
A sala de informática da FFT estaba pechada. Merda, murmurei. Tiña que imprimir o traballo para entregarlle á de Didáctica do español. Saín voando cara Empresariais. Aínda brillaba o sol. Pasei por diante das dúas paradas de bus, baixei a costa e cando xa vía a entrada, xente descansando dalgún mestrado, fumando, entón vin esa silueta que son quen de recoñecer a quilómetros, a anos luz. Non deixei de camiñar, estaba de costas non me viu. Disparouseme o pulso, mareeime e caín como unha pedra contra o chan. Non sei o tempo que estiven inconsciente, creo que abrín os ollos cando sentín esa corrente eléctrica polo meu corpo. Ah, mira que ben, tiveron que chamar a unha ambulancia, eu sempre tan discreta. Ataque ao corazón fulminante. E ese olor… ese aroma… agochado na retina, eses ollos. Unha vez pedinlles matrimonio a eses ollos. Hai mil anos. Case non me recoñece. Agora estou máis guapa, agora xa non son tan nena e sei que intúe que agora se me dá mellor iso de xogar ao poker. Coñéceme como se me parise. E de súpeto xa non me lembro de nada, de absolutamente nada do que veu despois deses ollos. Sucedáneos, falsa anestesia e amnesia para o corazón. Ninguén pode competir coa persoa que che cambiou a vida. Ao final conseguín imprimir.