Xa facturara a maleta. Dirixíame a embarcar e pasar polo ritual dos controles de seguridade cando pasei por diante deles. Era unha familia arxentina despedíndose da avoa. Eran uns quince ou vinte. Polo que falaban deducin que a avoa regresaba a casa. Canto tempo levaban sen verse? Canto tempo volvería pasar a que volvesen a abrazarse?

Abrazos pausados, puntos a parte. Os abrazos a aquela velliña co temor a que fosen os derradeiros. A odisea de conservar os olores, a temperatura corporal cun océano no medio… Saudade no iris.