…

Ese momento de máxima tensión no que é case imposible moverse ou respirar… Había que aguantar, manter o equilibrio e non ser quen primeiro en amosar debilidade.

Por que a vixías cando pensas que non te ve? Por que fuxes tantas veces? E a min encantaríame collerte por banda e dicirche, xa sei porque tremías cando ela te abrazaba… Sei que non era medo, non, que a min non me enganas. Era desexo, ás veces aínda o segue a ser. E non, deixa de correr, non podes escapar.

Pechei os ollos. Sentín como todo se inundaba de mar. Eu era un peixe, branquias para respirar, ollos para non ver. Deslizarme e volver mergullarme ata onde non chega a luz. Aguanto a respiración? Onde vai meu sangue? Oh, sorpresa, non teño memoria. Ameite? Soñeite? Coñecémonos? E todo se borra…

O que me espera…

Pensei que buscaría a miña versión adolescente entre os meus alumnos. Estaba convencida. Observeinos, primeiro desconfiada, son moitos anos formando parte dos adultos. Prexuízos absurdos. Pero os meus ollos nunca me enganan e déixome levar polo instinto animal. Non sei en que momento foron meus, ese instante no que me escoitan, só iso. A algúns bríllanllelos ollos, sinto como a miña empatía funciona mellor que nunca e que por fin todos estes anos de extrema sensibilidade serviron para algo. Fago maxia. Engánchanse. Dígolles cal é o Norte, e sorrín aliviados. Van cargados desa inocencia pura, esa forza bruta, nin unha soa cicatriz. Caerán, partirán pernas, brazos, mans, corazóns, soños… Gañarán e perderán. Saben o que queren, pero non poden facerse unha idea do moito que lles queda por vivir. E coma todos, tan só necesitan que alguén crea neles para que poidan comezar a escalar o Himalaia.

grazas a Coconut, vaia concertazo tivemos no cuvi