Damien saiu ao escenario só coa guitarra e cos pés espidos. Está máis delgado. Silencio, escuridade. Intimidade. Non puiden evitar pensar no tanatorio ateigado de xente no que estivera había unhas poucas horas. Tanta xente que aquilo parecía unha feira, só falta o polbo, comentou meu pai con toda a razón. Morrera un veciño da aldea. Era o avó dun amigo da infancia, daqueles veráns de aventuras lonxe da cidade. Pasábamos horas, días, noites enteiras xogando na rúa na que estaba na súa casa. Gordo, chamáballe con retranca ao neto. Ese neto co que eu pelexaba por parvadas e que agora chora desconsolado. Un veciño máis, pero que sen querelo estivo omnipresente nos meus recordos de nena. E volvo a facerme a mesma promesa, exactamente a mesma que cando tiña nove anos. Saco un coitelo do bolso e sen que me vexa ninguén, no que dura unha canción, paso o aceiro sen piedade pola palma da man.
O concerto prosigue coa banda e nalgunha momento viaxo ata un futuro que aínda non parín. Non teño imaxes, aínda non tiven tempo de escribir o guión, pero si os olores, si a música…
Damien, con ese corpo de grizzly e esa sensibilidade extrema, de poeta antigo, entrégasenos coma un neno agradecido e feliz. Compartiuse, deunos de comulgar a todos os que quixemos. Deus ten que parecerse a el, non pode ser doutra maneira.

Encantoume o post….
Directo, preciso….Unha gozada
GústameGústame