Hai trucos que finalmente abandonan o seu corpo de ilusión para transformarse en maxia. A tristeza, a de verdade, a profunda é aquela que non ten que ver coa dor dunha enfermidade, dunha morte, dunha ausencia, dunha ferida de amor. Nin sequera che fai chorar, só é un xemido afogado nos ollos. Ese pequeno brinco que dá o corazón dentro da súa caixa, o pinchazo da anestesia. Quen se dá e non recibe máis que soidade.

Opositar é como prepararse para escalar un oitomil. Prepararse para sufrir, para aguantar, para o frío. Prepararse para saber que facer cando che veña a desesperación. Controlar a ansiedade, calmarme como se puidese saír do meu corpo e abrazarme. Tranquila, todo vai ben, podes facelo. Machacareime na biblioteca todos os días. Soñarei cos exames, cos comentarios, con unidades didácticas. Fareino ben? Dominarei os nervios? Berro, abro os brazos cara o ceo porque sei o que se me vén enriba. Deixareime a pel, o sangue, o meu tempo.

Cando por fin sentes que naciches para algo non podes apartarte dese camiño. Estou soa e ninguén pode axudarme, só podo confiar en min. É cuestión de supervivencia.