
Cando en 1984 se celebraba a primeira edición dos Premios Xerais eu non tiña máis de seis meses de vida. Hoxe camiño cara os trinta. Lembro que os primeiros libros que merquei durante a miña adolescencia eran de Xerais. Un Nadal pedín Rapazas de Agustín Fernández Paz e non fixen outra cousa que lelo durante a cea con auténtica fame. É o único que lembro daquela Noiteboa. Eu era desas frikis que seguía a gala dos Premios Xerais por twitter, en stream ou como lle cadrase. Outra vez a fame, máis desta vez acompañada dunha sede tan real que remataba por provocarme saudade. Mais, como é posible ter saudade de algo que nunca tiveches? Quizais porque só o Tempo sabe que algún día o conseguirás.
Era luns o día que Fran Alonso (o home que me reconciliou con Vigo) me chamou para preguntarme se quería formar parte do xurado desta edición. Botei un par de días camiñando con ás nos pés, é o que sucede cando algo que non te atreves a soñar ocorre. Despois viñeron as caixas cheas de orixinais, as lecturas no tren, na cama ou mesmo na biblioteca. O xantar en Soutomaior, o debate, a relectura e a decisión final. Con Cadeas o meu foi amor a primeira vista que se foi confirmando a medida que pasaba as follas. Vivín a gala devorando cada detalle, nerviosa, emocionada, aínda coa sensación de irrealidade, e sobre todo, compartindo algo tan importante para min coa miña xente. Ao final tiven o valor de achegarme a Agustín para contarlle o meu idilio con Rapazas. Volvín ser a rapaza tímida e inxenua que se gastaba a paga semanal en libros.
Non me cansarei de repetilo: foi máxico formar parte da engrenaxe, ter o privilexio de camiñar polo corazón do dragón, que o detallazo de que Manuel Bragado saiba que son aultrenarai (que é quen realmente sinto que son) non se me vai borrar xamais da memoria.
As cousas rematan como empezan e o martes, despois de dous meses, os orixinais marcharon como viñeron, por mensaxeiro. Así pechábase o círculo, así volvía a saudade. Esta vez sabemos de onde vén.
