A sala de informática da FFT estaba pechada. Merda, murmurei. Tiña que imprimir o traballo para  entregarlle á de Didáctica do español. Saín voando cara Empresariais. Aínda brillaba o sol. Pasei por diante das dúas paradas de bus, baixei a costa e cando xa vía a entrada, xente descansando dalgún mestrado, fumando, entón vin esa silueta que son quen de recoñecer a quilómetros, a anos luz. Non deixei de camiñar, estaba de costas non me viu. Disparouseme o pulso, mareeime e caín como unha pedra contra o chan. Non sei o tempo que estiven inconsciente, creo que abrín os ollos cando sentín esa corrente eléctrica polo meu corpo. Ah, mira que ben, tiveron que chamar a unha ambulancia, eu sempre tan discreta. Ataque ao corazón fulminante. E ese olor… ese aroma… agochado na retina, eses ollos. Unha vez pedinlles matrimonio a eses ollos. Hai mil anos. Case non me recoñece. Agora estou máis guapa, agora xa non son tan nena e sei que intúe que agora se me dá mellor iso de xogar ao poker. Coñéceme como se me parise. E de súpeto xa non me lembro de nada, de absolutamente nada do que veu despois deses ollos. Sucedáneos, falsa anestesia e amnesia para o corazón. Ninguén pode competir coa persoa que che cambiou a vida. Ao final conseguín imprimir.

“Lembro que quero coller un tren. Hai cola por todas partes. Fai que non me ve, ou realmente  non me ve? Sigo ao meu. Cando me toca a min a señorita que me atende enfádase porque non xa non quedan billetes. Tiñas que ter sido máis previsora. Tampouco quedan para autobus. Dáme a risa, nin que fose a fin do mundo… Brazo con brazo, hombro con hombro. Agora si que me ve.

– Resulta que quedei sen billete.

– Vaia putada, non?

– Pois… creo que non… realmente eu aínda non teño que coller ese tren.

– Ah…

Tomamos algo na cafetería da estación. Non coñezo a cidade, non a recoñezo por moito que me esforzo. Cóllolle a maleta, imos ata o andén. Estou algo impaciente, teño medo de que perda o tren. Mírame, tócalle marchar. Cústalle pero ao final arranca e dáme un abrazo. Forte, moi forte. Píllame de sorpresa. Déixome levar, o meu corpo amóldase, son dúas pezas que encaixan. Pecho os ollos, síntome en paz. Cando volvo abrilos vexo outra vez esa mirada… Pero coma sempre a miña inxenuidade é máis grande. Que che pasa? Que tes? Non me aguanta a mirada e non o entendo.

– Pero ti non te dás conta??

– Pero… darme conta de que? É que che xuro que non sei de que me falas… Que saín onte!

– Non podo estar sen ti…

– QUE? Boh, non digas parvadas, veña que vas perder o tren. (Volvo a rir, enfádase)

– Que cho digo en serio, que N-O-N   P-O-D-O   E-S-T-A-R   S-E-N  T-I.

Quédome sen aire nos meus pulmóns. Por primeira vez na miña vida… O meu xesto cambia sen darme conta. Observo incrédula mentres un “non pode ser” rebota unha e outra vez dentro da miña cabeza.”

Esperto totalmente desorientada e paralizada. Escoito como miña nai xa anda a remexer coa aspiradora. Debín quedar durmida, penso para min cando consigo volver respirar con normalidade.  É sábado 27 de febreiro de 2010