Ese momento de máxima tensión no que é case imposible moverse ou respirar… Había que aguantar, manter o equilibrio e non ser quen primeiro en amosar debilidade.

Por que a vixías cando pensas que non te ve? Por que fuxes tantas veces? E a min encantaríame collerte por banda e dicirche, xa sei porque tremías cando ela te abrazaba… Sei que non era medo, non, que a min non me enganas. Era desexo, ás veces aínda o segue a ser. E non, deixa de correr, non podes escapar.

Pechei os ollos. Sentín como todo se inundaba de mar. Eu era un peixe, branquias para respirar, ollos para non ver. Deslizarme e volver mergullarme ata onde non chega a luz. Aguanto a respiración? Onde vai  meu sangue? Oh, sorpresa, non teño memoria. Ameite? Soñeite? Coñecémonos? E todo se borra…

Pensei que buscaría a miña versión adolescente entre os meus alumnos. Estaba convencida. Observeinos, primeiro desconfiada, son moitos anos formando parte dos adultos. Prexuízos absurdos. Pero os meus ollos nunca me enganan e déixome levar polo instinto animal. Non sei en que momento foron meus, ese instante no que me escoitan, só iso. A algúns bríllanllelos ollos, sinto como a miña empatía funciona mellor que nunca e que por fin todos estes anos de extrema sensibilidade serviron para algo. Fago maxia. Engánchanse. Dígolles cal é o Norte, e sorrín aliviados. Van cargados desa inocencia pura, esa forza bruta, nin unha soa cicatriz. Caerán, partirán pernas, brazos, mans, corazóns, soños… Gañarán e perderán. Saben o que queren, pero non poden facerse unha idea do moito que lles queda por vivir. E coma todos, tan só necesitan que alguén crea neles para que poidan comezar a escalar o Himalaia.