Os recordos xa non son meus. Deixaron de pertencerme, xa non teñen raíces no meu peito. Renunciei á súa custodia compartida. E as cicatrices? Pesadelos de madrugada marcando o ir e vir dos días. Pantasmas que se rían de min. Bicos, mentiras, sorrisos, ilusións, frustracións. Cuestión de sorte ou cuestión de non morrer afogada na soidade?

A muller que xamais amaron porque antes de ti non existía. As dúas caras da moeda, a dualidade da nena/muller. Abréseme o peito cara o ceo. Todo deixou de doer, de incomodar. Inxenuidade malgastada na ruleta da vida, sempre contendo o alento de mil infartos mal curados. Ese accidente de coche do que lembras todos os detalles agás o medo a morrer. Inxenuidade que sae atronando do meu peito en forma dunha ducia de cabalos. Os seus cascos rompendo contra o chan provocan latexos que resoan en todos. E cando digo é en todos. Imparables.

Estás en todas partes,

no que foi,

no que non foi,

no que é,

non que será,

nos meus soños,

nas miñas rutinas,

nas miñas zapatillas de correr,

nas miñas gafas,

nas primeiras canas, nesta cara de nena.

Véxome correndo ao pé do río nunha imaxe de 360º, libre e grande. Sei quen son, sei cara onde vou e só podo facelo contigo.